Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Sentido común é o que fai falta

As alertas meteorolóxicas vánsenos das mans e dan lugar a situacións absurdas

TOMAR DECISIÓNS para milleiros de cidadáns, cada un coas súas circunstancias, sempre deixa descontentos. Se a administración non é previsora con, poñamos por caso, o empeoramento meteorolóxico e non suspende a actividade nos colexios, seguramente haberá familias que vexan imprudencia. Se, como sucedeu esta semana, a Xunta suspende o transporte escolar e a saída aos patios e, ao final, na maioría dos sitios caen catro folerpas, a polémica está montada. 

Acertar non sempre é fácil, pero dun tempo a esta parte dá a impresión de que a Consellería de Educación se cura en saúde. E algunhas das medidas de seguridade que adopta dán que pensar. As axencias meteorolóxicas alertaban de frío e de neve en cotas baixas esta semana, pero non dicían que as precipitacións foran ser tan intensas como para bloquear as estradas. Así e todo, a Xunta suspendeu o transporte escolar durante vintecatro horas en 173 concellos galegos, 52 de Lugo, entre eles, moitos da Terra Chá. O curioso é que o mércores garantiu o desprazamento de ida, pero non o de volta, e o xoves, non houbo autobús para ir á escola pero si para volver. As clases mantivéronse, polo que cómpre preguntarse por que as estradas eran inseguras para os autobuses e non ofrecían risco para os mestres e as familias, que se quixeron mandar os nenos ás aulas tiveron que ocuparse de recollelos o mércores e de levalos o xoves.

Hai quen tamén ve excesivo que se impedira aos nenos saír ao patio, coas poucas oportunidades que hai para gozar das folerpas en lugares como a capital e a Chaira. Isto non é Canadá, onde se adopta esta medida cando o termómetro baixa de 40 graos, pero Lugo tampouco é Levante, hai moitos días de xeadas, de néboas e, nalgunhas zonas, tamén de neve, polo que en teoría a xente está acostumada ás inclemencias.

Sentido común é o que fai falta, aínda que ben é certo que ás veces escasea tamén nos cidadáns. Ás veces, de pouco serven as alertas de non practicar montañismo polo risco de tormentas e de desprendementos. Hai quen se bota igualmente ao monte e despois son os membros dos equipos de rescate os que teñen que arriscar as súas vidas. E que dicir dos temporais de mar, dos avisos de non achegarse á beira e dos constantes incumprimentos, que xa custaron moitos sustos, unhas cantas vidas e moito diñeiro público.

É certo que na maior parte de Galicia non neva tanto –ou nada– como para estarmos igual de preparados ca noutros países, onde son obrigatorios os neumáticos de inverno, entre outras medidas, pero resulta realmente incrible ver como un aeroporto se paraliza por unha xeada, unha autopista se pecha por uns centímetros de nevada, a xente se queixa de que en marzo fai frío e a Tv pública despraza varios equipos nun mesmo día a distintas partes de Galicia onde, como informaban os reporteiros esta semana, a neve non superaba os 15 centímetros. Se chegan a caer nevadas como as de Estados Unidos non hai cámaras nin xornalistas que cheguen.

Aemet ou Meteogalicia?

CHAMOU a atención que a Xunta adoptara as medidas de protección e informara do temporal de frío e neve nas canles públicas en base ás alertas da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e non de Meteogalicia. As predicións desta eran máis suaves (agás no mar) e resultaron ser máis certeiras. Para que queremos unha axencia galega de meteoroloxía se ao final nos fiamos máis da estatal?

Lugonovo tamén avisa

UNHA especie de alerta é o que parece que empezou a lanzar Lugonovo ao goberno local. A corporación afronta un momento clave, xa que está en xogo a aprobación do presuposto municipal, e semella que a Lugonovo non lle gustan moito nin as formas nin os fondos do goberno. Esta semana sacoulle as cores co despropósito da grúa (sae a 500 euros o vehículo) e o mantemento dos contratos con empresas da Pokemon.

CSIF mete presión

CSIF mete presión para que se aprobe o novo cadro de persoal do Concello. Ao goberno dille que é necesario se non quere que lle volva a recurrir o orzamento, se é que se aproba. Á xefa de Persoal, Marta López, coa que ata agora sintonizaba e que informou desfovarablemente, recórdalle que parte do traballo se fixo sendo ela coordinadora de Persoal. E ao PP que, ou se aproveita dos descontentos, ou estes del.

Sentido común é o que fai falta
Comentarios