Sábado. 20.10.2018 |
El tiempo
Sábado. 20.10.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Quen negocia mellor?

Feijóo fixo negocio co auditorio e a Tinería pode ser unha ocasión para que Méndez se luza
 

Feijóo, con Lara Méndez y Rey Varela. ELISEO TRIGO
Feijóo, con Lara Méndez y Rey Varela. ELISEO TRIGO

COA XUSTIFICACIÓN de buscar solucións para Lugo que outros non dán, di, o goberno municipal chegou a acordos coa Xunta cando menos chamativos e cuxo rédito, político e cidadán, está por ver. Os exemplos máis salientables son a exención á Xunta do Imposto de Bens Inmobles (Ibi) de varios edificios sanitarios, a cambio de que equipe o novo auditorio, e o aluguer por parte do Concello dos locais que o Goberno galego rehabilitou na Tinería, para poñer a disposición de emprendedores. 

No caso do auditorio, quen saíu ben foi a Xunta. Xa o dixera daquela o exportavoz popular no Concello, Jaime Castiñeira, quen, tras louvar a maña negociadora de Feijóo, manifestara o desacordo cunha proposta que non beneficiaba a cidade, dicía. Mentres que, noutras urbes, este equipamentos foron custeados a medias polas administracións, que é tanto como dicir cos cartos de todos os galegos, en Lugo pagará toda a conta a Xunta, pero coa carteira dos lugueses. A oposición xa dixo que iso é un ‘trágala’ e anunciou que votará en contra, agás o PP, ao que non lle quedará outra que achantar e tentar que a mensaxe de "se non fora pola Xunta, o auditorio seguía sen equipar" domine sobre a de "se o Concello non puxera o diñeiro, o auditorio seguiría pechado" que predicará o goberno socialista. O peor é que probablemente as dúas frases son certas. 

A historia comezou coa disputa sobre a quen lle tocaba equipar o inmoble. De primeiras, Feijóo ofreceu poñer un terzo do presuposto. Despois, suxeriu facelo co Ibi do Hula e a alcaldesa respondeulle ofrecéndose a perdoarlle o imposto de edificios sanitarios equivalente ao custo total do equipamento. Xustificouno na imposibilidade de dispoñer das partidas necesarias, por non ter presuposto actualizado, pero supuxo admitir que non se vía capaz de xestionar ese investimento antes de que tocara volver a enfrontarse aos electores. E por se o negocio fora pouco, acaba de saberse que a Xunta aforrou 1,5 millóns na licitación. 

De distinta forma pode verse o asunto dos locais da Tinería, aínda que para chegar a onde chegamos, a recente adxudicación a emprendedores, o Concello deu tantas voltas que a súa habilidade negociadora volveu a quedar en entredito. Primeiro a Xunta anunciou a venda dos baixos ao mellor postor; o Concello ofreceuse a compralos coa fin de evitar a especulación e de asegurar actividades que sexan positivas para o barrio; despois recuou e propuxo que lle cedera os baixos e, finalmente, ante insistencia da Xunta de que este fórmula non era posible, propúxolle alugalos. Se non hai contratempos —se as licenzas municipais non tardan, por exemplo— en 2019 a actividade aumentará de forma considerable na Tinería e o barrio dará un cambio, segundo é de esperar. O equipo de Lara Méndez poderá contar entón que a rehabilitación de vivendas —área na que a Xunta leva investidos moitos millóns de euros— non é suficiente para revitalizar unha zona que tamén sofre unha forte degradación social. E que o Concello conseguiu o que a Xunta non logrou en lustros: dar vida aos locais.

Cando se quere pódese
A adxudicación dos baixos comerciais da Tinería é a demostración de que, ás veces, cando se quere pódese. Ao Concello cústalle un mundo sacar proxectos adiante, pero en menos de medio ano xestionou estes alugueres a pesar de non seren locais propios. Hai que dicir que, sen desmerecer —ou en contraste— con outros servizos municipais, o Concello ten funcionarios moi implicados na área de desenvolvemento local.

Breogán emprendedor
O local número 26 da Rúa Miño foi adxudicado á Tenda do Breogán, establecemento co que o club de baloncesto fai caixa a través da venda de artigos. Pagará 36,99 euros ao mes —o custo de catro camisetas— porque o Concello de Lugo lle subvenciona o 80% da cota, como ao resto de adxudicatarios, coa diferenza de que o Breogán ten detrás de si 50 anos de historia. Neste momento, emprendedor precisamente non é.

Dous cervences en liza
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, son dous vellos coñecidos porque se viron as caras moitos anos como edís en Cervo. A política de comunicación do Goberno galego en Lugo deu un xiro grande coa chegada de Balseiro, polo que Méndez terá que volcarse e afinar para convencer os cidadáns de que a aposta que fixo pola Tinería foi un acerto e nun gol en meta propia.
 

Quen negocia mellor?
Comentarios