Blog | A Semana do Revés

A política estéril aborrece

É ASOMBROSA a miopía e o descaro que amosan os partidos políticos neste país —así, en xeral— á hora de tentar sumar vontades e de xustificar accións. Axuda, parece evidente, o sentido pouco crítico do electorado —así, en xeral—, que só parece reaccionar en situacións extremas (11-M, profundísima crise económica como a dos últimos anos...). E o peor é que, ás veces, un non sabe moi ben para que, vistos os resultados.

Ese pasar por riba dos cidadáns toca teito nas campañas electorais, pero ten outro punto álxido cando se presentan os presupostos das administracións. A tres días de que se deran a coñecer os do Estado, ao goberno e ao PSOE lucenses pareceulles o momento de presentar unha ofensiva para tratar de que Lugo teña unha estación intermodal e tomaron a iniciativa de dirixirse a Fomento para constituír a comisión de seguimento que o ministerio, a Xunta e o Concello asinaron nun protocolo de intencións en 2010. Dende 2013 sábese que Fomento desistiu deste proxecto, e pode que neste tempo os representantes socialistas no Congreso o reclamaran, como fixo a alcaldesa ante o presidente da Xunta tras tomaren posesión unha e outro, pero non parece que fora casual o movemento de agora, que seguramente non levará a ningún lado.

Resulta igual de chamativo o anuncio da Xunta de que este ano vai facer estudos de intermodalidade na contorna da estación de tren. Os lucenses pensabamos que a intermodalidade era viable nese lugar, posto que, en 2011, representantes da Xunta formaron parte do xurado que elixiu un anteproxecto para unha estación desas características na zona, xunto a membros de Adif, do Concello e dos colexios galegos de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños. Daquela eran gobernos de distintas cores e entendíanse, ou iso parecía. Agora, co PP na Xunta e no Goberno do Estado, as administracións van por separado.

Un ano máis, nin Adif nin Fomento dispoñen partida para este proxecto, e a Xunta destina só 75.000 euros este ano, así que pode que a única forma que atopara de comprometerse con el fora con iso dos estudos previos. O PP non está por quedar sen alcaldía unha vez máis, e confía en que isto lle axude, como anunciar unha vez tras outra unha Comisaría e unha chea de servizos máis na antiga Residencia, incluso o día no que se sabía que os Presupostos do Estado non reservaban nin un euro para ela. A paciencia dos veciños deste barrio está ben probada.

No capítulo de singularidades políticas pode incluirse o manifesto do socialismo lucense para que o Ave chegue a Lugo. Presentouno despois de que os Presupostos do Estado non recolleran nada con ese nome, pero si 640 millóns para a electrificación e a modernización da vía Lugo-Ourense. A cifra parécese moito á da proposta que fixo hai uns meses o Eixo Atlántico nun acto que contou cun amplo despregue do socialismo lucense. Daquela víana interesante, agora parécelles pouco.

Comentarios