Blog | A Semana do Revés

Ping Pong no Concello

O CIDADÁN que acude ao Concello a buscar un certificado ou a facer un trámite sinxelo non o percibe, pero pode que poucas veces a administración lucense —e quen a goberna— vivira unha situación tan complicada como a actual, alomenos na historia recente. Pode que nin nos tempos de rexistros xudiciais e imputacións, nos que o goberno de Orozco pouco menos ca se deixaba ir, a situación interna fora tan complicada. Nesa época houbo momentos duros, con chantaxes a cara descuberta dalgúns sectores. E, nos últimos tempos, nalgunhas áreas tampouco había moito impulso político e o medo ao xulgado freaba a moitos funcionarios, de maneira que asuntos importantes, como proxectos de cidade e contratos millonarios de servizos caducados, non saían adiante. Pero, mal que ben, no básico a maquinaria ía funcionando.

O panorama actual, o que se ve dende fóra e o que deixa entrever o goberno, que ademais coincide co retrato que fan algúns traballadores, bota para atrás a calquera. As contas municipais están saneadas, o Concello ten liquidez e, aínda que nalgúns casos con algo de retraso, paga sen dificultade. O problema é que hai un atasco monumental no abono de facturas anteriores a 2016 —cuxo crédito debe ser autorizado polo pleno— e a situación ten moitos responsables e consecuencias dun calibre que quizais algúns non miden ben. Esta semana, por segunda vez, o non de PP e de Ace-EU e a abstención dos demais impediu habilitar diñeiro para pagar 2,3 millóns de euros (máis de 5.000 facturas) a numerosos provedores do Concello.

O retraso na tramitación obedece a razóns diversas, igual que a negativa da oposición a pagar. Hai empresas que tardan en mandar os recibos e ás veces fano con erros, que non sempre son sinxelos de detectar. Durante máis dun ano, un funcionario deixou de conformar as facturas eléctricas ao deixar de cobrar a gratificación que recibía por iso —alegaba que era unha función que non lle correspondía—. Hai gastos que se fan sen o procedemento reglamentario, como o interventor advirte dende hai anos. Hai centos de facturas que corresponden a contratos caducados (algúns dende hai máis dun lustro) e que nalgún caso pertencen a empresas que están baixo investigación xudicial, coas que o Concello mantén relación. E, a pesar de que dende hai anos se coñecían os prazos para a implantación da factura eléctronica, esta chegou e o Concello segue sen estar preparado. As facturas chegan por vía telemática e seguen imprimíndose en papel para envialas aos servizos que deben comprobalas, e despois de volta, á espera de que funcione unha aplicación informática.

O incumprimento do período medio de pago aos provedores ten gravísimas consecuencias, que van do particular ao colectivo. Hai asociacións como a Protectora de Animais cuxo funcionamento está en xaque e a nómina de persoal dalgunha empresa que traballa para o Concello (a da grúa) está no aire, pero ademais a administración local non pode destinar os remanentes que ten a investimentos na cidade, coa necesidade que hai deles; as transferencias do Estado (en 2016 foron 22 millóns) corren risco e en calquera momento as subministradoras eléctricas volven a cortar a luz en instalacións municipais, por exemplo.

E quen é responsable desta situación? Pois os políticos e os funcionarios. A oposición, porque non se pode votar en contra do pago de facturas e despois compadecerse de quen non cobra e de que o período medio de pago non deixa de aumentar. Como outros edís, o mes pasado, a popular Ana López Pombo votou en contra e a entidade que dirixe, o Colexio de Veterinarios, calificou a situación da Protectora de "intolerable".

Máis responsabilidade ten, loxicamente, o goberno, por non ser capaz de xestionar mellor. O de non querer, como din funcionarios e oposición, resulta difícil de concibir, alomenos nalgúns asuntos e nas circunstancia actuais, cando as consecuencias son tantas e tan graves e a alcaldesa ten que responsabilizarse continuamente da firma de pagos sobre os que hai reparos de legalidade. Aínda que, outras veces, é difícil ver o suposto interese por sacar adiante os asuntos. O servizo de Medio Ambiente advertiu hai un ano de que o contrato da limpeza e a recollida de lixo —o maior contrato do Concello e un dos máis visibles para os cidadáns— acababa o 31 de marzo de 2017, chegou a data e, a pesar de que o goberno di que se traballa nas novas bases, nin en Medio Ambiente nin en Contratación saben nada delas e non hai trazas de que vaia haber licitación este ano.

O equipo de Lara Méndez é reducido, ten eivas e algúns edís afrontan áreas inabarcables. Porén, outro gran problema neste momento é que, se antes entre o funcionariado reinaba a desidia, agora directamente ten o goberno contra as cordas, en gran parte debido á enquistada revisión da relación de postos de traballo (RPT). O documento segue á espera de informes técnicos —un xa se emitiu e é desfavorable e outro non pinta fácil— e, mentres o sindicato CSIF, cuxos afiliados na Policía Local serían os máis beneficiados, presiona para que o goberno aprobe a RPT, o sector de descontentos cada vez ten máis forza. Sorprende a súa unión, por inusual, e o pulso que mantén co goberno.

Así, se CSIF xa manda avisos a Méndez —o Arde Lucus está ás portas, a vía penal está aí..., din—, no outro bando ultimamente hai quen non move papeis máis que para cambialos de mesa. "Van de oficina en oficina. Chega un papel a un funcionario e sóltallo canto antes a outro, os papeis fan ping-pong. Non sae un expediente nin de broma", conta un deses traballadores descontentos coa RPT e críticos coa xestión municipal. A versión coincide co que suxire o goberno, que en voz baixa se queixa de que os trámites administrativos tardan un mundo; que uns servizos piden informes doutros para, en ocasións, discutilos; que os prazos se dilatan e que ata hai inexplicables cambios de criterio técnico. É obvio que funcionarios e oposición se aproveitan da extrema debilidade do goberno, pero non é menos certo que ás veces este, con intención ou sen ela, peca de atrevido.


Así 'negociou' CSIF?

DÚAS horas antes de que CSIF votara a favor da RPT, o sindicato protestaba contra ela na casa consistorial. Os feitos causaron estupor, pero poderían entenderse coa explicación que os sindicalistas dan en 'petit comité'. A súa idea era pedir 300 euros de suba salarial e, se a cousa se poñía difícil, ofrecer un día máis de traballo ao ano. Non lles fixo falta porque o goberno ofreceulles 400 euros de primeiras, contan.

Comentarios