Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

O problema non (só) é escavar

A PRESENZA, hai uns días, dalgunha peza arqueolóxica á intemperie, e supostamente ao alcance de calquera, nunha parcela a carón de Bispo Aguirre chamou a atención a algunhas persoas polo suposto descoido do material. Seguramente as pezas non estaban onde deberían —os responsables, o promotor e o director da escavación, explican que as moveron os traballadores da obra civil, porque seguramente lles estorbaban— pero o sucedido dá pé a reparar no verdadeiro problema, un deles, das escavacións: a inxente cantidade de material que hai gardado en caixas e en almacéns, sen estudar, sen restaurar e sen expoñer. Sen sacar proveito del, en definitiva, nin para avanzar no coñecemento da historia, que ademais daría traballo a moita xente, nin para tirar do turismo e sacar rédito económico.

En Lugo, as escavacións empezaron en 1986, cos aparcadoiros subterráneos municipais. Acababa de aprobarse a Ley del Patrimonio Histórico Español, que obrigaba a facer prospeccións previas a calquera intervención no subsolo dun casco histórico, e por primeira vez se viron arqueólogos na cidade. Nin estes nin a cidadanía que os apoiaba, que non era moita, como tampouco o respaldo que recibían das administracións, conseguiron salvar as necrópoles das prazas da Constitución e de Ferrol, pero durante tres meses sacaron cantidades inxentes de material destes dous lugares e de Santo Domingo. Boa parte do que hoxe se sabe do Lugo romano débese a esas escavacións, as pezas máis significativas están expostas na Porta Miñá e noutros museos municipais, pero a maioría seguen gardadas en caixas que agora se poden ver moi ben colocadiñas no vello cárcere.

Alí está o material que apareceu ata 1996, cando a raíz da Lei de Patrimonio Histórico de Galicia, a custodia dos achádegos pasou a ser responsabilidade da Xunta. Todo o que se extraía na provincia levábase ao Museo Provincial, ata que este esgotou a súa capacidade de almacenaxe. A continuación pasaron anos sen que os arqueólogos puideran entregar material, de maneira que os gardaban en locais propios, ata que a Xunta acordou que se depositaran no museo de Viladonga, e nalgún caso, por proximidade, nos de Vilalba e A Fonsagrada. Pero Viladonga tampouco dá para máis e xa hai un tempo que van para un almacén da capital. Ademais, a Xunta apremia aos arqueólogos, baixo ameaza de inhabilitación, a que entreguen todo o material que teñen pendente de depositar, por falta de dilixencia ou porque non llelo recolleron antes.

Porén, o problema é que non hai ningunha perspectiva de que todas esas pezas vaian saír das caixas, alomenos a curto ou medio prazo. A Xunta ten aparcado o proxecto do museo da romanización, un centro que non só tería o cometido de expoñer pezas senón de restauralas nos casos necesario e, sobre todo, estudalas e comparalas con outros achádegos para extraer coñecemento, que, en definitiva, é o que nos fai persoas e o que move o mundo. De que serve escavar, se non?

Propietarios obrigados
OS PROMOTORES de obras que afectan a conxuntos históricos, monumentos, zonas arqueolóxicas ou xacementos declarados de interese cultural ou catalogados están obrigados a facer controis ou escavacións arqueolóxicas, segundo proceda. O custo e as complicacións que trae este traballo retrae moitas intervencións. E o peor é que, unha vez que se fai, acaba aí, ao non haber labor de estudo.

Sentenzas que se obvian
A ASOCIACIÓN de empresarios da construción xa lle gañou varios pleitos á Xunta sobre o sufragamento das escavacións. Os xuíces din que o custo dun beneficio colectivo non pode recaer nunha persoa. Porén, as administracións non toman nota e non prospera a eterna demanda dun consorcio que coordine as accións e habilite presuposto para axudar nos traballos arqueolóxicos, ao estilo de Santiago, Cuenca ou Mérida.

"Só interesa o bonito"
A FALTA de conciencia sobre a importancia de destinar recursos a poñer en valor os achádegos é un mal que afecta a administracións públicas, universidades e á propia cidadanía. «Á xente só lle interesa o bonito», lamenta un arqueólogo. A situación é similar no resto de provincias galegas. O coruñés museo de San Antón e o das Peregrinacións (Santiago) non dán para máis e válense de almacéns.

O problema non (só) é escavar
Comentarios