Blog | A Semana do Revés

O pobo, sempre de último

A negociación do orzamento local probou que nin o goberno nin a oposición están á altura

NOS POLÍTICOS que ocupan postos nas institucións sempre se deu a disxuntiva entre a defensa do interese público e do partido, pero cada vez é menor e menos disimulada. Acaba de verse na fracasada negociación do orzamento da cidade. Na asemblea de Lugonovo escoitáronse xustificacións para non apoialo como que "politicamente non podemos chegar ao ano que vén da man do PSOE" ou "debémonos ás 5.000 personas que nos votaron e moita xente está esperando a que lle deamos un pouco nos fuciños [ao PSOE]". 

Pero habería que preguntarse se eses votos se outorgaron só para evitar a dereita e desaloxar a Orozco. É probable que tamén haxa quen espere algo máis, como que a formación intente levar a cabo as políticas que promulga e contribúa no que poida a que a cidade mellore. Por non dicir que é incoherente tentar ser alternativa política e pretender contentar só a 5.000 lucenses.


É obvio que quen goberna e quen sostén o goberno teñen máis responsabilidades, pero aquí ninguén está libre de culpa


No BNG non foi posible escoitar os argumentos da abstención porque aínda que presume de asembleas abertas, só o son para militantes e simpatizantes. Oficialmente, a formación di que os orzamentos presentáronse tarde, que non se van executar se non os hai, seguro que tampouco e que se ignoraron as súas propostas. Curioso argumento cando o goberno leva meses facéndolle a rosca, aínda que á súa maneira, porque anunciou iniciativas como propias.

C's insistiu en poñer como condición un colexio en San Fernando co mesmo énfase co que o goberno se negou a estudalo. Seguramente 
C's sabía ben que así sería. Por moi necesaria que sexa unha alternativa ao colexio de Quiroga Ballesteros, non sería doado aínda que ao mellor si necesario explicar ante a Xunta un novo cambio de criterio sobre a sede do museo da romanización, por moi aprazado que a administración autonómica teña este proxecto. O asunto valeulle a C's de escusa para non poñerse ao lado dun goberno con moitos problemas de imaxe. Aínda que iso supoña aumentar os que ten a cidade.

AceEU aínda non explicou por que non apoiará as contas, pero ao goberno veulle a dicir que non podería xustificar o apoio ante a súa parroquia. Outra vez o partido antes que a cidade, igual ca no PP, que o xoves, despois da desesperada chamada da alcaldesa, se amosaba aberto ao diálogo "o acordo xa se impuxo aos intereses partidistas outras veces [con Orozco]" e o venres recuaba dicindo que non é segundo prato e que o goberno non lle merece confianza pola deficitaria xestión.

Este é un argumento que empregan todos os partidos e que sería válido se non fora porque non ofrecen alternativa. C's propuxo hai meses que o PP liderara unha moción de censura e Lugonovo insiste nun goberno amplo de esquerdas, pero os dous escenarios semellan irrealizables nuns tempos de alerxia ao entendemento político. Non se sabe se algunha destas opcións sería mellor ao que hai. pero nin gobernar nin deixar gobernar tampouco beneficia en nada ao pobo. O grao de responsabilidade non é o mesmo. É obvio que quen goberna e quen sostén o goberno teñen máis, pero aquí ninguén está libre de culpa. Sobre todo cando os de sempre teñen a gala ser máis serios que os da nova política.

O fracaso era visto
Tal como negociou o PSOE non era difícil adiviñar o resultado. A oposición non axudou, pero coa minoría que ten o goberno non é lóxico empezar a negociar en abril. Non presentou un proxecto orzamentario (avanzou píldoras); houbo grupos cos que a alcaldesa non falou (delegou noutros membros do seu equipo) e se os partidos asamblearios non son fiables, haberá que intentalo, pero en serio, cos outros.

Rocha, a peito descuberto
O voceiro de Lugonovo recibiu unha tunda da asemblea polo seu desexo de buscar un acordo co PSOE para os orzamentos, pero non está disposto a que o acusen de irresponsable e insiste en que a esquerda debe unirse, demostrar que quere ser útil á cidadanía. "O que houbo ata agora non funcionou, haberá que buscar fórmulas de goberno máis axeitadas", di. Unha postura tan lóxica como, por desgraza, inxenua.

Non todo é orzamento
Funcionar cun orzamento prorrogado supón moitas limitacións e traballo para sacar adiante os asuntos un a un no pleno, pero pode que unhas contas actualizadas tampouco garantisen unha mellora abismal. Cun goberno tan reducido e pouco ensamblado, os moitos e variados problemas de persoal e a falta de perspectiva do equipo de Méndez á hora de abordar algúns asuntos é un milagre que as cousas saian.

Comentarios