Jueves. 13.12.2018 |
El tiempo
Jueves. 13.12.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

O peto roto do Concello

O CONCELLO de Lugo ten contas saneadas. Non ten problemas de liquidez, pecha os exercicios con cartos sen gastar e, aínda así, é a terceira cidade de España que máis tarda en pagar aos seus provedores (139 días). As razóns, xa explicadas, van dende o caos que houbo durante máis dun ano no servizo eléctrico a que o módulo que permitirá a tramitación interna das facturas electrónicas aínda está "en período de pilotaxe", polo que hai que imprimilas e mandalas aos servizos correspondentes e despois, outra vez de volta.

Pero a boa situación económica da que presume o goberno pode deixar de selo se non atalla algúns dos buratos que sufre a administración. Esta semana, o TSXG díxolle, por segunda vez, que calcula mal a taxa por ocupación de solo público e anulou os puntos relativos á construción. É probable que o Concello non teña que devolver moito diñeiro (segundo algunhas interpretacións, as posibilidades dos afectados de reclamar o que pagaron de máis non son moitas), pero os ingresos caerán. Está por ver se o Concello poderá liquidar esa taxa nos vindeiros meses e se o xulgado anula outros puntos, como os que afectan a terrazas e barracas.

Os ingresos do Concello resíntense, entre outras cousas, porque nin sequera é capaz de liquidar o que lle corresponde. En outubro, Lugonovo denunciou que só cobrara a taxa a doce terrazas e Lugo Monumental asegura que, a día de hoxe, as do centro aínda non se liquidaron. Hai decenas —tirando ao baixo— de edificios que non pagan pasaxe de garaxe porque o Concello tarda meses en concedelo, porque non poden obtelo ao careceren os seus edificios de licenza de ocupación ou porque simplemente eluden o pago. Porque esa é outra, a inspección tributaria do Concello deixa que desexar. O único dato que puido aportar o goberno do fraude detectado en 2016 foron 419.000 euros "correspondentes na súa maioría ao imposto de plusvalías". Ata o interventor municipal sinala a necesidade dun maior control. Esta semana sóubose que o Concello tivo que devolver 19.000 euros a Orange porque a rede que usa e pola que se lle cobra non é da súa propiedade e, polo tanto, a liquidación contradi a normativa europea. As empresas de telecomunicacións tributan un 1,5% da facturación bruta pola explotación do servizo, pero non pagan nada por tender as súas redes pola cidade. A situación cambiará o ano que vén, segundo un acordo plenario promovido por Lugonovo.

Unha deficiente redacción na ordenanza á hora de delimitar as zonas con saturación acústica provocou que se lle dera licenza a un pub na Horta do Seminario e agora hai que indemnizar os donos con 105.136 euros. Pola obra da fábrica da luz, o Concello recibiu multas de 220.000 euros, cantidade que xa supera o que está previsto que reciba en concepto de canon durante os 38 anos de explotación por parte da empresa Inca. Por non falar das inxentes cantidades de horas extras que se poderían aforrar nalgúns servizos, como a Policía Local, se tiveran a organización lóxica. E aí temos O Garañón. Hai que tirar as torres e o risco dunha millonaria indemnización ao promotor é grande. O Concello vai ter que facer moitos números nos próximos anos para que lle dean as contas.


Fan falta xurídicos?

É A PREGUNTA que sae ao ver como o Concello perde contenciosos e cartos por erros nalgunhas ordenanzas fiscais. Os construtores e os hostaleiros do centro levan anos advertindo ao goberno de que o cálculo da taxa por ocupación de solo público era incorrecto. Aos políticos non lles queda máis que fiarse dos funcionarios, pero cando os avisos son tantos e tan claros, algunha outra comprobación deberían ter feito.

'Boicoteo' ao emprego

A FALTA de persoal no Concello é unha queixa constante. Nos últimos anos de Orozco nin sequera se aproveitaron as poucas posibilidades que deixaba a lei. Nos dous primeiros anos do actual goberno aprobáronse dúas ofertas de emprego, pero as dúas foron recurridas no xulgado por empregados e sindicatos, nalgúns casos con razón e noutros está por ver. A consecuencia é que seguen sen convocarse prazas.

Ou ibi ou auditorio

A ALCALDESA, Lara Méndez, di que vai estudar a proposta da Xunta de perdoarlle o Ibi do Hula e outras instalacións sanitarias (704.000 euros ao ano) a cambio de que poña máis cartos para equipar o novo auditorio. Pero, por canto tempo sería a exención ou bonificación? Indefinida? Se é así, a proposta parece algo aproveitada, se temos en conta que o equipamento do auditorio se estima en 3,5 millóns de euros.

O peto roto do Concello
Comentarios