Blog | A Semana do Revés

O lento camiño de compostar

Asturias non cobra o tratamento e axuda aos concellos e, aínda así, recolle só 600 toneladas

Contenedores do lixo nunha rúa de Xixón. EL COMERCIO
photo_camera Contenedores do lixo nunha rúa de Xixón. EL COMERCIO

ASTURIAS NON foi pioneira na compostaxe de residuos orgánicos domésticos pero vai moi por diante de Galicia, polo que pode ser un espello para ver as dificultades que ten cambiar o modelo de tratamento do lixo nunha cidade. En poboacións pequenas resulta máis sinxelo, con composteiros individuais ou comunitarios, como é o caso de Allariz, onde os veciños e o Concello van man a man.

Asturias estreou en 2013 unha planta de biometanización que lle custou 19 millóns de euros (contou con financiamento da UE) con capacidade para tratar 30.000 toneladas de materia orgánica ao ano. Transcorrido case un lustro,non chegan a 600 as toneladas de lixo que recibe. En 2017 foron 592, fronte ás 380.000 de residuos misturados que foron ao vertedoiro. Unha das vantaxes da instalación é que foi deseñada para tratar tamén lodos de depuradoras urbanas, que é outra das liñas de negocio do Consorcio para a Xestión dos Residuos Sólidos de Asturias (Cogersa), que botou a andar en 1982 e hoxe integra a todos os concellos da rexión.

A razón do pouco biorresiduo que se separa parece estar no difícil que ás veces é cambiar os hábitos. Os asturianos dos concellos que xa implementaron a recollida separada de residuos orgánicos teñen que ter un caldeiro máis na cociña e iso, hai que recoñecer, supón unha molestia. Indudablemente, o sistema tamén implica un esforzo económico para os concellos, que teñen que mercar contedores específicos e organizar a recollida e o transporte. No caso asturiano teñen cuberto ata 50% do que lles custa. Cogersa ten unha liña de axudas para depósitos, recollida viara, transporte e campañas de concienciación. Ademais, de momento non lles cobra o tratamento dese lixo. Polo do contedor común, os municipios pagan 20,77 euros a tonelada, polo que reducir a cantidade deste recipiente suponlles un aforro.

A pesar de todo isto, a incorporación é lenta. Neste momento hai adheridos once concellos, entre eles os tres máis grandes (Xixón, Oviedo e Avilés), pero algúns aínda están en fase de información aos cidadáns, como Oviedo. Xixón é un dos máis adiantado. Empezou nun barrio en 2015, foi estendendo o sistema a outros e neste mes levará a cabo unha terceira fase, coa que prevé chegar ao 25% da poboación, segundo informa Emulsa, a empresa municipal de servizos de medio ambiente.

Cando remate o ano, Xixón levará instalados 400 depósitos para a recollida selectiva de lixo orgánico, que implantou sen aumentar os medios de transporte nin o persoal. Como a implicación dos veciños é lenta, os contedores non se enchen todos os días, así que baleiránse dúas ou tres veces á semana. O resto dos días, os camións recollen o lixo dos outros recipientes. Os depósitos de biorresiduos funcionan coa tarxeta cidadá, para potenciar un bo uso e evitar que queden abertos e xeren molestias. Na actualidade, Xixón tramita unha ordenanza para facer obrigatorio a separación de residuos orgánicos, na liña que marca a UE.

A onde irá o lixo de Lugo?
LUGO prevé implantar a recollida selectiva de biorresiduos co novo contrato, que está en trámite, pero ten aspectos por resolver, como a onde vai mandalos. Só poden tratalos plantas que teñan a autorización preceptiva. Na provincia hai dúas potenciais, Biocompost e Agroamb. Esta di que explora esa nova liña de traballo e que algúns concellos teñen interese, pero os custos de transporte, entre outros, son un freo.

Planta de Sogama parada
A XUNTA chegou a ter un plan para construír varias plantas compostadoras, que abandonou. Optou por unha, no complexo de Sogama, con capacidade para 15.000 toneladas ao ano. Está  lista, á espera de que os concellos que están nun radio de 45 quilómetros implanten a recollida selectiva. Prevé unha taxa de 45 euros por tonelada (a de tratamento convencional é de 69) e que os concellos asuman o transporte.

O compost tira pouco
Asturias produce compost, pero non é de gran calidade nin ten moita demanda como fertilizante, polas características das súas terras, así que vai case todo a campos de cereal de Castela. Por esa razón, a planta céntrase na produción de electricidade co biogás que xeran os residuos. Con ela cubre un terzo da demanda das instalacións de Cogersa, un complexo que ten ata un centro de interpretación dos residuos.
 

Comentarios