Blog | A Semana do Revés

As incógnitas da escolarización

Ábrese o período de reserva de praza e hai colexios con cuestións pendientes de resolver


ESTA SEMANA abriuse o período para solicitar praza nos colexios para nenos de tres anos e, como sucede sempre, desatouse o nerviosismo entre os pais que están nesa situación. Non é para menos porque, aínda que non é unha decisión que non teña volta atrás, o colexio é o lugar onde o neno vai pasar moitos anos e a onde os seus pais van ter que levalo e traelo moitos días durante moitos anos. Ultimamente, a demanda concéntrase nos colexios do sur da cidade, unha zona que medrou e na que residen moitas parellas novas, pero en realidade a situación pode variar cada ano. Tamén a zona norte está moi poboada e ten moitos nenos, en boa medida grazas aos inmigrantes.

A proximidade á vivenda propia ou ao lugar de traballo, as instalacións e os servizos que presta o centro e, moitas veces, simplemente a zona que ten, adoitan inclinar a solicitude de praza nun colexio ou noutro, que despois será atendida ou non, en función da puntuación que teñan o resto de demandantes. O baremo valora a existencia de irmáns matriculados no centro, a proximidade a este do docimilio ou do traballo dos pais, a renda familiar, e condicións como discapacidade, familia numerosa e monoparental, entre outras. Este ano, por primeira vez, o proceso pode facerse vía internet, e iso posiblemente evitará as carreiras dos pais polos centros o último día a última hora da mañá para tratar de confirmar se hai posibilidade no desexado ou se se opta por outro.

A escolarización na cidade de Lugo enfróntase neste momento a varias incógnitas. A maior é que vai suceder cos nenos do Sagrado Corazón a partir do ano que vén, porque teoricamente o vindeiro curso é o último nesas instalacións. O convenio con Abanca remata no 2018 e o prometido novo centro non se albisca. Hai proxecto e terreos, pero a Xunta pide que estes sexan entregados en condicións para construír e o Concello non parece estar polo labor. Non moi lonxe do Sagrado Corazón está o colexio das Gándaras, un centro con moitas prazas libres e cociña e comedor propios. Este servizo sempre é aprezado polos pais, pero ao Sagrado Corazón van moitos nenos da vía do tren para arriba e ás súas familias seguramente lles parecerá lonxe as Gándaras.

Outra das incógnitas é se o tema dos comedores escolares nos centros públicos estará solucionado para o vindeiro curso. Neste, as Anpas aceptaron facerse responsables do servizo. Na práctica, o servizo funciona coma nos últimos anos, a través da empresa Vitae e a subcontrata de cátering Central II. Non hai queixas sobre el, pero Ace-EU puxo de manifesto o baleiro legal que tiña. A elaboración e o subministro de comida facíase a través dunha empresa que non tiña contrato directo co Concello e polo tanto tampouco supervisión. A administración local acaba de lograr autorización da Xunta para prestar o servizo e ultima as bases para sacalo a concurso, pero para iso precísase que o Concello dispoña de presuposto actualizado, e a súa aprobación non pinta fácil. Se o asunto non se desbloquea, está por ver se as Anpas estarían dispostas a seguir facéndose cargo.


Obras nas Mercedes

A REFORMA do colexio das Mercedes, que permitirá ampliar as instalacións do centro, segue sen data por trámites entre o Concello e a Xunta. A estas alturas dáse por feito que os traballos serán aprazados ao próximo verán. Pais e profesores ansían moito a obra, pero estaban moi preocupados por como se ía compatibilizar coas clases. No Rosalía de Castro houbo que suspender as actividades extraescolares este curso por obras.


Aires novos en Paradai

GUSTE ou non, o colexio de Paradai ten certa estigma polo gran número de alumnado inmigrante e de etnia xitana que acolle, pero a nova dirección do centro, con Marta Castro ao fronte, estase volcando en darlle a volta e amosar as vantaxes que ten a interculturalidade. Introduciu actividades novas, como visitas de profesionais de distintos ámbitos ás aulas e unha escola de pais. A resposta é boa.


Mobilidade pendente

UN PROBLEMA asociado á actividade escolar é a mobilidade na contorna dos colexios e institutos, especialmente no centro da cidade, onde as opcións para aparcar sen pagar son escasas. Algúns centros teñen servizo de transporte, pero claramente parece insuficiente. Actualmente, o bus urbano tampouco é unha opción, polas limitacións que ten. Haberá que ver se coa reforma que se agarda cambia a situación.

Comentarios