Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Erros que desmerecen éxitos

UN VENRES deste mes preto do mediodía, un cidadán chama ao Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) do Concello para contactar cunha das empresas que se aloxa nel. A persoa que atende o teléfono non coñece a firma, non ten maneira de pasar a chamada e tampouco dispón do número de teléfono, asegura. Nin desta nin das demais. O seu compañeiro non está e el non sabe, di. Cal é, entón, a maneira de contactar coas firmas que se aloxan no CEI-Nodus?, pregunta o cidadán. "Pois terá vostede que pasar por aquí", informa o interlocutor. Hai máis maneiras, por sorte. Na web do viveiro de empresas –á que se accede a través do portal www.lugo.es– hai unha listaxe, aínda que algo desactualizada, porque figuran negocios que xa non están alí, e no propio CEI-Nodus hai traballadores máis que competentes e comprometidos coa administración e cos cidadáns. 

O CEI-Nodus é un departamento municipal que, na súa non moi longa historia, ten acadado xa uns cantos éxitos. Demostrouse válido como xerador de empresas. Promoveu dende pequenos negocios de autoemprego e pemes a firmas como AMS Lab, un laboratorio de análisis moi diversificado que naceu en 2008, ten máis de 60 traballadores e tres filiais en Marrocos, Italia e Portugal. 

Dende a oficina de desenvolvemento local, integrada no centro, lévanse captado e xestionado dende o 2001 máis de 63 millóns de euros, entre fondos europeos e cofinanciación doutras administraciones (incluído o Concello), 

O CEI-Nodus botou a andar con bastante polémica polo millonario investimento que se fixo no edificio, pero o traballo do centro enseguida calou as críticas. Por iso é triste, e inxusta, a imaxe que dá con respostas aos cidadáns como a de hai uns días. É fácil deducir que pensará do CEI-Nodus alguén que se encontre con esa contestación no seu primeiro contacto co centro ou alguén que non coñeza como funciona realmente. Tampouco fará gracia ás empresas que se aloxan nel. Se todos os comezos son difíciles, os empresariais non o son menos, e seguramente os emprendedores estarán ávidos de darse a coñecer e de facer contactos. 

A atención ao público debe coidarse sempre, non só porque é obriga das administracións estar ao servizo dos cidadáns, senón por interese propio. No Concello de Lugo hai carencias e cométense erros, pero tamén son moitas as cousas que se fan ben. O problema é que ás veces acaban ensombrecidas por descoido ou falta de xestión. Seguramente hai poucos concellos en España que dedique tanto diñeiro a políticas sociais, pero pagar as axudas para a compra de libros de texto e material escolar cando acabou o primeiro trimestre seguramente non é o máis útil para as familias. Os colexios públicos dispoñen dun servizo de comedor mediante catering que en xeral ten satisfeitas as familias, pero demostrouse que a súa situación era alegal, como mínimo, e mentres non se corrixe, foron os pais os que tiveron que facerse responsables. E nesas estamos.

Fitur, oportunidade ou non

A PRESENZA de políticos en Fitur e a maneira na que se promociona a cidade na gran feira de turismo do país, de carácter internacional, sempre é motivo de debate. É xusto preguntarse se rende a presenza durante dous días en Madrid de dous membros do goberno lucense –a alcaldesa e a edil de cultura–, dous asesores e outros dous funcionarios (conductor e protocolo) e se é a mellor estratexia de promoción.

Atados aos párkings

SE O QUE conta Interparking é certo (o Concello non respondeu), o contrato dos párkings municipais é un exemplo do pouco que a administración protexe os seus intereses. Di a firma qe non está recollido en ningún sitio que o servizo teña que prestarse con persoal, por iso o automatizou en dous deles polas noites. Quizais é así porque, nos oitenta, ao mellor non se adiviñaba que puidera facerse doutra maneira.

Incompatibilidades

NA REVISIÓN de postos de traballo e condicións na que traballa, o goberno local pretende subir o complemento específico a funcionarios que, por lei, non poden compatibilizar o seu labor con traballo privado. Porén, o goberno ten outro asunto pendente: esixir a solicitude de compatibilidade a aqueles funcionarios que levan anos traballando no sector privado sen ver reducido o salario público, como marca a lei.

Erros que desmerecen éxitos
Comentarios