Blog | A Semana do Revés

Empezou a precampaña

A Xunta amosa máis interese por Lugo ca noutras épocas e o Concello ponse as pilas



CANDO Feijóo chegou ao Goberno, suprimiu os delegados provincias das consellerías e nomeou unha superdelegación da Xunta, os xornalistas vaticinamos unha batalla entre a superdelegada Raquel Arias e o daquela todopoderoso presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Non chegou a haber tal cousa; a superdelegación da Xunta fíxolle pouca sombra a un Besteiro que precisamente se catapultou á dirección do PSdeG dende o pazo de San Marcos. Agora semella que é outra a pelexa política que se vive na cidade, entre a Xunta, a través do seu novo e hiperactivo delegado, José Manuel Balseiro, e a rexedora da capital, Lara Méndez.

A Xunta parece decidida a recuperar a alcaldía de Lugo como sexa e, a falta de algo máis de dous anos para as municipais, amosa un interese pola cidade que non demostrou de forma tan evidente noutros momentos. Pasaron as autonómicas, o PP ampliou a súa maioría parlamentaria e o partido segue de campaña. Choven anuncios como se houbera que ir votar mañá mesmo. Residencia de anciáns, comisaría, estación intermodal... Haberá que ver cando e como se cumpren, porque se finalmente a Xunta equipa o auditorio pode que sexa cos cartos dos lucenses, co Ibi que o Concello lle perdoará polo Hula e outros edificios sanitarios. É a proposta que está sobre a mesa por iniciativa da administración autonómica e asentimento do goberno local.

Ninguén é manco e o tempo corre, quizais por iso a alcaldesa cambiou de estratexia e empezou a presentar iniciativas a destro e sinistro. Nalgúns casos poder ser porque o traballo empeza a dar resultados (arranxo de rúas, acondicionamento de hortos en Paxariños, limitación da velocidade a 30 na Ronda, campaña de control de aparcamentos irregulares...). Outros son anuncios de proxectos aos que aínda lles faltan trámites: ampliación da superficie das prazas dos párkings subterráneos, acondicionamento de parcelas públicas para aparcar gratis en distintas zonas da cidade, o desdobramento de Infanta Elena, praia fluvial...

Non só corre o tempo, senón que a necesidade apreta. O goberno precisa orzamento novo para asuntos do día a día, para proxectos novos e para asegurar financiamento, como o diñeiro do plan europeo Edusi. E para iso precisa á oposición, de aí os sinais que leva días facéndolle ao BNG, con iniciativas que levan o seu selo. Semella ter menos miramentos con Lugonovo, o grupo que máis apoio lle deu ata o momento.

O cambio de estratexia de Méndez vénlle ben porque é unha forma de amosar que o goberno non está de brazos cruzados, por fácil que sexa dicir o contrario dende a o oposición. Outra cousa é se o ritmo e o acerto poderían ser maiores. Por outro lado, a alcaldesa afasta un pouco o foco dun dos asuntos máis peliagudos do momento, O Garañón, e de problemas de funcionamento interno, como a RPT, os contratos caducados, o atasco nalgúns servizos e os problemas de tramitación de facturas, que afectan a provedores e condicionan a economía municipal.


Á espera do congreso do PP

O INTERESE que amosa a Xunta por Lugo contradise coa tardanza da convocatoria do congreso que o partido ten pendente dende hai anos para renovar a dirección local. Suponse que ese será o punto de inflexión para empezar a preparar a carreira cara á alcaldía. Primeiro ía ser en marzo. Esta semana, a presidenta provincial dixo que se celebraría en datas próximas ao de Coruña, fixado para o 21 de abril.


Á piscina cos presupostos

A ALCALDESA afirmou que lle gustaría someter os orzamentos á aprobación do pleno este mes, pero apenas acaba de iniciar as conversas coa oposición. A relación do goberno con esta non pasa polo mellor momento, pero deixar a cidade sen presuposto non sería fácil de explicar, sobre todo para BNG e Lugonovo. Sempre queda a cuestión de confianza, pero ás veces supón gastar tempo para chegar ao mesmo sitio.


Relevo de cafetería

A POLICÍA Local goza de pouco aprecio, pero fai pouco por mellorar a súa imaxe. A conta da reunión de toda a quenda de noite na cafetería do Hula de hai uns días, que se saldou sen sancións despois dunha investigación realizada polo propio corpo, os axentes explicaron que se dán o relevo do tempo de descanso nunha mesma cafetería. E peor aínda, avisan ameazantes de que saben quen os fotografou.

Comentarios