Blog | A Semana do Revés

C's toma a dianteira

A PRIMEIRA vez que a oposición escenificou a súa unión en contra do goberno foi nos primeiros meses de mandato, cando o voceiro popular, Jaime Castiñeira, aproveitou a súa veteranía e a impericia dos demais e promoveu un acordo plenario para solicitar a municipalización e a gratuidade da Ora. É posible que ese sexa o camiño que deba seguir este servizo, máis aínda despois de anos de sangría por parte dunha empresa baixo a lupa xudicial e de que Liñares, un dos homes fortes do goberno local durante anos, confesara cobros desta e doutras moitas firmas. Porén, ano e pico despois dese acordo seguimos igual, ou peor, sen Ora e con moitas dificultades para aparcar a diario en numerosas zonas. O goberno está anunciando e poñendo en marcha medidas para mellorar o tráfico, pero non van moi acompasadas e iso ten o risco de que a mobilidade empeore.

Co asunto do Garañón, esta semana foi C's quen tomou a dianteira, para sorpresa de moitos, entre eles o PP, grupo que liderou a oposición á urbanización dende o principio. Hai semanas que o PP defende a baza de tentar anular o convenio, á que despois se sumou Lugonovo e agora, toda a oposición. Pero foi a voceira de C's, Olga Louzao, quen tomou a iniciativa de poñer contra as cordas o goberno. Gañoulle en reflexos ao PP.

Por segunda vez neste mandato, a oposición fixo fronte común. Deulle unha semana de prazo á alcaldesa para que convoque a comisión monográfica e que esta analice, con asesoramento externo, a posibilidade de anular o convenio. Mentres tanto, Méndez di que negocia co promotor. E xa se sabe que chegar a acordos, xestionar, leva máis tempo e traballo que facer oposición. Aínda que tamén é certo que para enfrontarse a algo así, o goberno debería ter moi claro con que cartas conta e cales quere xogar.

A sentenza do TSXG que recibiu o Concello pon nun compromiso á alcaldesa, Lara Méndez, que de novo terá que elixir entre defender os intereses da cidade ou o legado dos seus facedores políticos. O xulgado anula o plan especial do Garañón e as consideracións que fai sobre este poderían ser para a administración o seguro ao que agarrarse para non ter que pagar máis indemnizacións das que xa son inevitables. Entre outras cousas di que, no convenio que firmou co promotor, non está xustificada a renuncia ao aproveitamento urbanístico que fixo. Hai quen ve a porta á anulación do acordo, como propón a oposición.

A sentenza anula o Garañón, pero valida o resto do PXOM, polo que, polo pronto, tivo que supoñer un gran alivio. É unha noticia boa para un goberno herdeiro de quen aprobou un plan que estivo cuestionado política e xudicialmente —tamén para o PP, que axudou a aprobalo— e bo para unha cidade cuxo crecemento e actividade económica sufrirían, sen dúbida, se quedara sen plan urbanístico (volvería ao dos anos noventa, para ser exactos). E se, por riba, a sentenza serve para que a cidade saia o menos damnificada posible da desafortunada operación urbanística do Garañón, xogada redonda.


Olga Louzao pisa forte

"POUCO a pouco, sen présas", responde Olga Louzao cando se lle inquire por calquera aspecto relacionado co seu traballo e as súas expectativas en política. Empezou de forma discreta, pero o seu papel no Concello vai de menos a máis. Cada vez con máis frecuencia, o seu grupo fai diana cos asuntos que, ben estudados, pon sobre a mesa. C's non ten nada que perder e, ás veces, deixa en evidencia á oposición máis veterana.


Lugonovo busca o sitio

A POSICIÓN política máis difícil que hai no Concello —goberno a parte— é a de Lugonovo. O talante construtivo do seu voceiro, Fernández Rocha, fai que o grupo sexa o sostén do goberno. Lóxico despois de darlle a alcaldía, pero arriscado vistos os resultados dese labor de goberno e os conflitos nos que se ve envolto. Construír ou destruír, ese é o dilema. O proveito que dá o camiño do medio, que é o que segue, non está claro.


Revés para Ace-EU

A OPOSICIÓN de Ace-EU vese condicionada polos medios que ten (un concelleiro e unha asesora) e pola súa fixación por demostrar prácticas corruptas nos gobernos de Lugo. Iso fai que o aposte todo a unhas poucas cartas, como a loita que mantén contra o PXOM dende moito antes xa de entrar no Concello. O TSXG acaba de avalar o documento, aínda que Portomeñe sostén que aínda hai moito recorrido xudicial.

Comentarios