Jueves. 13.12.2018 |
El tiempo
Jueves. 13.12.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Accedo, logo existo

CANDO AQUILINO González quedou tetrapléxico (1989) e un tempo despois empezou a saír á rúa en cadeira de rodas, a única opción era pasear entre coches e autobuses. Literalmente. Na cidade apenas había rampas e as que había eran perigosas e non levaban a ningún lado. Nin cafeterías, nin centros de ocio, nin edificios públicos... Nada era accesible. Case nin os centros de saúde. "Y el problema de la barrera es que un día haces un esfuerzo y la salvas; el segundo haces otro esfuerzo, y la salvas otra vez, pero al tercero, la rampa te derrota", explica con coñecemento de causa. Así que a opción era quedarse na casa ou empezar a batallar para que as cousas cambiaran.

Calquera lucense coñece o camiño que escolleu Aquilino, un martelo pilón que en todos estes anos tivo momentos de frustración, de cabreo con administracións públicas e con entes privados e ata momentos de derrota, como cando a falta de entendemento entre institucións de distinta cor política puxo en risco o ascensor que hoxe permite subir á muralla. Porén, o salto que deu a cidade en accesibilidade foi tan grande, que non só acaba de ser recoñecido pola UE, senón que está á vista e Aquilino é o primeiro en resaltalo. "Queda mucho por hacer, y por eso queremos que se destine más presupuesto a acciones de accesibilidad, pero hay que mirar en perspectiva. El cambio ha sido brutal. Será porque yo valoro cada metro, porque es un metro más de libertad. Accedes, luego existes, diría Descartes".


Aquilino é dende hai anos a cara de Auxilia para a accesibilidade, pero antes ca el pelexaron persoas como Marisol Bravo e Jesús Mato


Hoxe en día, Aquilino e as persoas que coma el teñen dificultades para moverse poden acceder a todos os edificios públicos e monumentos da cidade. Os tres aparcamentos subterráneos municipais teñen ascensor e prazas e baños adaptadas. O de Santo Domingo acaba de estrear, ademais, un pasadizo que o comunica coa Praza de Abastos. En xeral, os locais comerciais e hostaleiros tamén son accesibles, aínda que no centro aínda hai moitos que non, porque só se esixe para as licenzas novas. Un establecemento que faga reforma non está obrigado. E Lugo empeza a ser un destino turístico coñecido neste ámbito, grazas a que ten unha guía turística accesible —como a maioría dos avances logrados pola cidade, leva o selo de Auxilia— e a que está todo moi concentrado, os monumentos son visitables e o pavimento en xeral é bo. Son avances que gozamos todos, porque as discapacidades temporais son moito máis habituais do que se pensa. Se un rompe unha perna e a casa non ten ascensor xa é un problema. Camiñar con un carro de bebé é outra dificultade e facelo coas limitacións habituais de idades avanzadas xa non digamos. Ata que se colocou o ascensor da muralla, había persoas que durante toda a súa vida subiran ao adarve e, chegado un momento, tiñan que deixar de facelo.

Pero como di Aquilino, hai moito trigo que trillar aínda. Non se pode baixar a garda porque, á mínima, dámos pasos atrás. O Concello está levantando unha franxa de empedrado en varias prazas para colocar pavimento accesible pero, hai só un ano, encheu de pedras a Rúa Vía Romana. Grazas a que Auxilia andivo a tempo, non sucederá o mesmo coa Rúa Soto Freire, entre a estación de autobuses e o vello cárcere, e finalmente deixarase unha franxa libre.

Co empedrado que rodea a muralla, roubóuselle un espazo aos lucenses, que antes camiñaban por el, recorda Aquilino, e co valado da casa 48 da Ronda, deixouse a principal vía da cidade sen acceso para cadeiras de rodas. As persoas que as usan e que van aos cines das Termas acaban co pescozo desfeito porque o espazo para cadeiras é diante da primeira fila. Nas salas adaptadas de Abella están mellor, pero non hai espazo para acompañante. E na cidade hai varios quioscos de Cogami que daban emprego a discapacitados, e que teñen aseos adaptados, e levan anos pechados.

A UE valorou a casa domótica municipal, que dispón de cinco vivendas adaptadas. Leva varios anos aberta, pero nunca estivo ocupada na súa totalidade. Unha das residentes conta que o váter non ten asideiros —"intentaron poñelos e non puideron", di—, así que ela válese dunha lavadora e dunha secadora que puxo por cadanseu lado para fincarse, conta como exemplo do que non debería de ser.

Como membro do gabinete municipal de accesibilidade, Auxilia sostén que o compromiso e o bo facer dos técnicos municipais é incuestionable e cre que problemas como os mencionados quizais se producen por deixar os proxectos noutras mans.

Aquilino é dende hai anos a cara de Auxilia para a accesibilidade, pero antes ca el pelexaron persoas como Marisol Bravo e Jesús Mato, di. "Yo tiré por las calles, pero ellos pelearon por que la gente saliera de sus casas. Eran otros tiempos". A peonalización do casco histórico e a creación da ordenanza de supresión de barreiras, actuacións do exalcalde Joaquín García Díez e da exconcelleira Pilar Iglesias son fitos que Aquilino tampouco quere deixar de lembrar. Foi a base do que viría despois.

Accedo, logo existo
Comentarios