Lunes. 20.05.2019 |
El tiempo
Lunes. 20.05.2019
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

O xabaril, terror dos condutores

As administracións non teñen resposta para as incursións do porco bravo nas vías que rodean a cidade

Un garda civil dirixe un grupo de xabarís na N-VI en Lugo. XESÚS PONTE
Un garda civil dirixe un grupo de xabarís na N-VI en Lugo. XESÚS PONTE

NAS ESTRADAS que rodean a cidade de Lugo hai un problema novo, as incursións de xabarís, pero ningunha administración pública o considera tal. Alomenos, ningunha cre que sexa un problema grande ou que haxa que abordar de forma prioritaria. O goberno municipal di que a responsabilidade do tráfico na N-VI -onde se producen máis entradas destes animais- é da Garda Civil, non da Policía Local, e que a fauna salvaxe é responsabilidade da Xunta. A xefatura provincial de Tráfico di que é necesaria coordinación «entre todas as administracións con competencias na materia» e que, se a problemática continúa, haberá que adoptar medidas «dentro do que permita a normativa». A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, suxire que esta vertente do xabaríl debe ser abordada polo departamento do lado, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que á súa vez recorda que a N-VI (tamén a A-6, onde unha condutora atropelou varios xabarís hai un par de días) é titularidade do Goberno central.

O resultado é que, de momento, non consta que haxa ningún plan para atallar este problema, que empezou como anécdota e deu lugar a chanzas nas redes sociais porque os animais chegaron a pasearse pola Ronda da Muralla en pleno San Froilán pero só durante a pasada fin de semana provocou tres accidentes na A-6, nas inmediacións das tres saídas á cidade de Lugo, entre Nadela e O Ceao.

En 2016, a Xunta aprobou un plan integral de xestión do xabaril que contemplaba medidas para evitar accidentes viarios, como sinalización, construción de pasos de fauna e aplicación de repelentes. Os datos de siniestralidade apuntan a que, se algunha desas accións se levou a cabo, os resultados son insuficientes. Cada mes hai unha media de 110 accidentes con animais nas estradas da provincia de Lugo, segundo datos de Tráfico, e segundo a Xunta, o 50% están provocados por xabarís.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade di que leva dous anos facendo probas piloto de distinto tipo e que, en base a elas, o ano que vén vai levar a cabo varias accións, como a substitución do valado reforzado en dous quilómetros do corredor Nadela-Lugo -a vía con máis accidentes rexistrados por causa dos xabarís-. Tamén prevé probar prismas reflectores e repelentes en estradas convencionais, en tramos de concentracción de accidentes con animais das provincias de Lugo e de Ourense. Porén a consellería non ten moita esperanza no resultado destas medidas -que outras rexións xa probaron- e coincide co Ministerio de Fomento en que o único efectivo é o reforzo dos peches nas vías de alta capacidade, as que máis tráfico e máis velocidade rexistran.

Para as vías periurbanas non semella que haxa ningún plan. A Xunta tampouco autoriza batidas nas inmediacións de poboacións, polo que o único que lle queda aos condutores é andar con ollo e encomendarse á sorte para non atoparse cunha manda de porcos bravos.

Animais nocturnos
OS XABARÍS son animais bastantes sedentarios polo día, pero durante a noite poden recorrer distancias considerables (máis de dez quilómetros). Desprázanse en grupos matriarcais e adoitan repetir rutas, agás cando sufren o ataque a unha cría. Entón, a femia marcha a outro lugar, polo que se considera un xeito de afastar o problema. Nos arredores de Lugo hai semanas que se ven pola N-VI e pola A-6.

 

Especie exótica daniña
O XABARIL está incluído na lista das cien especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Segundo datos da Xunta, algún ano chegou a provocar danos nos cultivos valorados en 12 millóns de euros. As axudas compensatorias da administración son insuficientes. Para 2019, a Xunta prevé unha partida de 1,4 millóns de euros.

 

Control do monte
A POBOACIÓN de xabaril multiplicouse nas últimas décadas por cambios no territorio, como despoboamento e abandono das terras, cun aumento da maleza que resulta un refuxio idóneo para este animal. Medio Ambiente insta a administracións e a particulares a manter os espazos libres de biomasa. Nos arredores das poboacións, os xabarís encontran alimento e ás veces séntense máis seguros.
 

O xabaril, terror dos condutores
Comentarios