martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Vivir moito e vivir ben

A morte dun ancián que vivía so amosa o dobre drama demográfico: vellez e soidade

Dos ancianos paseando por un parque
Dos ancianos paseando por un parque

CONTOULLE A bilbaína María Luisa Martínez de Lahidalga a El Correo esta semana, con motivo do seu 106 cumpreanos, que o secreto para ser feliz e vivir moitos anos é non terse casado. Calquera llo discute, pero o caso é que, en Galicia, casados ou solteiros, vivimos moito. Segundo o Instituto Galego de Estatística (Ige), a nosa esperanza de vida —86 anos para as mulleres e algo máis de 79 para os homes— está entre as máis altas do mundo, o que di ben dos nosos xenes pero moito máis aínda da sociedade que nos tocou ou que eliximos. Ten eivas, claro, e convén miralas e atallalas, pero é unha obviedade que se nos facemos vellos é por unha conxunción de circunstancias, dende a xeografía e o clima, ao nivel de renda e os sistemas sanitarios e de protección social.

Vivimos moito, pero ás veces non vivimos ben. Segundo o Ige, un de cada seis galegos de máis de 65 anos reside só —a taxa dispárase a partir dos 85 anos—, á maioría non lle gusta e, ademais, moitas desas persoas tampouco reúnen as condicións físicas ou mentais necesarias para iso. Porén, estas situacións mantéñense por circunstancias diversas, como a falta de rede social ou familiar —ou o abandono por parte desta, que tamén hai—, o arraigo á casa e ao lugar e un sistema residencial para maiores, tanto público como privado, que, agás algunha excepcións, se parece moi pouco ao medio no que a calquera persoa nos gustaría vivir, a calquera idade e máis aínda cando somos vellos e volvemos ser vulnerables e mecosos.

Esa situación de abandono físico e/ou emocional leva a sucesos como o que esta semana se produxo nunha parroquia de Lugo, na que un octoxenario que levaba varios días desfalecido na casa e foi auxiliado pola Policía tralo aviso dun familiar acabou morrendo no hospital. Mañá pode ser nunha aldea ourensá, ou nunha das grandes cidades, onde o illamento ás veces é maior. Hai uns días, a Policía Local da Coruña auxiliou a unha anciá que levaba varias xornadas sen dar sinais. Os axentes atopárona encollida nun sillón, sucia e desorientada e os médicos estimaron que levaba varios días sen comer. Foi ingresada nun xeriátrico.

É un lugar común tamén que a demografía galega é un problema estrutural, de país, pero o segundo problema é que aínda non está suficientemente interiorizado. É un asunto que ningún político deixa xa fóra do seu discurso —algo que ata non hai tanto non sucedía— e hai administracións que dán pasos para tentar revertar a situación, pero son accións illadas cuxa eficacia, á vista está, é cuestionable. Os cheques bebé axudan, pero non determinan que os galegos teñamos máis fillos.

Non hai unha estratexia nacional para rexuvenecer a poboación galega e tampouco para afrontar a atención á que envellece e á que o fai soa. O Reino Unido creou o ano pasado un Ministerio da Soidade. A decisión xerou titulares en todo o mundo e seguramente é pronto para ver resultados, pero denota a intención de tratar o problema como corresponde.

A vellez custa cartos
EN 2016, nun foro interrexional, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo crear un fondo de cohesión demográfica no que se tivera en conta o coste do envellecemento. A vellez e a dispersión poboacional son criterios que concellos e comunidades que as sofren levan anos reivindicando que se teñan en conta para o reparto de fondos estatais. En ningún dos asuntos houbo avances.

Cáncer e soidade
GALICIA é a sexta comunidade na que máis persoas con cáncer viven soas (2.271), segundo o Observatorio da Asociación Española Contra o Cáncer de 2019. A soidade tamén se manifesta en enfermos que non viven sós pero pasan moitas horas nesa situación  polas obrigas laborais, e outras, da familia e dos amigos. O desexo de non preocupar e o medo tamén xeran soidade. As asociacións de enfermos axudan tamén neste eido.

Abandono emocional
O letrado Alberto Ferreiro contaba esta semana neste xornal que despois de Nadal hai máis consultas para desherdar a fillos, polo chamado abandono emocional. Podería pensarse que este é o máis fácil de evitar, porque aínda que ás veces hai circunstancias vitais que dificultan as relacións sempre se poden atopar maneiras de intentar coidalas. Porén, a realidade amosa que tamén hai moito dese abandono.
 

Vivir moito e vivir ben
Comentarios