Blog | A Semana do Revés

A vasoira de ouro non era tal

O CONCELLO de Lugo -isto é, os cidadáns- gasta máis de sete millóns de euros cada ano na limpeza da cidade e na recollida do lixo, servizo que tamén presta nas parroquias, aínda que non diariamente. Son moitos cartos, moitísimos, que van a unha empresa, Urbaser, que di ser referencia internacional no sector, con actividade en catro continentes e un volume de negocio que no 2014 foi de 1.651 millóns de euros, o dato máis recente que aporta no seu portal web. En definitiva, un xigante que ademais se define como punteiro na súa especialidade, e que, polo tanto, debería ter a cidade como unha patena. É así? Non. É Lugo unha cidade sucia? A resposta varía en función de a quen se lle pregunte e de con que outras se compare, pero o que non é discutible é que é menos limpa do que era. Por moitos premios que nos dean.

En 2008, a cidade recibiu a Escoba de Plata e este ano, a de Ouro. Adoita ser a primeira defensa do goberno local cando se lle cuestiona o estado de limpeza da cidade. Ou, máis que iso, o cumprimento do contrato por parte dunha empresa á que lle dámos moitos cartos. É unha distinción que dá a Asociación Técnica para la Gestión de Residuos (Ategrus), que reúne «a los municipios, empresas y técnicos del sector», di na súa web. Claro que ao equipo de goberno esquecéuselle contar un detalle non menor, que calquera que desconfíe de semellante recoñecemento atopa facilmente se vai ao portal da asociación para comprobar quen o concedeu. Resulta que a asociación non distinguiu o aseo urbano, como informou o goberno municipal, senón a aplicación verde, que implantou o anterior equipo de goberno e que permite facer consultas, notificar incidencias e acceder a información relativa ao medio ambiente. Así que, acabóusenos o argumento da vasoira. Non quere iso dicir que o Concello non leve a cabo iniciativas boas para a cidade e que non merezan ser recoñecidas, faltaría máis, pero outra cousa é que coas árbores se tente tapar o bosque.

O traballo que leva a cabo Urbaser -folgas á parte- ten moito para onde mellorar. O que pasa é que, quen non cumpre, non está moi lexitimado para esixir. E hai que dicir que, nesta cidade, como noutras moitas, hai moita xente que ten tan pouco respecto polos demais, e polo lugar no que vive, como o ten Urbaser polos cartos dos lucenses. Non sei por que a xente se leva as mans á cabeza cando algúns mozos co raciocinio minguado polo alcohol ou por quen sabe que sustancias mexan contra a catedral despois dunha noite de troula cando un pode ver escenas como a dunha nai que está sentada na terraza dun bar e pon o neno a facer augas contra as paredes do Bispado. Non é un apuro, nin é imposible atopar un váter, está ao lado. E a estampa vese con frecuencia na cidade, sexa na rúa ou no parque. Se á empresa de limpeza lle queda un trozo de vidro entre a area, os pais enseguida se alporizan, e con razón, pero ninguén di nin chío se unha nai ou un pai pon a ouriñar un neno contra unha árbore, por exemplo. A conduta está aceptada.

En temas de ouriños e excrementos, é capítulo a parte o manexo que algunhas persoas fan das súas mascotas. ¿Está lexitimidado para esixir un veciño que pon a mexar o can na columna do seu portal cando ten un prado ao outro lado da rúa? Na zona da Milagrosa, varios negocios lucen un cartel tipo coa seguinte lenda: «Es mi casa, por favor, sea decente. No la orine». Os destinatarios deste tipo de peticións adoitan ser donos de cans, pero neste caso non se fai alusión a animais, así que, queda a dúbida de se non irá dirixida tamén a humanos. Non sería estraño. Hai esquinas da cidade que feden a diario, sinal de que é urinario habitual para máis dun viandante e de que Urbaser non gasta moita auga. Isto último é notorio en moitas rúas e nos arredores dalgún establecemento de hostalería. Na Ronda da Muralla á altura da Mosqueira, a beirarrúa está negra no tramo que vai dende o baixo que un restaurante da zona emprega como almacén ata o local. En Campos Novos, cada noite os veciños comproban como o persoal dun restaurante baleira un recipiente cheo de vidro no colector do lixo orgánico. E os carreiros de graxa polas beirarrúas ou os charcos arredor dos colectores tamén son moeda común en moitos lugares.

Efectivamente, Urbaser debería -para ser exactos, ten a obriga, por contrato- eliminar pintadas e quitar chicles do solo, pero é unha lástima que haxa que gastar o diñeiro público niso. O que non ten excusa é que, dous anos despois da folga de lixo, non repuxera todos os recipientes que foron queimados ou que nunha rúa céntrica, comercial e poboada como Camiño Real, apenas haxa papeleiras. A listaxe de correccións que debe facer a empresa que veña (toca renovar contrato en 2017) é longa. O anterior é só para ir empezando.

Comentarios