Blog | A Semana do Revés

Unha coalición tras os focos

España acaba de estrear un goberno de coalición que se presenta case como inédito. Lugo ten experiencia niso, e tras máis de medio ano de bipartito, toca repaso

Lara Méndez e Rubén Arroxo certifican o pacto en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Lara Méndez e Rubén Arroxo certifican o pacto en Lugo. SEBAS SENANDE

Lara Méndez e Rubén Arroxo, cabezas da coalición que goberna a cidade de Lugo, son persoas de carácter afable, pertencen á mesma xeración e xa se coñecían (levaban catro anos formando parte da mesma corporación), polo que o punto de partida non era malo. Non o era sobre todo porque defenden un modelo de cidade con bastantes similitudes, máis aló dos matices ideolóxicos e do que cada un considera prioritario.

Pero como en calquera relación humana e política, unha cousa é coñecerse e outra convivir e facelo pensando no ben común sen descoidar o propio. As concesións son imprescindibles e para chegar a elas fan falta comunicación, empatía e respecto. Os socios semellan que o están interiorizando, e tras uns comezos de moito nerviosismo, friccións, insinuacións de deslealdade e de caer nalgunha emboscada dos adversarios, socialistas e nacionalistas empezan a aplicar a receita e a acomodarse. 

Iso é o que parece. De portas para dentro é máis difícil saber. A sensación é que a confianza vai en aumento. Despacio, sen alegrías. Ti na túa parcela e eu na miña, un xeito de facer que ten unha parte boa e outra non tanto. O Concello estará esta semana en Fitur, pero non irá como un todo. A alcaldesa e a concelleira Ana González presentarán o Arde Lucus e a edil de cultura, a nacionalista Maite Ferreiro, a campaña KM100, para impulsar Lugo como inicio do Camiño Primitivo.

Outro exemplo: semanas atrás viuse falta de unión dos socios nun asunto no que, para máis inri, están de acordo: a defensa do cuartel de San Fernando como museo da romanización fronte á proposta da Xunta de parador. Despois corrixiron a estratexia.

Clave | Despois das friccións dos primeiros tempos, os socios interiorizaron a importancia de non darlle armas á oposición 

Sexa porque a confianza vai a máis, sexa porque os equipos se van asentando —nos dous había membros sen experiencia— ou sexa porque a necesidade obriga, as interferencias e as faenas, cando as hai, son máis sutís.

Esta semana inaugurouse o ascensor do Sagrado Corazón, unha obra que iniciou o anterior goberno de Méndez e que nada máis arrincar o mandato foi motivo de conflito porque o BNG quixo poñerse á fronte dela. Despois deu un paso atrás e o elevador comezou a funcionar o venres con despregadura de concelleiros socialistas.

Xa non se dan tampouco situacións como a de hai uns meses nun faladoiro radiofónico, no que un membro do BNG se uniu ao PP nas críticas ao socio socialista. Non quita que non haxa guerra de guerrillas. Os nacionalistas coaron un punto violeta de prevención da violencia machista (área PSOE) na campaña de Nadal e os socialistas contraprogramaron a oferta de ocio que deseñaron os nacionalistas.

Pola contra, ao mesmo tempo empeza a haber outras situacións de fair play. En outono, o equipo de Méndez avisou ao de Arroxo dalgún asunto no que este non reparaba. Colaboración e interese. A fin de contas, alcaldesa hai unha e é a ela a quen responsabilizan os cidadáns do bo e do malo. Recentemente, foron os nacionalistas os que lle ofreceron aos socialistas optar a unha axuda da Xunta que eles non podían aproveitar.

Clave | Méndez e Arroxo, como o resto de edís, vense polo menos unha vez á semana e falan, pero non xantan ou viaxan xuntos 

A relación entre os concelleiros dun e doutro lado é habitual e fluída, pode que máis que a da alcaldesa e o primeiro tenente. Estes vense como mínimo unha vez á semana e falan por teléfono e visítanse nos seus despachos asiduamente, aseguran os seus equipos. Porén, Méndez e Arroxo están lonxe, por exemplo, de quedar a xantar para falar da cidade e da vida, unha maneira como outra de construír relacións. 

Nos equipos, fundamentalmente nos xefes de gabinete e primeiros asesores, descansa boa parte do éxito ou fracaso das coalicións, xa que son filtro e correa de transmisión dos líderes políticos. Unhas veces máis e outras menos do que di o imaxinario. Actualmente esa responsabilidade recae pola parte socialista na xornalista e consultora política María Martínez Val, e pola nacionalista, en Vítor Otero, que xa participou noutros bipartitos do Concello e da Deputación. Os dous son profesionais con oficio e cintura.

No funcionamento dunha coalición inflúen as persoas e as circunstancias, dende as pasadas ás futuras, como as citas electorais. O PSOE viña de catro anos dun goberno moi precario e de moito sufrimento, no que o BNG llo fixo pasar mal. Reprobou a Méndez como alcaldesa e dificultoulle a xestión, privando de orzamento obras que agora presenta el. Os nacionalistas teñen gravado a sangue as experiencias doutros bipartitos. A de 1999, tras a que o BNG acabou engulido polo PSOE, e a de 2011-2012, unha coalición moi desproporcionada, con dous edís do BNG e once do PSOE.

A preocupación por demostrar xestión tras catro anos nos que se viu pouca fixo que, dende o principio, os nacionalistas centrasen boa parte das súas enerxías na comunicación e a miúdo esta condiciona o labor do día a día. É algo que tamén sucede do outro lado, pero o BNG forza máis. Tentou que no organigrama municipal se crease a figura de vicevoceiro, modificou a imaxe corporativa das súas áreas nas notas de prensa e coou o seu lema de campaña Activando Lugo nalgúns eventos institucionais.

Clave | Os socios de goberno apóianse en asesores con cintura e oficio, profesionais que son clave na construción da relación

En parte polas áreas que xestionan cada un deles, o BNG é eficaz no arranxo de fochancas e no desbloqueo de asuntos que ás veces non son de grande envergadura pero teñen impacto, mentres que o PSOE semella ter unha ollada máis ampla. Está levando a cabo cambios importantes na organización municipal e no cadro de persoal, ás veces sen moita consulta ao socio, que os respecta por lealdade e porque tamén se beneficia deles, aínda que algúns lles supoñan presións dos ámbitos afectados.

De momento, o conxunto da xestión municipal non semella que se estea resentindo do que a oposición chama bigoberno. Máis ben este trouxo impulso. E se a coalición superou aceptablemente os primeiros meses, nos que se tomaron decisións delicadas, e agora que hai eleccións autonómicas á vista, non semella que 2020 vaia ser un ano no que o bipartito lle dea moitas armas á oposición. A competencia será interna, aínda máis do que é agora.

Comentarios