Blog | A Semana do Revés

Un ecoloxista en apuros

DOS MOITOS e díficiles asuntos que herdou Daniel Piñeiro como concelleiro de urbanismo, medio ambiente e persoal, a obra da fábrica da luz seguramente é dos que máis incómodo o fai sentir. O proxecto foi polémico desde a súa mesma concepción; unha vez empezou a materializarse, non parou de enredarse, e Piñeiro ten que compaxinar a súa responsabilidade como político e xestor coa súa conciencia ecoloxista.

Piñeiro, veterinario, técnico de medio ambiente da Xunta e concelleiro é tamén membro de Adega, o colectivo ecoloxista máis recoñecido de Galicia e un dos que máis se opuxo á obra de rehabilitación e explotación da vella fábrica da luz, polo impacto que considera que teñen para o río os traballos no cauce e o aproveitamento hidroeléctrico, cun aumento de caudal autorizado de 11.000 litros por segundo. Opúxose dende o momento en que as máquinas empezaron a botar pedra e terra no río, para levantar o polémico dique, e conseguiron personarse no expediente que a Confederación Hidrográfica lle abriu á empresa. Porén, non presentou alegacións cando podía facelo -nin ela, nin ninguén-, como recorda reiteradamente Inca, a empresa concesionaria. E por riba, recibiu algunha subvención da Confederación, o organismo que parou a obra no río, dentro da súa liña de axudas a colectivos que fan concienciación e traballo ambiental. Aínda que o estraño sería que llas deran a quen non fai tal.

Pois ben, Piñeiro é concelleiro e socio de Adega e non o oculta, aínda que, para algúns, iso sexa ser xuíz e parte. Esa militancia ecoloxista fai que moita xente o situara no ámbito do nacionalismo, por iso, cando foi fichado polo exalcalde Orozco sorprendeu a quen non o coñecía moito. Porque, en realidade, Piñeiro milita no PSOE dende os 19 anos e foi nunhas listas municipais hai vinte anos -con Vázquez Calvo-, antes incluso ca seu pai, que foi concelleiro con Orozco dende 1999 ata 2011.

Piñeiro fíxose de Adega no 2002, despois de ir quitar chapapote do Prestige das praias de Muxía, como moitos galegos fixeron eses días. Di que nunca ninguén lle pediu filiación nin esta supuxo un problema. Tampouco abandonou o colectivo cando saíu elixido concelleiro e hai uns días participaba, na súa dobre condición, nunha limpeza do Miño, xunto coa familia. Facíao a non moita distancia do lugar onde sobresae o polémico dique. É fácil de ver que a Piñeiro non lle debe resultar nada sinxelo sobrelevar a situación. "Lévase mal, con moita preocupación, porque te dás conta de que dende fóra vense as cousas máis fáciles. Pero, á hora da verdade, as administracións non somos capaces de facilitarlle as cousas aos cidadáns", explica nunha especie de mea culpa. "É moi frustrante", engade.

Dende logo, se antes de empezar a obra xa resultaba difícil entender que gañaba a cidade con volver a poñer a funcionar a vella fábrica, visto o acontecido no último ano, ninguén ten dúbida xa de que, dun xeito ou doutro, vainos acabar custando diñeiro a todos os lucenses.

O proxecto inclúe destinar unha parte do edificio a museo da auga e encender uns cantos farois con enerxía ‘limpa’, a cambio de darlle a concesión a Inca durante 38 anos. Once meses despois de iniciada a obra, o Concello ten unha multa de 215.000 euros e a orde de retirar o dique que leva preto dun ano nun tramo de río no que viven especies de fauna e de flora ameazadas ou de importancia comunitaria, porque o lugar ten alta protección. Iso si, a Xunta non viu os bichos cando se tramitaron os permisos, que foron favorables. O proxecto obtivo unha declaración de impacto ambiental positiva, porén, agora atópase coa denegación das autorizacións á espera de que presente un plan de identificación e de protección das especies. Por isto e porque considera que Xunta e Confederación están impedindo a realización da obra de forma intencionada, Inca acaba de querellarse contra cargos das dúas administracións. Antes xa o fixera contra Adega.

"Eu creo que o proxecto en si mesmo ao Concello non lle ía custar e a zona ía estar mellor", opina Piñeiro. Tamén apunta que "ao mellor a min non se me ocurría facer iso". O comentario non parece menor porque antes do proxecto de Inca, houbo outro que dous concelleiros botaron para atrás. Un foi seu pai e o outro, Liñares. Este último está baixo investigación xudicial polo seu papel en adxudicacións municipais. Entre elas, a de Inca, que se fixo coa concesión cun aumento de caudal exactamente igual ao do proxecto que o Concello rexeitara antes e cun informe en contra dos servicios eléctricos municipais. Daniel Piñeiro non entra nisto. El atopou un contrato do que non ten por que sospeitar e que ten que tratar de executar, di.

Sobre as consecuencias económicas e ambientais que ao final vai ter, o edil tampouco fai valoracións. Ao mellor porque, no punto no que estamos, seguramente son imposibles de estimar.

Comentarios