Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Un Concello sen funcionarios

O problema de falta de persoal agrávase e págano os políticos, pero máis ainda os cidadáns

A QUEIXA de que no Concello de Lugo hai escaseza de persoal escóitase dende hai anos da boca de políticos, sindicatos e funcionarios, case sempre para xustificar o moito que tardan en saír adiante os asuntos e os problemas na xestión diaria. Hai máis causas. Nalgúns asuntos pode que falte impulso político -voluntario, por incapacidade para abranguer máis ou por falta de acerto-, a organización pode ser mellorable nalgúns casos e hai traballadores que non van sobrados de ganas ou que directamente poñen paus nas rodas, que de todo hai. Porén, é evidente que o funcionamento non pode ser correcto cando hai servizos que están ao límite, sen dirección ou que, por circunstancias internas e externas, cada vez teñen máis traballo. Na relación de postos de traballo (RPT) que se tramita (752 prazas) figuran 140 vacantes, entre os postos que hai baleiros actualmente e os de nova creación.

As consecuencia dese mal funcionamento sófrean o goberno, ao que non hai día no que a oposición e os cidadáns non lle saquen as cores, pero padéceno sobre todo os veciños. O caso máis recente e grave é a tramitación de facturas de provedores, que empeorou polo rexeitamento político a pagar as que teñen algún reparo legal. O ano pasado, o Concello xa non puido investir remanentes, este ano vai polo mesmo camiño e por riba está por ver que vai pasar coas transferencias do Estado, que son un cuarto do orzamento. A esta situación chegouse en parte porque o servizo que revisa as facturas eléctricas (unhas mil ao mes) está pouco menos que desmantelado por baixas e reorganizacións feitas hai anos.

O departamento que tramita os recibos da auga ten tantos problemas que por épocas non consegue ler ao día os contadores e iso provoca que a algúns cidadáns se lle facturen consumos moi altos e ademais inxustos. A razón é que, ata un consumo de 10 metros cúbicos se cobra a 0,10 euros, e a partir de aí sobe a tarifa. Se a lectura se retrasa, o consumo loxicamente é máis alto.

A escaseza de persoal tamén provoca que con frecuencia haxa que recorrer a empresas externas, o que por lóxica vai saír máis caro porque teñen que cobrar para cubrir o traballo e obter beneficio. Recórrese ao sector privado para traballos tan básicos como estudar a viabilidade de parcelas para aparcadoiros ou para deseñar unha rotonda entre San Eufrasio e Fontiñas. Na cidade hai moitos edificios que levan a firma de arquitectos municipais doutras épocas (Maquieira, por exemplo), algo que está ben lonxe de que suceda hoxe en día, cun servizo sen xefe e con dous arquitectos.

O retraso na actualización de contratos deixa a dúbida de se se poderían estar aforrando cartos e nel inflúe a escaseza de persoal -aínda que non só iso- porque os pregos teñen que facelos os servizos correspondentes. Despois van a contratación. Arquitectura, cultura, electromecánicos, cultura, actas e informática son servizos que están sen xefes. Non son os únicos e sumarase algún outro este ano, como arqueoloxía. A precariedade agrávase.

Anos sen convocatorias


NOS ÚLTIMOS mandatos aumentaron moito as externalizacións -incrementáronse os servizos, pero tamén se empregou o argumento da eficacia- e iso provocou que se foran descoidando algúns departamentos. Despois chegaron as restricións estatais á contratación, pero aínda así non se cubriron todas as prazas que permitía a lei. Agora hai ofertas de emprego, pero recursos de sindicatos e traballadores fréanas.

O remedio, horas extras


A FALTA de persoal fai que o recurso ás horas extras sexa moi frecuente. Aínda que non é esa a única razón. As particulares características dalgún deles tamén inflúen. Na Policía Local hai prazas vacantes, pero a xornada é de 26 horas e o sistema de descansos condiciona moito a organización do servizo. O problema pode agravarse a partir de xuño, xa que unha quinta parte dos axentes pode acollerse á xubilación anticipada.

A RPT quédase corta


A RELACIÓN de postos de traballo na que se traballa non cubre todas as expectativas. A lexislación impide aumentar o persoal e xogouse con amortizacións e vacantes para mellorar algúns servizos, pero hai casos chamativos. Só dous exemplos: asesoría xurídica e cultura, áreas cada vez con máis traballo, moi importantes para os intereses e a imaxe da cidade e nas que se recorre a empresas, non terán máis prazas.

Un Concello sen funcionarios
Comentarios