Blog | A Semana do Revés

Un acordo cada dous días

EN SARRIA, esa vila onde a política municipal ten os seus propios canons, que basicamente consisten na ausencia deles, a alcaldesa convoca plenos sen asuntos a tratar. Vén a dicir que ao goberno non lle fan falta tantos plenos para xestionar e para facer política, que non sempre é o mesmo, e ás veces tampouco ten a ben incluir as propostas da oposición. Así que hai sesións que se reducen a rogos e preguntas. A situación é absurda, pero ándalle preto a que se dá no Concello de Lugo, onde sucede xusto o contrario. A actividade propositiva dos grupos políticos é tal que, nos catorce plenos que van dende o inicio de mandato, a corporación sacou adiante 135 acordos. Aí é nada. Descontando só as fins de semana -para ser rigorosos habería que restar tamén xornadas festivas e períodos vacacionais de políticos e funcionarios-, o equipo de goberno dispuxo de pouco máis de dous días para sacar adiante cada un dos asuntos.

Xa se sabe que a xestión non vai exactamente así, pero o cálculo pode servir para facerse unha idea do disparate no que se converteu a actividade municipal. Hai unha parte das mocións que consisten en instar a outra administración (Xunta, Estado, Deputación..., a que toque) a que leve a cabo unha determinada actuación. Son as fáciles de cumprir porque non supoñen ningún esforzo máis ca enviar un escrito. O problema son as outras. Hainas concretas (peonalizar a Calzada da Ponte, mellorar o estado do parque do Miño...); hainas que non teñen custo, alomenos non máis que o traballo do persoal, como crear un rexistro voluntario de licitadores, e hainas tan ambiciosas como a de elaborar un plan de desenvolvemento industrial da cidade. Hainas de todos os tipos porque sempre hai cousas que mellorar e porque entraron partidos novos con ganas e aos vellos non lles queda máis remedio que estar á altura.

En xeral, as mocións están cargadas de boas intencións. Aínda que, de paso, algunhas serven para meterlle o dedo no ollo ao adversario político ou para sacar rédito propio. Con todo, a necesidade dalgunhas faise difícil de ver. Seguramente non facía falta declarar Lugo municipio libre de touradas e quizais non sirva de moito declarar que a cidade está en contra do tráfico de mulleres. Porque é obvio e porque, naqueles casos nos que non é así, que os haberá, unha moción plenaria non vai ser de moita axuda.

Se a esa incontinencia propositiva dos partidos políticos se engade a situación interna do Concello, é fácil prever que o resultado vai ser pobre. Sería unha verdadeira proeza que oito concelleiros (coa alcaldesa) fosen capaces de mover un Concello con preto de setencentos traballadores e de cen mil habitantes. Que todas as obras da cidade estean encomendadas a un concelleiro que compatibiliza o traballo municipal coa súa profesión, que ademais transcorre en xornada de mañá, fala ás claras da precariedade do equipo. E logo está a parte funcionarial: cero control horario e de rendemento -isto último non é fácil, certo-, poucos traballadores en áreas centrais e transversais, outros poñéndose cambadelas entre si e algúns que cambian unha e outra vez de opinión antes de darlle para diante aos asuntos. Ás veces dá a sensación de que lles pode máis o medo a acabar no xulgado que a responsabilidade do posto.

E así estamos. Cun goberno que di que cumpre co que pode e unha oposición desalentada. Esta semana conseguiu que se constituíra a comisión de seguemento de acordos plenarios -a esas chegamos -, porque dende logo ao goberno non se lle pode acusar de dicir que non. Aínda que, ao mellor, ás veces máis lle valía.

O das comisións vai camiño de converterse noutro despropósito. Esta semana aprobouse outra, a que controlará os contratos do Concello. Non hai ningunha dúbida de que fai falta, pero haberá que ver se vai axudar a impulsar e a mellorar a contratación ou se vai sobrecargar os funcionarios máis.

Ademais das dúas xa mencionadas e das cinco comisións de pleno (máis a xunta de voceiros) están as de municipalización da Ora e do guindastre, as de San Froilán e Arde Lucus, e tres máis que aínda non están constituídas (a de mobilidade, a do Garañón e a do Edusi). E logo están os consellos municipais (económico e social, de cultura, de turismo, de políticas verdes...).

Entre as obrigas legais que ten cada servizo, as encomendas que reciben do goberno, o cumprimento de acordos plenarios e o traballo que conlevan as comisións, hai áreas do Concello saturadas. Hai que levantar actas, facer informes e cumprir co que acorda cada un dos órganos, suponse. De momento, os cidadáns sacan pouco proveito e o rédito político está por ver.

Comentarios