Blog | A Semana do Revés

O tren está nas mans do pobo

Sen unidade e forza política, cidadá e empresarial, será difícil que Lugo acade boas conexións co Ave e outras melloras nos servizos ferroviarios
Un tren a su paso por Lugo. EP
photo_camera Un tren ao seu paso pola cidade de Lugo. EP

"Lugo terá as combinacións co Ave en Ourense que sexa capaz de esixir con unión política, empresarial e social". A contundente afirmación realizada hai unhas semanas neste xornal por un dos grandes especialistas galegos no tren, o enxeñeiro Xosé Carlos Fernández, parece máis necesaria ca nunca á vista dos plans de Renfe para Lugo. De momento son oficiosos e cómpre agardar que a compañía faga axustes para facilitar que Lugo teña conexión co Ave na cidade das burgas, a única posibilidade de que a provincia se beneficie do mastodóntico investimento que se fixo para traer a alta velocidade a Galicia. Un gasto aínda hoxe cuestionado por algúns e cuxo rédito se verá co tempo.

A reflexión de Fernández provoca tanta esperanza como desesperanza. O pobo lugués ten moitas virtudes,  pero a capacidade para unirse e para reclamar non é unha delas. Aínda que estes días as protestas na Mariña pola crise industrial creen a ilusión de que algo está cambiando.

Non hai maior efecto mobilizador que a fame —esa que pode vir para as familias da comarca costeira e para moitas outras da provincia—, como se viu en Francia cos chalecos amarelos. Este movemento puxo en xaque o país e fixo tambalear o seu goberno cando, primeiro as zonas rurais e logo outros sectores de poboación urbanos, se fartaron de ver como a vida se lles volvía cada vez máis difícil. Á vez que perdían servizos subíanlles os impostos, co agravante de que se incumprían promesas electorais. 

Cómpre preguntarse se é máis importante chegar rápido á Coruña, a Baamonde ou a Santiago que a Madrid

Non é difícil atopar similitudes con moitas zonas do noso país, especialmente as máis rurais e despoboadas, pero semella case unha ilusión que aquí chegue a producirse un movemento cidadá dese calibre, capaz de cambiar a fólla de ruta dos gobernos e das multinacionais. E tampouco parece que se poida contar moito coas institucións e con outros axentes sociais, como as patronais e os sindicatos. 

Hai uns anos, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) fixo ruído coa súa campaña reivindicativa de mellora das infraestruturas e agora existe unha plataforma veciñal denominada Lugo... non Perdas o Tren, pero son iniciativas que, á vista está, non están servindo para cumprir o obxectivo nin teñen o alcance nin o consenso desexables. Lugo non ten un verdadeiro movemento de defensa do ferrocarril, no que cidadáns, políticos e empresas vaian a unha, e iso está no debe de todos eles. Que unha das provincias con máis perda de servizos e á vez mellor posicionada xeograficamente non estea na Plataforma Galega polo Tren Público é revelador.

Neste momento preocupa o Ave, pero a miúdo o longo e lexítimo desexo de gozar dunha conexión rápida co centro do país tapa outros problemas que quizais son batante máis graves. É máis importante chegar rápido a Madrid ou á Coruña, a Baamonde ou á Mariña? Que liñas terían máis viaxeiros se fosen realmente competitivas? A resposta quizais poñería os dirixentes políticos nun compromiso.

Investimento histórico
A REDE ferroviaria lucense está chegando un volume de investimentos nunca visto. O atraso é tanto que para compensar a débeda histórica non queda outra que gastar. A modernización da vía suporá un avance, pero renúnciase a variantes que acortarían tempos e non se prevé extender a malla ferroviaria para conectar Lugo coa costa nin con Santiago. Unha anomalía para unha capital de provincia.

 

A can fraco, todo pulgas
QUE FOI antes, a perda de servizos ferroviarios ou de poboación á que darllos? Agás a mellora de frecuencias con Ourense que se logrou hai anos, o resto foi todo a menos. O abandono que sofre a propia Renfe é tal que nin planificación houbo para cubrir as xubilacións de maquinistas. E quen sofre os transbordos en bus cando faltan? As liñas con menos viaxeiros, como a de Lugo. Quen vai elixir subirse ao tren nesta situación?

 

O papel das mercadorías
O CORREDOR atlántico de mercadorías debería servir para corrixir o desequilibrio do noroeste peninsular. O Eixo Atlántico elaborou un plan de obras e investimentos para pelexar por fondos europeos e tenta sumar á causa á Xunta, ao Consello Económico e Social, a sindicatos, a veciños... O movemento non ten de momento gran forza. Seguen a oírse moito máis as demandas do privilexiado corredor mediterráneo.

Comentarios