Blog | A Semana do Revés

A travesía de Ciudadanos na cidade de Lugo

O partido afronta con deportividade a "Opa hostil" do PP e por agora a súa líder non dá pistas
Ramón Carballo y Olga Louzao. EP
photo_camera O voceiro popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, e a de Ciudadanos, Olga Louzao. EP

PASADO o ecuador do mandato, unha das incógnitas políticas que hai no Concello de Lugo é que pasará con Ciudadanos. O partido foi ás urnas no 2019 coas expectativas moi altas despois de catro anos nos que lograra facerse un oco na escena pública local grazas ao ímpeto da súa voceira, Olga Louzao; ao coñecemento que tiña da casa o seu compañeiro, Jesús Expósito, e á fichaxe dun responsable de comunicación con moitas horas de voo.

Cs mantivo as dúas actas nun contexto adverso, con moita fragmentación do voto (competían doce listas) e cun partido que en Galicia nunca chegou a asentarse. Deste xeito, o que podería terse visto como un éxito leuse como o contrario e a Louzao, que nalgún momento ata se vía alcaldesa, e á súa xente costoulles un tempo asumir a realidade.

O dó semella superado, pero agora a sensación pode que sexa a de estar a velas vir. A estabilidade política que hoxe hai no Concello, por moitos ou poucos erros e desavinzas que haxa entre os socios de goberno, fai máis difícil o labor de oposición. Un traballo que, ademais, neste mandato fai de forma moito máis rotunda o PP, a diferenza do que sucedía no pasado, no que con frecuencia Cs eclipsaba os populares a pesar de seren só dous concelleiros e recén chegados.

A isto súmase a crítica situación que vive Cs como partido a nivel nacional, onde pasou de ser a cuarta forza política, con posibilidades de gobernar, a sufrir unha hecatombe que trouxo un cambio de liderado e erros garrafais como a fallida moción de censura de Murcia. Todo iso deu lugar a unha fuga de cargos e militantes, moitos deles cara ao PP, que non só non ten traza de deterse senón que pode que se acentúe a medida que se acheguen as citas electorais.

Resulta difícil de crer que Lugo non sufra esa "Opa hostil" do PP, pero a voceira municipal e principal cara do partido na provincia nega a maior e polos whatsapps circula algún audio que pretende servir como testemuño do compromiso dalgún militante co seu partido. Unha desas mensaxes que, nun momento dado, sacaría as vergoñas do autor.

Louzao non pode esconder, nin o fai, a evidencia das horas baixas que vive o seu partido, pero vén a dicir que as bases de Cs nunca foron grosas en Lugo. E non teme escapes. "Os que quedamos somos moi de Ciudadanos", afirma. O que sucede, segundo asegura, é o contrario: o PP non para de lanzar a cana a ver se pesca e atribúe a esta circunstancia os rumores que circulan ao respecto. Os populares tampouco o negan, e ata é fácil asistir a eses coqueteos en público, vestidos de chanza fácil seguramente agochan moito detrás.

Louzao non dá pistas sobre o 2023. A política encántalle e semella que nada a desalenta. Cre que toca aguantar a travesía porque confía —ou iso di— en que o vento volverá a soprar a favor de Cs e do seu discurso moderado fronte á política espectáculo. Onde non se ve é na candidatura de ningún outro partido se non é encabezándoa, bromea. De novo unha desas brincadeiras que dan que pensar.

A anarquía de Galicia
ANO e medio, o que falta para as eleccións, poden xurdir moitos imponderables, pero a día de hoxe Cs ten máis á contra que a favor. Se o partido non logrou estrutura e unidade en Galicia nos tempos bos e a súa presenza nas institucións é anecdótica, semella difícil que o consiga no actual contexto. Louzao volve a ter cargo na dirección autonómica dende hai meses. É a responsable de organización. E unha política de fe.

 

A baza da abstención
A LÍDER de Cs en Lugo pon o foco na elevada abstención das últimas eleccións municipais, a pesar das moitas papeletas que había. O 38,55% dos lucenses con dereito a votar non o exerceron. Porén, o partido laranxa seguramente ten moito máis difícil agora ca en 2019 convencer eses cidadáns de que a súa é a mellor opción. Por moito que, como pensa Louzao, a xente estea cansa do de sempre e da política inútil. Que está.

 

A quen beneficia o lío?
A ONDE irán os votos de Cs se non se presenta ou perde apoio será clave para decidir o goberno de Lugo. Se a socialista Lara Méndez se visibiliza como unha opción máis conservadora fronte ao ‘rupturismo’ —ás veces descafeinado— do BNG, pode que non todo o voto desencantado con Cs vaia ao PP. Isto beneficiaría á coalición, aínda que prexudicaría os nacionalistas nesa quimera súa de adiantar ao PSOE.

Comentarios