Blog | A Semana do Revés

A tempo de cambiar o paso

AS EXTRAPOLACIÓNS dos resultados electorais poden levar a engano, pero ademais de seren inevitables deberían de terse en consideración porque, do que non hai dúbida, é de que anticipan ou confirman tendencias. O 25-S confirmouse que o PP ten unha forza incontestable na cidade e na provincia, que o PSOE segue en caída e que a renovación de caras e de ton séntalle ben ao BNG. Quedou demostrado tamén que confluencias como a de En Marea xeran tantas expectativas que, despois, uns resultados que poden considerarse bos saben a pouco. E que os proxectos políticos non son transplantables e que os candidatos non se fabrican en dúas semanas, como viu Ciudadanos.

Se os resultados se consideran, o lóxico é actuar en consecuencia, pero a miúdo a realidade é outra. Agás os críticos de sempre, aos que por riba adoita acusárselles de desleais, no PSOE parece que a debacle non vai con eles. E non se pode chamar doutra forma a pasar a ser a terceira forza en Galicia.

Os tres deputados socialistas por Lugo compareceron só para pechar filas en torno a Leiceaga. Para dicir que o PSOE tiña «o mellor candidato», que había «líder» e «proxecto». Os votantes non deben de opinar o mesmo. Os tres deputados non son, seguramente, os máis responsables de que o PSOE perdera un escano en Lugo, pero chama a atención que non houbera nin asomo de autocrítica, nin persoal nin partidista. Quizais se subestima a importancia de poñerse diante dos cidadáns e admitir erros, aínda que sexa de cando en vez.

Ao voceiro socialista no Concello pareceulle valorable que o PSOE quedara en segundo lugar na maioría do rural, territorio que goberna el. No municipio, a segunda forza foi En Marea. A primeira foi de novo o PP, que, cos mesmos resultados, gobernaría na capital e na Deputación.

Das primeiras reflexión socialistas non parecía que foran desprenderse cambios, pero a nivel orgánico todo mudou nos últimos días, coa crise nacional do partido. A nivel institucional é máis difícil saber que pode pasar. Hai voces do PSOE que falan da conveniencia de buscar unha alianza de goberno no Concello e, nese caso, todas as miradas están postas en Lugonovo. Hai máis forzas de esquerda, e unha delas (BNG) contribuíu a que houbera unha alcaldesa socialista, pero até o momento Lugonovo é a que máis apoio deu ao goberno. O problema é que, a medida que pasa o tempo, fáiselle máis difícil confiar no equipo de Lara Méndez, tanto na capacidade como na lealdade.

A necesidade do goberno de ampliar e de reforzar equipo é máis que evidente. Non erra a oposición cando fala de parálise e de bandazos. A fichaxe dunha directora xeral de recursos humanos -cuxas atribucións, por certo, foron retocadas esta semana- ía servir para enderezar e fortalecer o piar do Concello, pero van dous meses e non houbo nin un só cambio nin hai noticias de cando chegarán. A revisión do cadro de persoal debería ser a prioridade se o goberno quere sacar adiante o orzamento do ano que vén. O pasado, a oposición permitiullo porque era o primeiro e só coa condición de que o desaxuste se corrixira este ano.

A presentación dun plan de emprego antes dunhas eleccións -que, por riba, se vai retrasar porque hai que corrixir- tampouco parece o máis idóneo. E menos aínda se un aspirante tan controvertido como a federación veciñal anuncia sen rubor que vai ser beneficiario, cando aínda non comezou o proceso de selección.

A elaboración da documentación para rematar o PXOM segue sen encomendarse, mantéñense o mesmo número de contratos caducados que á marcha de Orozco, o túnel da praza de abastos leva meses acabado e pechado e non hai nada que apunte a un restablecemento do control do aparcamento na rúa.

O atasco nalgúns servizos é tal que hai cidadáns que esperan preto dun ano por un vado; o pago medio a provedores do Concello achégase aos tres meses, e as obras e proxectos que estaban previstos no orzamento deste ano van a paso de tartaruga, ou non van. Se a iso se suma a desafortunada xestión informativa e política que se fan dalgúns asuntos, dende a morte dunha muller que foi atropelada por un coche da Policía Local ao cambio das bases do polbo de San Froilán, o panorama é desalentador. No asunto do polbo tamén hai que tirarlle das orellas á oposición. A concelleira de cultura non miraría os pregos que fixeron os técnicos, pero o resto dos partidos tampouco.

Dicía a alcaldesa hai uns meses que, cando se producen cambios de goberno, xéranse expectativas. O problema é que, pasado só ano e medio ano, hai quen empeza a botar de menos algunhas características do seu antecesor. E non só se lle escoita ao PP, na súa peculiar forma de facer oposición.

Comentarios