jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Sen un minuto que perder

O Goberno central ten con Lugo débedas históricas, xustas e economicamente asumibles
Pedro Sánchez y Orozco. ARCHIVO
Pedro Sánchez y Orozco. ARCHIVO

A CONSUMACIÓN da agónica investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España provocou tantos golpes de peito como suspiros de alivio. Destes últimos houbo uns cantos na Praza Maior de Lugo, onde o goberno local —alomenos a parte socialista— temía que un hipotético cambio de Executivo frustrara un dos proxectos de cidade no que o equipo de Lara Méndez vén poñendo máis esforzo nos últimos meses, a futura estación intermodal, a pesar de que nin todo o arco político nin toda a cidadanía están convencidos do rédito que dará.

Non o están porque, aínda que dende as administracións se insiste en que o financiamento da UE para infraestruturas ferroviarias está condicionado á intermodalidade, é difícil confiar en que se poida gozar desta cando o transporte público tanto por carretera como por tren en vez de mellorar mingua e deterioráse. En todo caso, a estas alturas, cando o proxecto semella encauzado, o debate é pouco produtivo e o que cómpre é apretar os Executivos español e autonómico para que cumpran coas súas respectivas partes. É o momento de facelo porque ao primeiro xa se lle acabou a escusa da interinidade e o segundo afronta exame nas urnas este ano.

A intermodal é só un dos proxectos que o Goberno de Sánchez ten pendentes na cidade de Lugo, que dende a última vez que houbo un lucense no Consello de Ministros —o socialista José Blanco— non obtivo moito rédito dos Gobernos de España, nin do progresista nin do conservador. No último Orzamento estatal aprobado (2018) había unha partida para desdobrar e iluminar a Ronda Norte. Negociáraa Ciudadanos no período de emendas, pero non hai noticias sequera do proxecto.

Lugo espera tamén dende hai anos por melloras na circunvalación da N-VI, unha vía na que se duplicou o tráfico nas dúas últimas décadas e na que periodicamente se producen accidentes graves, como o sucedido recentemente na subida cara a Garabolos, no que faleceu un adolescente. Por non haber non hai nin mantemento da ponte blanca, a última obra importante do Estado na capital, que loce xa máis gris ca blanca e na que houbo desprendementos dalgunhas pezas.

O remate da autovía a Santiago, cuxo primeiro tramo se inaugurou hai vinte anos, é outra das débedas que a Administración central ten coa cidade e a provincia de Lugo. O goberno local tamén confía en que o goberno amigo axude a remar no obxectivo, de momento verde e afastado, de acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade do casco histórico.

Así mesmo, de permisos dun organismo estatal, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependen varias actuacións na cidade, dende a sempiterna praia fluvial a proxectos do plan europeo Dusi, como as caldas. Tratar coa CHMS non adoita ser fácil. Coa chegada á presidencia do lucense José Antonio Quiroga —man dereita do líder do PSdeG—, as relacións melloraron, alomenos publicamente, pero de momento a CHMS segue sen dar moito trigo.

Ábalos, seguro de tren?

HAI quen cre que a continuidade de José Luis Ábalos en Fomento garante o plan de modernización das infraestruturas ferroviarias de Lugo que impulsou a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera. A formación técnica da lucense e o momento, coa conta atrás para o remate do Ave a Galicia, xogan a favor tamén da continuidade de Pardo de Vera, a pesar de que dentro e fóra da empresa pública tentan moverlle a cadeira.

Incerteza sobre as autovías

NUN contexto no que se está a falar da cesión da AP-9 e de bonificacións sería un despropósito que se establecera pago nas autovías, unha idea da que chegou a falar o anterior Executivo. Na campaña, a ministra de Economía, Nadia Calviño, evitou responder a este asunto en Lugo. Falou de novos impostos como o das plataformas dixitais, que contribuirían a reducir a débeda pública e a reforzar o gasto social e produtivo.

A proba dos Orzamentos

SÁNCHEZ convocou eleccións trala imposibilidade de sacar adiante uns Orzamentos que subían os investimentos na provincia de Lugo en 2,5 millóns e diminuíanos un 19% en Galicia, a cifra máis baixa en 17 anos. Daquela había unha galega no Consello de Ministros, a coruñesa Nadia Calviño, e agora haberá dúas, coa ferrolana Yolanda Díaz, que tamén votara a favor, como deputada de En Marea-Podemos.

Sen un minuto que perder
Comentarios