Blog | El reverso de la semana / A semana do revés

Secuestrados polas empresas

A espantada da firma do 010 mostra a vulnerabilidade das administracións e dos cidadáns ante firmas, ás veces xigantes multinacionais, que teñen os seus centros de decisión moi lonxe 
Cola para acceder con cita a las oficinas municipales, este lunes. XESÚS PONTE
photo_camera Entrada ás oficinas municipais da Ronda da Muralla. XESÚS PONTE

A ESPANTADA que fixo esta semana a empresa Abante en Lugo, deixando tirados arredor dun cento de traballadores e un servizo público como o teléfono de información 010 do Concello, é un novo exemplo da vulnerabilidade cada vez maior da clase traballadora, dos cidadáns e ata das administracións públicas ante as grandes empresas.

Abante preséntase na súa web como unha empresa que ten estrutura de partnership, coa maioría do seu capital en mans de socios executivos e aliada con Mapfre. Na práctica, o pouco que se sabe dela é que nos últimos meses foi vendendo os seus servizos menos rendibles e que ao Concello xa lle comunicara a súa intención de non facer uso da prórroga do contrato do 010, aínda que finalmente se comprometera a seguir prestando o servizo mentres a administración non sacaba outro, segundo asegura o goberno local. Pero os feitos foron que este martes, sen previo aviso, Abante deixou os traballadores sen a plataforma tecnolóxica necesaria para recibir e atender as chamadas dos cidadáns. Tampouco tiñan a quen dirixerse na empresa para pedir explicacións, ao igual que lle sucedeu ao equipo de goberno.

Hai que preguntarse por que un servizo municipal sinxelo como a información telefónica se contrata a unha empresa e non se presta con medios propios

O caso do 010 é paradigmático por varias razóns e serve de mostra dunha situación cada vez máis habitual. As grandes empresas teñen moito máis fácil facerse cos contratos públicos. Teñen máis medios para estudar e facer ofertas e, sobre todo, para competir en prezo, en parte porque a miúdo esa maior capacidade económica non se reflicte nos salarios que lles pagan aos traballadores.

O caso é que moitos servizos acaban en mans de multinacionais con sedes e centros de decisión moi afastados, co que iso conleva á hora de esixir, de comprender as necesidades do servizo e de cumprir. O Concello acaba de volver a adxudicar á empresa GIT, do italiano Grupo Maggioli, traballos de recadación de impostos e de multas. O servizo de axuda no fogar préstao a rama social da multinacional Sacyr. O propio 010 é outra mostra. Se sempre foi un servizo valorado polos cidadáns, dende a pandemia volveuse clave porque non só informaba senón que en moitos casos acababa sendo a porta de acceso ao Concello.

Quizais a pregunta que hai que facerse é por que hai que contratarlle a unha empresa un servizo aparentemente sinxelo, que basicamente precisa de persoas con acceso á información municipal, capacidade para transmitila e calidade para tratar coa xente. Non o podería atender o Concello cos seus medios?

O recurso ás empresas privadas para a prestación de servizos públicos é unha práctica na que acabaron caendo todas as administracións, ata as gobernadas polos partidos que se din máis progresistas e defensores do público, co pretexto dun aforro e sobre todo dunha eficacia que non sempre se dán. As limitacións á contratación que aínda hai pola Lei de Estabilidade Presupostaria, e que nalgún momento estrangularon a concellos con cadros envellecidos como o de Lugo, condicionan o aumento de persoal nas administracións públicas. Porén, detrás de moitas externalizacións non hai iso senón a comodidade que supón non ter que ‘pelexar’ con funcionarios, que teñen dereitos e unha capacidade de presión inmensamente maiores que os do sector privado. 

As privatización son tamén unha forma de dar negocio e emprego a empresas e persoas afíns, como tantas veces denuncian os partidos cando están na oposición. Cando gobernan esquécense dese discurso. E a gota que colma o vaso é que en ocasións esa vía acaba sendo a de entrada deses traballadores á función pública, de maneira que ao final os cadros de persoal engrósanse igualmente, só que por vía xudicial. É o que probablemente acabará sucedendo coas traballadoras do 010, que xa teñen sentenza a favor —recorrida polo concello— por teren realizado o seu traballo nalgunha época en oficinas e con medios municipais. Esta é, en esencia, a razón pola que nas últimas décadas varios traballadores de empresas privadas acabaron sendo persoal do Concello. E cando a práctica se segue repetindo, máis que pensar nun erro hai que pensar noutra cousa. Sexa dun xeito ou sexa doutro, os peor parados son sempre os administrados. 

Empresas da terra
No Concello tamén hai servizos contratados a empresas autóctonas e, aínda que non é regra, o funcionamento non adoita ser peor. Un exemplo é o coidado dos xardíns, dende hai anos en mans de Calfensa, que neste intre opta a manter o contrato. O centro de día Antonio Gandoy acaba de pasar do xigante OHL á lucense Alalás, e a disputada recollida de lixo recaeu en Copasa, Geseco e Setec Building, de Ourense e Vigo.

 

Eléctricas e bancos
NON hai sensación de maior secuestro e roubo que a que provocan as empresas eléctricas e os bancos, con prezos e comisións abusivas e maltrato aos clientes. As entidades financeiras tiveron que recuar algo na (des)atención pública ante a presión social, que acabou por facer que o Goberno tivese que mollarse. Pero a relación coas eléctricas é sangrante, máis aló do enorme problema de prezos. Nin chegar a elas é posible.

Comentarios