Blog | A Semana do Revés

‘Salvados’ polos funcionarios

A tramitación da licenza da Residencia amosa a particular forma de traballar no Concello

Antigo Hospital Xeral de Lugo. AEP
photo_camera Antigo Hospital Xeral de Lugo. AEP

QUEN o ía dicir! Os funcionarios municipais, tantas veces sinalados, ‘salváronlle’ esta semana os mobles á alcaldesa, Lara Méndez, e ó seu equipo, cuxa xestión volveu a quedar en entredito a conta da petición de licenza da Xunta para construír no antigo hospital Materno-Infantil. Resumamos: a Xunta pide licenza; o PP local —ansioso por demostrar o que vale— di que vai un mes e dez días e que o Concello aínda non resolveu; o goberno municipal responde que o papeliño lle chegou hai apenas oito días; o PP ensina un documento de Correos segundo o cal lle foi entregado na data que di, hai máis dun mes; o Concello insiste en que non e en que, ademais, falta documentación, pero é tanta a seguridade da oposición que volve a mirar e descubre que o PP, vaites, leva razón e que non só están todos os papeliños senón que os funcionarios levan semanas dándolles o curso debido. Sen que o concelleiro tivera que mandarlles, mira ti...

Non é un proxecto calquera, senón que supón un investimento de preto de dez millóns de euros nun barrio que ten moita falta de revulsivos. É, ademais, unha actuación na que o goberno municipal ten máximo interese e que para nada pretende entorpecer, asegura. Por iso, e porque di que hai moita interlocución coa Consellería de Sanidade, chama a atención a falta de información que tiña o goberno municipal. E cómpre preguntarse por que.

O goberno alude a un cúmulo de despro ‘Salvados’ polos funcionarios pósitos, pero o sucedido serve para facerse unha idea de como se traballa na administración local. É difícil de entender que un funcionario marche de vacacións e no servizo de Licenzas ninguén poida informar con rigor de como está o asunto. O dato que se lle deu ó concelleiro era erróneo —ou incompleto, para ser precisos—, segundo explicou Daniel Piñeiro. Non hai por que desconfiar da lealdade nin da profesionalidade dos traballadores, pero o que sucedeu igual se tería evitado se no Concello funcionara de verdade a administración electrónica, como por outra parte obriga a lei.

Porque o concelleiro non só recibiu información errada en Licenzas. Tamén no Rexistro. Segundo narrou Piñeiro, cando preguntou pola data de entrada da documentación da Xunta, o persoal deste servizo só lle confirmou un rexistro, do 20 de agosto, cando había un anterior, do 23 de xullo, polo mesmo asunto. Tampouco se sabe por que hai dous rexistros se é verdade o que di a Xunta e esta só fixo un envío por correo postal. O outro foi dixital.

Xa se sabe que a situación interna do Concello é moi precaria, cun equipo político reducido e feble, con pouco persoal e parte del escaldado por investigacións xudiciais e outro de unllas por razóns diversas, como a revisión da RPT, aínda pendente. E xa se sabe que as situacións non se reverten en dous días, pero o tempo corre. Ben deita que a memoria adoita ser fráxil, porque o que sucedeu co proxecto da Residencia vai camiño de batir todos os récords da nutrida lista de despropósitos que acumula a xestión municipal nos últimos anos.

O PP e o termo medio

O PP local non acaba de encontrar a medida dunha oposición fiscalizadora e construtiva. Ou cae nos mesmos temas unha e outra vez ou arrisca de máis. Semella que é o que pasou co asunto do proxecto da Residencia. A xestión municipal quedou en evidencia, pero criticar un retraso de tramitación de pouco máis dun mes en pleno verán igual está algo fóra de lugar. É significativo o silencio que mantivo Sanidade.

O pulpo está gafado

A RENUNCIA de Aurora do Carballiño a un dos dous postos que gañou para o San Froilán e o feito de que o Concello aínda non o sacara outra vez a concurso pon en risco que poida haber catro casetas. Hai un hostaleiro con interese en instalarse, pero está por ver como sae a contratación do espazo e se consegue a infraestrutura que precisa, xa que quen a posúe non está polo labor de cederlla nas condicións que lle propón.

Cs e as frores dos toxos

A RETIRADA de lazos marelos por parte de Albert Rivera e Inés Arrimadas en Barcelona deu lugar a chanzas ben simpáticas nas redes sociais. Hai quen propón que veñan quitar as frores dos toxos a Galicia. Poderían guialos os seus compañeiros do Concello de Lugo, que este mes encheron de carteis retranqueiros terreos públicos que están cheos de maleza. Por certo, o Concello retirounos e a Xunta rozou.

Comentarios