viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Que a RPT non nos saia cara

Concentración de trabajadores municipales a favor y en contra de la RPT durante un pleno. VICTORIA RODRÍGUEZ
Concentración de trabajadores municipales a favor y en contra de la RPT durante un pleno. VICTORIA RODRÍGUEZ

CANDO a mediados de setembro a concelleira de persoal, Paula Alvarellos, anunciou que o plan era que os traballadores do Concello de Lugo comezasen a fichar o 1 de xaneiro de 2020 e que nesas datas se disporía tamén dunha nova RPT (relación de postos de traballo), a que escribe non puido evitar levantar a cella mentres tomaba nota e pensaba se a edil non estaría pecando de novata ao marcar prazos desa maneira. Eran medidas das que levabamos lustros! escoitando falar, e que, no caso concreto da RPT, en ningunha administración adoita resultar fácil e no Concello de Lugo viña de provocar a primeira folga en corenta anos. O escepticismo estaba xustificado, direi en defensa propia. Porén, se os dous obxectivos non están cumpridos nesa data probablemente ha ser por pouco.

Hai semanas que algúns traballadores xa fichan, de momento de xeito voluntario, e a RPT superou esta semana o primeiro trámite. Os sindicatos apoiárona de forma unánime, algo que legalmente non é necesario para que o goberno aprobe o documento pero que ten un enorme significado. Neste xornal xa se explicaron algunhas das claves dese aval, que seguramente non se deu en moitos concellos, como o considerable aumento de xefaturas, que dará moitas oportunidades de promoción; a posibilidade de corrixir a situación dun elevado número de traballadores que están asignados a postos de forma anómala e dende novembro cobran a nómina con reparos do interventor, e, sobre todo, a suba salarial que reciben practicamente todos os traballadores, con media ducia de excepcións.

Paz social a cargo do erario público. É a lectura máis rápida e é certa a medias. A suma da mellora retributiva aínda non transcendeu e farase á conta dunha bolsa que levaba consignada dende hai anos e non se gastaba, entre outras razóns, polas moitas vacantes que existen. En 2018 foron en concreto 5,3 millóns do capítulo de persoal os que se deixaron de destinar a este.

Outro tema é que se decidira gastar ese diñeiro, ou parte del, noutras cousas, como investimento na cidade. Legalmente sería posible, se así se recollese na elaboración do orzamento municipal, como confirma o interventor municipal. E proposto así, seguramente non houbera lucense, quitando os implicados, que non o tivese defendido.

Pero a dicotomía non é tan sinxela, porque, á vez, queremos que nos atendan ben cando imos ao Concello ou precisamos dos seus servizos e queremos que se fagan obras e se fagan rápido. Nada garante que cunha mellora salarial os funcionarios traballen máis e mellor, pero un estímulo debería supolo, se ademais esta medida vai acompañada doutras como as que se están a adoptar, como cambios organizativos a axilización de procedementos.

Hai que lembrar, ademais, que en xeral os traballadores de Lugo cobraban por debaixo dos doutras cidades galegas similares. E que a escaseza de persoal, por xubilacións e falta de convocatorias de emprego, e o aumento de traballo, por normativa, por servizos novos..., provocan que moitos funcionarios —non todos, hai colectivos con mellores condicións— leven anos soportando unha importante carga de traballo. Haberá que darlles un voto de confianza. O malo é que, a diferenza do que sucede cos políticos, os funcionarios non os podemos volver elixir en catro anos.

'Corrección' necesaria

A RPT vixente ten trece anos, polo que é fácil facerse unha idea do desfasada que pode estar. Nalgúns aspectos, a modernización do Concello aínda está empezando a materializarse, pero moitas das súas necesidades e daquelas ás que dá resposta teñen pouco que ver coas de 2006. Aquela RPT fixérase con certa precipitación, por mandato xudicial, carecía dun estudo de postos pormenorizado e non se levara a negociación.

Uns mellor ca outros

A NOVA RPT segue beneficiando a uns traballadores (bombeiros, policías, escolas infantís...) sobre outros. Eles defenden, como é lóxico, que a mellora é xusta, porén, a realidade é que coincide naqueles colectivos que poden facer máis forza ou nos que a presenza sindical é maior. A suba salarial xeralizada que se propón agora —non lineal, di o goberno, senón en base a criterios obxectivos— apagou o conflito.

Que fixo falta antes

PODE que a RPT non tivera un apoio sindical tan unánime sen outros pasos previos, como a elaboración dun informe sobre as anomalías nos postos e nos salarios dalgúns traballadores, a destitución de dúas xefas de servizo, a axilización de procesos selectivos, o pago de atrasos e a implantación do control horario. Todos teñen consecuencias no día a día e xuntos envían unha mensaxe clara: os tempos mudaron.

Que a RPT non nos saia cara
Comentarios