Blog | A Semana do Revés

Rozas volve ao cuartel

O veterano edil do PP deixa a primeira liña o venres tras máis de 30 anos e varias decepcións

Enrique Rozas. J.VÁZQUEZ
photo_camera Enrique Rozas. J.VÁZQUEZ

DESPOIS de máis de trinta anos vinculado dun xeito ou doutro ao Concello de Lugo, Enrique Rozas deixará de estalo dende o vindeiro venres, cando cesará toda a corporación e o persoal eventual. O luns volverá ao seu posto na subdelegación de Defensa, unha institución coa que por natureza ou por contaxio Rozas comparte cualidades, dende a disciplina á cerimonia. O aínda concelleiro do PP é cortés no persoal e no político. Na parte pública foino sempre. Na privada, case sempre. O enfrontamento que dende 2011 mantivo co entón voceiro, Jaime Castiñeira, seguramente sacou a parte menos amable que Rozas, como calquera, leva dentro.

Un dos empeños do político en todo este tempo foi negar o termo enfrontamento para referirse ás diferencias que mantivo con Castiñeira e que acabaron trasladándose ao grupo municipal. Pero enfrontamento non hai dúbida de que foi, outra cousa é quen o provocara e quen o alimentou. Castiñeira seguramente non foi claro co edil cando en 2011 o levou na candidatura para despois deixalo sen dedicación exclusiva do Concello, que era tanto como apartalo da primeira liña e da rúa —co que Rozas gusta de ámbalas dúas— polas dificultades que sabía que tería para compatibilizar o labor político co seu traballo. Rozas rexeitou a media dedicación que lle ofrecía Castiñeira e o baleiro que sufriu nos anos seguintes e a mezcla de queixa e crítica que el verteu foron facendo medrar a bóla de neve.

Daquela e posteriormente houbo quen usou o argumento do diñeiro para tratar de denigralo, e a bo seguro que a Rozas non lle amargaría o caramelo, pero quen o coñeza un pouco tamén sabe que o diñeiro nunca foi o seu principal motor político. Ao aínda concelleiro préstalle máis o recoñecemento público, como o que tivo cando anunciou que marchaba.

Neste caso semella que non foi aquelo que dicía o malogrado Rubalcaba de que neste país se enterra moi ben, ou non foi só iso. O aprecio —dunhas dimensións poucas veces vistas nesta cidade— que lle demostraron publicamente veciños e políticos de todas as cores é sinceiro. Cidadáns e adversarios valoraron a cercanía, a dedicación e as ganas que sempre lle puxo á función pública, recoñecidas incluso por quen non comulga con el. Iso non quita que as maneiras de Rozas gusten a todo o mundo nin que a súa forma de traballar sexa a idónea en tódolos aspectos. Pode ser o máis dedicado colaborador e, ás veces, tamén un factor desestabilizador, din algúns que o saben.

Rozas sentiuse utilizado e enganado varias veces máis. Como cando se volcou con Elena Candia na loita pola dirección provincial. Pode que decantara a súa victoria cos apoios de Lugo e non sentiu recoñecida a contribución. A continuación, o partido apostou, e el accedeu, por Ramón Carballo para a dirección local. O seguinte paso foi a renuncia de Castiñeira á portavocía municipal e, de novo, o partido non o elixiu a el senón a Antonio Ameijide. O resto xa é coñecido tamén. Carballo foi alcaldable e, véndoas vir, Rozas decidiu marchou.

As formas ata o último día
ROZAS optou por marchar da política de xeito elegante e un exemplo foi que acompañou ao voceiro, Antonio Ameijide, ao xulgado o día que estaba citado a declarar pola denuncia contra o goberno polos contratos caducados. Rozas non comulga, ou eso se intúe, coa decisión do seu grupo, pero foi unha das poucas persoas que acompañou a Ameijide, coa que son coñecidas as súas diferencias. Non o fixo Carballo.

 

Unha marcha que aliviou
O novo voceiro do PP non cre que a renuncia de Rozas tivera influencia no resultado electoral, nin para ben nin para mal. O concelleiro ten fans, pero tamén detractores, e especular con que tería pasado é só iso, especulación. O que é certo é que nas filas do PSOE o anuncio de que marchaba aliviou, e iso algo quere dicir, sobre todo porque o natural non é que os socialistas pesquen nos caladoiros do PP.

 

En política dende os 26
Rozas cumpriu 62 anos e leva dende os 26 vinculado ao Concello case de xeito ininterrumpido. A esa idade empezou a colaborar co alcalde Vicente Quiroga en Deportes; en 1987, nomeouno xerente do patronato respectivo, ata 1999. Cinco anos despois volveu como edil, acta que deixará o venres. Durante o curto mandato de Candia na Deputación foi proposto para xerente do consorcio provincial de bombeiros.

Comentarios