Blog | A Semana do Revés

Restaurar para non okupar

A priorización da edificación fronte á rehabilitación propiciou o abandono dalgúns barrios

Veciños das Gándaras, mobilizados trala ocupación de varias casas. SEBAS SENANDE
photo_camera Veciños das Gándaras, mobilizados trala ocupación de varias casas. SEBAS SENANDE

OS veciños das Gándaras maniféstanse hoxe para pedirlle ás administracións públicas medidas contra a okupación de vivendas, unha práctica que na cidade de Lugo empeza a coller dimensión. Que se saiba, xa hai casas okupadas en varios barrios, como a Milagrosa, o barrio Feijóo e, agora, As Gándaras. Anos atrás hóuboas tamén na Residencia, en Abella e ata na Ronda da Muralla.

Os veciños cren que hai pouca vixilancia policial. Non erran. A falta de efectivos tanto na Local como na Nacional fai que teñan que coordinarse, tamén coa Autonómica, para repartirse a cidade. A Garda Civil bótalles unha man para asuntos de drogas. Porén, o factor que probablemente más propicia a okupación de vivendas é o abandono das mesmas por parte dos seus propietarios. Ás veces é obrigado. A veciña das Gándaras cuxa casa foi okupada e recuperada grazas á mobilización veciñal reside nun xeriátrico e a súa filla vive noutro lugar. Outras veces as casas péchanse por elección, aínda que seguramente case nunca é caprichosa. En zonas cun parque inmobiliario vello, como é o de moitas rúas da Milagrosa, A Residencia ou o barrio Feijóo, hai veciños que optaron por mudarse a vivendas máis novas e con máis servizos, como ascensor, garaxe e calefacción. E hai herdeiros que fuxen de rehabilitar as propiedades para volver a elas ou para alugalas porque non se poñen de acordo, porque teñen medios para facelo ou porque o deterioro urbanístico propiciou un deterioro social dos barrios que hoxe os fai pouco atractivos. «Aquí ya solo rehabilita un romántico», afirma unha comerciante de Camiño Real.

E románticos non parece que queden moitos. Entre os construtores non abundan, polo menos. E iso que a crise do ladrillo fixo que nos últimos lustros moitos empezaran a mirar un pouco máis cara a rehabilitación, en parte debido aos incentivos públicos que ten.

Durante moito tempo, o interese centrábao a edificación nova, de maneira que a cidade foi extendéndose mentres algúns barrios iniciaban o declive. Primeiro os veciños morrían ou mudábanse; despois, algunhas vivendas, moitas veces con poucas prestacións, alugábanse a prezos baixos a poboación con poucos recursos, o que propiciou o asentamento de comunidades de inmigrantes aos que, nalgúns casos, lles custa respectar os patróns de convivencia. Outras casas quedan baleiras e son okupadas por persoas que, ademais do anterior, cada vez coñecen mellor as dobreces e os baleiros das leis.

Este é o escenario da Milagrosa, por exemplo, un barrio no que se leva anos prometendo a tramitación -que aínda non comezou- dunha declaración de área de rehabilitación integral, que suporía unha inxección de fondos públicos para a recuperación de vivendas e para outras actuacións de mellora urbana. Iso si sería útil, do mesmo xeito que parece máis eficaz a proposta do PP dun cambio lexislativo para facilitar o desaloxo de casas okupadas ca unha oficina para asesorar a propietarios.

Un posto maldito

A dirección xeral de Recursos Humanos do Concello volveu esta semana á normalidade despois de que, a finais da anterior, o seu titular freara durante unhas horas. Demóstrase de novo que é un dos postos máis complicados do Concello. Ás presións pola RPT e pola cobertura de prazas en servizos complicados como Policía e Bombeiros súmase unha enorme carga de traballo administrativo e os recursos xudiciais.

Tensións veciñais

AS augas seguen revoltas na federación veciñal polas sensiblidades políticas opostas que hai no seu seo. Un comentario nas redes sociais dun dos directivos pedindo que se identificara aos «extremistas» de Lugo que acudiron á «mobilización facha» de Madrid levantou pólvora, ao igual que unha cea (circulan fotos) de cargos do PSOE coa Asociación de Veciños da Milagrosa na que se tería pedido o voto para a alcaldesa.

Papelón de Fernán Vello

O poeta Fernán Vello, deputado de En Marea por Lugo, a pesar de que vive na Coruña, non acaba de collerlle o pulso á política. Trala última victoria electoral de Feijóo, tivo que pedir disculpas por calificar de «alineado e ignorante» ao pobo galego. Esta semana desoíu as directrices da dirección e votou a favor duns Presupostos do Estado que baixan o investivemento en Galicia e que ían fracasar de todos xeitos.

Comentarios