Blog | A Semana do Revés

Represéntano a vostede?

Erixida en interlocutora dos lucenses, a federación xestiona fondos públicos sen control algún

Celebración del Día do Veciño. AEP
photo_camera Celebración do Día do Veciño. AEP

DI A FEDERACIÓN de Asociacións de Veciños de Lugo que é unha das entidades que máis socios ten en Galicia. Pero representa este colectivo á maioría dos veciños? Da observación e da consulta aquí e acolá —ningunha enquisa científica— unha infire, co risco de errar, que non. Ou dende logo non na medida na que se xacta o colectivo que preside Jesús Vázquez. É probable que haxa unha maioría veciñal silenciosa que ve como a federación, amparándose nesa suposta representatividade e capacidade de influír, estende a súa acción a cada vez máis ámbitos e se beneficia de recursos públicos por vías diversas. Todo isto coa conivencia, nuns casos, e coa colaboración directa, noutros, das administracións públicas. As que toquen en cada momento. Non hai maior mostra de independencia que saber entenderse con uns e con outros, dixo Vázquez unha vez. É unha forma de velo. Hai quen a iso lle chama arrimar a brasa á sardiña.

En ocasións, a conexión cos partidos que gobernan nas institucións potencialmente máis colaboradoras —as máis próximas, concello e Deputación— é tan impudorosa que non hai moito vimos como a federación ameazaba aos partidos con representación no concello —elixidos polos cidadáns— para que apoiaran o presuposto municipal. A manobra non lle saíu gratuíta. Cs pediu que se cumpra a Lei de Transparencia e a federación ou o concello informen de cantos fondos aporta a administracion local a este colectivo e a que os destina. Seguimos esperando. Segundo o reconto de Cs, superan os 100.000 euros entre 2015 e 2017, sen contar as facturas que lles paga como colaboración con distintos eventos e os programas de emprego. E todo isto vale para a Deputación e para a Xunta.

Coincidindo cos cambios políticos nas institucións lucenses, a federación foi dando entrada nos seus cargos directivos a persoas vinculadas ao PSOE, pero o núcleo duro vén do PP. Algúns dirixentes pagan o carné e participan máis ou menos explicitamente na vida orgánica do partido, así que é fácil deducir a quen lle dán a papeleta, por moita pancarta que sosteñan co PSOE, a maioría das veces por causas ás que, quen lles vai dicir que non! Mellora de servizos sanitarios, de comunicacións... Non se pode negar o acerto na elección das reivindicacións e a capacidade para chegar á xente. Xa lles gustaría a algúns un equipo de marketing así de eficaz! A ruta do cancro, por exemplo, traspasou fronteiras. E tampouco se pode obviar que, en ocasións, esa presión axuda e que detrás ten un traballo que outros non están dispostos a facer, aínda que compartan as demandas e non comulguen coas maneiras da federación. Sucede en todas as esferas. Somos cómodos, deixamos as cousas nas mans duns poucos e a debilidade humana e a falta de fiscalización fai que ás veces se coen persoas ás que as moven intereses económicos e/ou políticos.

Coa federación, e coas asociacións que a conforman, xurde a dúbida de quen, cando e como se elixe aos seus representantes e que control hai sobre a actividade que levan a cabo e os recursos que manexan. Habería que preguntarse cantos lucenses lucirían a camiseta de ‘non me representan’. A sorte do colectivo é que nin o fastío nin as ganas de involucrarse son tantas como para un 15-M veciñal. 

Cada vez máis ‘solidarios’
A recollida de alimentos é unha das actividades máis antigas da federación, que cada vez chega a máis ámbitos. Alomenos sobre o papel, ten un servizo de axuda á integración de inmigrantes e outro de inserción laboral. E vén de presentar un programa de acompañamento a persoas soas nos seus domicilios e no hospital. Tamén se anunciou a súa colaboración nunha iniciativa municipal de protección cardiovascular.

Cantos queres?
A capacidade de convocatoria da federación veciñal está fóra de dúbida. No Día do Veciño dá de comer a 4.200 persoas, cunha loxística que xa lle gustaría a algún hostaleiro. Faino grazas a aportacións públicas e privadas —tamén se move ben deste lado— e a unha modesta aportación dos asistentes. A través de case 300 asociacións, mobiliza o que faga falta e, cada vez máis a miúdo, exerce de anfitrioa de cargos socialistas.

Fixémolo entre todos
Milagrosistas do ano, V de Veciño, premios a deportistas..., son algúns dos recoñecementos que a federación ten instaurados. Repárteos anualmente a persoas e a entidades de toda cor e tendencia, de maneira que asegura a presenza e a cobertura destes eventos. Sempre hai algunha excepción, como Cs e EU, que non son prato de gusto do colectivo veciñal. non lle deben gustar os extremos.
 

Comentarios