Blog | A Semana do Revés

Quen 'mata' o centro?

Usar o coche no centro da cidade é máis difícil e a oferta crece ás afóras, pero é incontestable a competencia das grandes plataformas como Amazon
Lara Méndez nunha visita ao Street Market no centro. EP
photo_camera Lara Méndez nunha visita ao Street Market no centro. EP

NA ÚLTIMA semana coñeceuse o peche próximo de dous comercios emblemáticos do centro da cidade, o bazar La Ponderosa, en Santo Domingo, e La Bolsera Gallega, que pasou por tres xeracións e distintas ubicacións. "Y más cierres que vienen, lo que pasa es que la gente lo tiene callado. Es lo que hay, están dejando morir el centro. Todo el apoyo es para el gran comercio", quéixanse no primeiro establecemento. "La gente no quiere perder un minuto. Quiere parar delante y cargar. Al párking solo va para algo imprescindible, un médico, una gestión administrativa...", contan no segundo.

Que os avances na peonalización do centro —no recinto interior da muralla será total en 2024— dificultan a mobilidade en coche non só é incontestable senón que é o que se busca, dentro da idea de cidade que teñen os distintos gobernos municipais dende hai décadas, das tendencias urbanas xerais e do que marca a UE, que condiciona a entrega de fondos á declaración de zonas de baixas emisións contaminantes.

No centro da cidade e nos arredores hai opcións para aparcar, algunhas máis cómodas e baratas ca outras, e están proxectadas algunhas outras, como as 165 prazas gratuítas do Fogar de Santa María. Aínda así, hai cidadáns de Lugo e doutros lugares que seguramente prefiren irse ás grandes superficies comerciais, onde é chegar e aparcar e onde a oferta está concentrada. Cada vez vivimos máis rápido e queremos perder menos tempo. Aínda que despois o perdamos doutras maneiras. 

Pero ninguén mellor que os comerciantes saben que o sector ten outros males, quizais máis grandes e de máis difícil solución, porque hoxe o mundo non só é diferente ao de hai dez anos senón que pouco se parece ao de hai dous. Nunha sociedade globalizada, con acceso xeralizado á tecnoloxía e que nos pechou na casa durante meses, a venda online converteuse na primeira opción para moitos cidadáns, e non a través das webs das tendas senón das competitivas plataformas. Non van ás grandes áreas comerciais —esas nas que igual acaban traballando empregados de negocios que pechan no centro— senón que compran pola noite dende o sofá. E contra isto, pouco hai que facer.
 

Axudas que igual non renden o que deberían

O goberno de Lara Méndez defende o apoio que o Concello dá á economía local. Durante a pandemia concedeulles 6 millóns de axudas directas a preto de 4.000 autónomos, microempresas. pymes e familias. E, entre outras accións, actualmente, destina case un millón de euros a unha campaña para dinamizar o comercio e a hostalería —á que segue sen cobrarlle as terrazas— no centro da cidade e nos barrios. Porén, algo falla cando o Concello —isto é, todos os lucenses— está facendo este esforzo e os comerciantes e outros profesionais non só non sinten apoio senón que practicamente o responsabilizan do declive da cidade.

 

O turismo pode ser unha táboa de salvación

Do centro marchan tamén as franquicias, nunha tendencia xeral a concentrar a oferta en grandes centros comerciais. E á beira destes agora tamén se sitúan os supermercados. Sexan razóns globais ou locais, a realidade é que ás afóras (tamén nos polígonos) cada vez hai máis actividade e no centro e nos barrios cada vez hai máis vivendas e locais pechados e iso conleva perda de actividade, deterioro do patrimonio e inseguridade. Neste contexto, o turismo pode que sexa unha das poucas táboas de salvación para manter vivas algunhas zonas da cidade. O goberno local confía tamén en atraer empresas co fondo Lugo Transforma.

Comentarios