Blog | A Semana do Revés

Que mo expliquen

SUCEDE ÁS VECES, non sempre, que unha decisión que parece irracional, que non semella ter ningunha razón de ser, no fondo si a ten. O que pasa é que ás veces o motivo pode ser cuestionable -polo que sexa, porque responde a intereses que non deberían, porque é discrecional, porque non ten peso ou porque aínda téndoo outra decisión sería máis lóxica...- que non se explica. E se non se explica dá lugar a que cada cidadán interprete o que queira -cadaquén arrima para onde lle interesa, é condición humana- ou o que poida, en base á información da que dispón, que a miúdo non é toda. Aínda que tamén con frecuencia se cumpre iso de pensa mal e acertarás.

En política as decisións inexplicables son pan de cada día. Unhas veces porque non convén esmiuzalas, outras porque non teñen explicación e outras por falta de vista, que tamén destas hai. En Lugo houbo de todos os tipos recentemente. Por exemplo, despois de toda a campaña electoral e do período posterior escoitando a políticos de todas as cores falando da necesidade de axustarse o cinturón, resulta que ao final 17 dos 25 edís, tres máis que hai catro anos, van cobrar do Concello. E dos oito restantes, tres percibirán retribucións doutras institucións (dous do Parlamento galego e unha da Deputación). Os outros cinco son funcionarios así que, en resumo, todos van chupar da teta pública. Ninguén di que non suen o soldo, ollo, que tanto na administración como na política hai quen traballa ben -do contrario tamén hai, non fai falta dicilo-, pero chama a atención cando o discurso veu sendo outro, por moito que en conxunto se reduxera o gasto político en 220.000 euros ao ano. Como chamou tamén a atención que algunha das formacións que máis fincapé fixo neste asunto ten nas súas filas xente que durante anos cobrou das institucións. Xa se sabe que os tempos son outros, que as economías públicas son moito máis precarias hoxe en día e as necesidades ás que deben facer fronte moito maiores, pero hai a quen non lle pasou desapercibida esa circunstancia.

Hai decisións políticas que, aínda sen parecelo, poden ter razóns detrás e outras ás que é imposible atoparlles explicación

Iso por non falar da Deputación, onde aos tres partidos non lles fixeron falta máis de dez minutos para manter e mellorar as condicións salariais. Con estas maneiras, o consenso non ten moito mérito, e ata pode considerarse reprobable nos tempos que corren, pero dende logo a presidenta está demostrando que sabe moi ben por onde se move.

No que respecta ao Concello, tampouco se entendeu moi ben nalgúns ámbitos o reparto dos salarios políticos que fixo algún partido. O caso máis chamativo é o do popular Enrique Rozas, que volveu quedar sen dedicación, nin exclusiva nin parcial. É un dos tres edís do grupo que non percibirá retribución das institucións, aínda que a diferenza coas outras dúas persoas, as médicas Encarnas Amigo e Carmen Penelas, é que o interese destas ao mellor non era tanto e que a súa dedicación é, cando menos, diferente. Sen desmerecer a ninguén, nin a elas nin ao resto de concelleiros, para ben e para mal Rozas leva a política nas veas, e aínda que para exercela fai falta moito máis que entrega, don de xentes e coñecemento do ‘paisanaje’, de todo isto fai falta. E ao mellor non hai moita xente no partido que o posúa nas mesmas doses, por iso nalgúns ámbitos sorprendeu que de novo Rozas quede sen dedicación. Noutros non foi sorpresa ningunha, porque quen coñeza aínda que só sexa un pouco as interioridades do grupo municipal, sabe que a tensa relación que o edil e o voceiro, Jaime Castiñeira, manteñen dende hai catro anos pola mesma razón pouco afloxou. Se alguén pensou o contrario era un espellismo. A súa inclusión na candidatura non se confirmou ata 48 horas antes da presentación e foi trala intervención das altas instancias, aínda que seguramente o candidato non se atrevería a prescindir del. Era ben consciente do roto que produciría.

O que pasa é que, vistos os acontecementos, dá a sensación de que a historia se repite e hai quen se pregunta se Rozas non foi utilizado outra vez. Hai quen incluso se atreve a especular con que sucedería se o edil non tivera ido na lista. Castiñeira gañoulle a Orozco por uns 1.200 votos, unha cifra que ben puido traballar o veterano concelleiro, e grazas a iso o socialista non é alcalde. De quedar por riba do PP podería acabar séndoo ao ser a lista máis votada. Manteríase o veto dos partidos que non aceptan imputados, pero é fácil que algún lle deixara gobernar a el antes que ao PP.

Despois de toda a campaña e das semanas posteriores predicando austeridade, hai máis políticos con soldo

Se Rozas aguanta todo o mandato, serán 24 os anos dedicados á política municipal. Dende 1987, durante doce anos e con tres alcaldes, foi xerente de deportes, e volveu como concelleiro en 2003. Para algúns, media vida de servizo é mérito suficiente como para que sexa mellor tratado e para outros, xusto o contrario. Cren que é unha razón para que deixe paso a outras caras e a xente que teña mellores condicións para traballar en equipo. Aínda que se nos atemos a este criterio, outras eleccións non parecen mellores.

Entre os feitos inexplicables da semana pode incluirse tamén, aínda que non sexa novo, que a conselleira de Sanidade viñera a Lugo e o grupo municipal do PP se enterara polo xornal. Castiñeira ao mellor sabía da viaxe, pero non consta que recibira invitación ao acto porque nin foi el nin enviou representación. Ao mellor tampouco tiña moito interese, porque satisfeito co papel da consellería en Lugo non parece estar, aínda que o diga coa boca pequena. Tiña unha reunión de traballo en Santiago, ao parecer.

Comportamentos incomprensibles hainos en tódolos partidos e fanse máis evidentes nos que teñen un pasado. Na Coruña, o BNG quería presidir a Deputación para baleirala de competencias, ou iso dicía, e en Lugo o popular Ángel Trabada pasou de criticar as fochancas no municipio de Lugo a ser o xefe de gabinete dun goberno que nada máis tocar mando retirou as máquinas da Deputación das pistas do Concello. Un goberno que, por certo, parece estar facendo unha enmenda á totalidade aos homólogos central e autonómico coas medidas sociais anunciadas e adiantando pola esquerda ao predecesor goberno de esquerdas. A pregunta é se vai quedar algo na caixa e que vai facer coa pataca quente das residencias da terceira idade. En todo caso, a decisión de Elena Candia constrasta co pouco ímpeto que están amosando Lara Méndez e a súa xente no Concello. Non está sendo mala a resposta aos pequenos problemas que van xurdindo, pero bótase de menos un pouco de sangre e de ideas frescas. É o que se espera de quen chega novo a un lugar. Agás que haxa outras explicacións.

Comentarios