domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

As primarias cárgaas o demo

HAI QUE VER que traballiño e cantas dores de cabeza dá a democracia. En Marea culminou esta semana un proceso de primarias tan convulso e aberto que deixou á vista as costuras -ou máis ben, a falta delas- dunha formación en construción que quixo facer ao pobo tan soberano na elección das persoas coas que busca acadar representación no Parlamento galego que pode que acabara dando a imaxe contraria. Quen non seguira o proceso de preto e non coñeza as interioridades de En Marea é posible que quede coa idea de que non son máis que unha chea de persoas en busca de acomodo ou de poder. Moitas sen filiación política, algunhas sen ideoloxía coñecida e outras rebotadas de distintos partidos. De todo isto hai, pero non todas estas circunstancias son malas nin o retrato está completo. No proxecto tamén hai xente que, dun xeito ou doutro, con máis ou con menos acerto, leva tempo traballando polo ben público, ou ben quere empezar a facelo. En definitiva, hai oportunistas e hai xenerosos, como en tódolos partidos.

O problema é que En Marea quixo que o proceso fora tan participativo e aberto que durante dúas semanas retransmitiu aos cidadáns, nunha especie de prime time ininterrumpido, as loitas (persoais ou partidarias) dalgúns por postos, influencia ou poder, e a loita doutros por tentar conformar uns equipos e un proxecto que garantisen uns mínimos de capacidade e de responsabilidade. Nada que non suceda noutros partidos, incluso neses nos que, como di Feijóo, non hai "sobresaltos nin pelexas internas". Vaia se as hai, e el sábeo ben, por iso nos últimos meses -e de novo agora coa lista electoral- se afanou en neutralizar o sector crítico lucense deixando ben claro quen manda. Xa se sabe da habilidade do PP para lavar na casa.

En Marea ampliou varias veces os prazos para facilitar a tan reivindicada confluencia e, cando teóricamente se acadou, sucedeu o contrario e as diferenzas agrandáronse. Non é fácil poñer a traballar xunta tanta heteroxeneidade nin xestionar a vontade popular. Velaí Podemos, que primeiro preguntou ás bases e despois decidiu o secretario xeral e xusto no sentido contrario. Neste caso, seguramente en boa lóxica, por moito que signifique unha enmenda á totalidade a iso de que o pobo sempre ten a razón. Se a esquerda quere ser alternativa ao PP nun territorio como Galicia só pode facelo unida. Aínda que, visto o complicada que resulta esa unidade, xa é difícil saber que tería sido mellor.

Na provincia de Lugo presentáronse cinco listas ás primarias para a conformación das candidaturas: unha afín ao presidenciable da Xunta, o xuíz Luís Villares; outra ligada a Esquerda Unida; unha terceira formada por xente vinculada a Espazo Ecosocialista e Equo e dúas de Podemos, unha do sector que estaba en contra de que o partido entrara en En Marea sen siglas e outra que defendía a confluencia, aínda que parece que non de calquera maneira, porque non foi posible unha candidatura única. É certo que Podemos estaba en pleno debate sobre como ir ás eleccións cando En Marea pechou as súas listas, pero se esa vontade de confluír fora realmente forte, e se pola outra banda tamén a houbera, seguramente tería sido posible. Ao final, das primarias saíu basicamente a lista de Villares, con dous representantes de Podemos (un dos críticos e outro dos oficiais) cara aos últimos postos. É o razonable, por outra parte, porque tan importante como a opinión das bases debería ser o criterio do candidato. Ao fin e ao cabo, é el quen despois se vai ter que ver co equipo e responder del. O problema é cando primeiro se lle pide á militancia que vote e despois se pasa por riba do resultado, como fixo o PSdeG en Pontevedra e Ourense.

A elección das persoas que representarán aos cidadáns nas institucións -que ou ben gobernarán ou ben controlarán e afalarán ao goberno- ten unha importancia vital, aínda que non adoita dárselle. É importante para acadar votos porque hai veces que un deixa de apoiar ao partido co que máis coincide -a coincidencia plena é imposible, e ata insana- polo candidato que presenta e outras veces este é a razón pola que pode acabar dándolle a papeleta a unha formación coa que igual discrepa máis. Co risco que iso supón, porque o coñecemento do candidato nunca é suficiente, porque pode saír ra, que diría Esperanza Aguirre, e porque nun sistema como o español non hai liberdade de voto nas institucións e as poucas veces en que un político a exerce é castigado.

No seo dos partidos, moitas veces tampouco as persoas consiguen impoñerse aos aparatos -as que o intentan, porque xeralmente a obediencia é condición para manterse ou aspirar a cargos-, pero dende logo, sen persoas que pelexen, as cousas non cambian.

E se as persoas son importantes para acadar votos, máis o son para facer bo uso deles despois. A confección das candidaturas adoita ser unha combinación de favores, de equilibrios e de suposto tirón popular . Na valía pénsase menos. É como o valor no exército, suponse, pero despois as carencias vense nas institucións e as consecuencias sófrenas os cidadáns. Hai excepcións, claro, na política tamén hai xente válida, pero, como en tantos outros ámbitos, a excelencia non é o que prima.

As primarias cárgaas o demo
Comentarios