Blog | A Semana do Revés

Predicar e ordenar o tráfico

A bandeira electoral do BNG foi a mobilidade, pero agora que goberna as solucións custan máis

Di o primeiro tenente de alcalde, Rubén Arroxo, que non lle quedaba outra que decretar o peche do aparcadoiro Ánxel Fole porque se non prevaricaría. Iso argumentaban tamén o anterior alcalde e o seu goberno cando aprobaron a licenza do Garañón. Probablemente os dous levan razón, pero igual que a escusa dos socialistas nunca lle valeu aos nacionalistas —nin ao resto de partidos e cidade— e os socialistas puideron esixir outra ordenación da edificabilidade, agora tampouco parece que lle valla server ao BNG.

A lei hai que cumprila, claro está, pero o concelleiro de infraestruturas e mobilidade asinou a orde de peche sen poñer sobre a mesa alternativas para paliar a perda das 372 prazas de aparcadoiro no centro da cidade. Non sería pouca cousa en ningunha circunstancia, pero aínda supón máis nas actuais, con aparcadoiros públicos pouco útiles e a ausencia de regulamento de estacionamento na vía pública.

Hai que ver se o peche do Ánxel Fole se efectiviza ou non o 28 de outubro, porque a propiedade xa logrou aprazar a clausura noutras ocasións, pero ten ‘delito’ que a orde a firmara a área nacionalista do bipartito e que o fixera sen ofrecer alternativas. É paradoxal porque a bandeira electoral do BNG foi a mobilidade, o compromiso de facer de Lugo unha cidade na que fora máis fácil desprazarse -preferentemente a pé, en bici e en transporte público, por iso da sostibilidade e da economía-, pero tamén en vehículo privado, cando non queda outra. E é máis contraditorio aínda porque tras anteriores ordes de peche, os nacionalistas eran pouco comprensivos coa falta de plan B dos socialistas. Daquela estaban na oposición.

O tenente de alcalde tivo o decreto de peche sobre a mesa durante varias semanas, pero ao día seguinte de facelo recoñecía que a súa concellería non podía ofrecer medidas inmediatas para favorecer o aparcamento e a mobilidade no centro da cidade. E era ao longo desa mañá cando visitaba o aparcadoiro do fogar de Santa María para ver as súas posibilidades. Dous anos antes, as solucións parecíanlle más fáciles e propoñía que se acondicionaran algúns soares.

O BNG non tardou en descubrir que unha cousa é predicar e outra dar trigo, e iso que non é a primeira vez que ten responsabilidades de goberno na cidade. As novas rutas do bus urbano terán que esperar a 2020 porque, cóntanos o BNG!, hai un problema co Sae (unha especie de XPS para o transporte público). Hai ríos de tinta sobre isto nas hemerotecas.

A unidireccionalidade da Avenida da Coruña terá que agardar ao remate da segunda ronda, o que supón expropiar e urbanizar. A peonalización do primeiro tramo de Camiño Real a ver se vai «neste mandato», e para retirar os coches de toda a Ronda da Muralla farán falta dous. Nin sequera para A Mosqueira, que era cousa de decidir e poñerse, hai data. Menos mal que hoxe é o Día Europeo sen Coches e lugueses e forasteiros poderán comprobar como sería a zona sen circulación. Ollo! Pero só ata o mediodía!

Policía urbanística, do BNG

Son as cousas dos bipartitos. A situación de ilegalidade do Ánxel Fole é de orixe e os anteriores gobernos socialistas libráronse da foto poñendo o cadeado. O urbanismo segue en mans destes, pero a policía urbanística e de medio ambiente é do BNG, que é quen firma sancións e ordes como a do peche do aparcadoiro da Rúa do Teatro. Xustiza poética, deben pensar os socios neste caso, que afecta de cheo á mobilidade.

As contradicións da lei

O aparcadoiro nunca tivo licenza de actividade porque, aínda que se fixo cun permiso de obra concedido en 1990, a construción non comezou ata 1998, cando a normativa urbanística do casco histórico mudara. En 1997, o Pepri meteu ese terreo nunha bolsa de solo que hai que urbanizar en conxunto, polo que a obra xa non encaixaba. O lóxico non sería ter parada a construción ou encamiñar a solución nese momento?

Un golpe, pero non o único

O peche do Ánxel Fole é un problema máis para o centro da cidade, pero sería inxusto presentalo como unha especie de estocada final. Inditex segue a súa política xeral de irse ás grandes superficies e os comercios abren e pechan, pero as horas baixas obedecen a unha realidade máis complexa. Non sempre os servizos que se ofrecen van cos tempos e non se pode obviar que as economía familiares seguen a sofrer.

Comentarios