Blog | A Semana do Revés

A participación cárgaa o demo

O GOBERNO quere que o vindeiro cronista oficial de Lugo saia dunha «votación popular aberta e pública». A proposta chama, dende logo, a atención. O resultado pode ser totalmente imprevisible e ao mellor a persoa con máis votos resulta que non é a máis axeitada. Para votar con responsabilidade, todo o mundo tería que ter un bo coñecemento dos candidatos -a idea é que tamén sexan propostos polos cidadáns-, circunstancia que non hai maneira de garantir.

A proposta do equipo de Lara Méndez obedece seguramente a esa tentación que teñen todos os gobernos de presentarse como adaís da participación e da transparencia. Unha pretensión que, se non se mide ben, pode volverse en contra á primeira de cambio. Por que os cidadáns imos poder elixir o cronista e non os concertos de San Froilán? Por poñer un exemplo máis en prosaico e non meternos en asuntos de máis calado, como neste momento podería ser a Ora. Os veciños puideron suxerir artistas para as festas a través da web municipal e algunhas foron atendidas, si, pero de aí a elixir media un treito. É só un exemplo e ao mellor non o máis acertado, pero vale para preguntarse por que algúns asuntos se queren deixar en mans dos cidadáns e outros non. Se lle deran a oportunidade, seguramente o pobo estaría encantado de votar moito máis -ou non, quen sabe, o anterior goberno porfiou nos orzamentos participativos todo canto puido nos últimos meses e foi modestísimo o número de cidadáns que fixo propostas de investimentos-, pero cómpre preguntarse se detrás dalgúns anuncios de participación non hai unha intención de eludir responsabilidades.

E ao revés, se detrás de moitas promesas de participación non hai máis que fume. No Concello de Lugo hai unha comisión de festas de San Froilán da que forma parte a oposición, pero é unha convidada de pedra. Foi así nos últimos anos e non ten pinta de que nada vaia cambiar, alomenos como os grupos non se planten. Ben é certo que moitas veces a oposición acude con catro propostas non moi ben traballadas, ou nin sequera iso, pero non é menos certo que a comisión se adoita convocar cando moitos asuntos xa están decididos e non hai marxe de acción.

Ocorre algo parecido coa transparencia. Aos gobernos éncheselles a boca con iso de ser diáfanos, sobre todo despois da corrupción coñecida nos últimos anos, que fixo moito máis esixente á cidadanía. Porén, o resultado é máis palla que trigo. O Goberno español aprobou en 2013 unha Lei de Transparencia que a Comisión Europea enseguida viu insuficiente porque non hai mecanismos independentes de control, e o portal de transparencia do Goberno español naceu con moitas limitacións e trabas.

A finais de ano, o Concello de Lugo, como todos os demais, terá que ter implementadas as ferramentas necesarias para cumprir coas obrigas que establece a lei para as administracións locais. Estas deben dar publicidade ás funcións que desenvolven, á normativa que aplican e ás estruturas organizativas. Dentro da información que teñen que publicar deben figurar todos os contratos, tanto públicos como privados, os convenios, as subvencións, os orzamentos e contas, as retribucións de altos cargos e cargos electos, o grao de cumprimento e calidade dos servizos públicos e a relación de bens inmobles. Hai que dicir que o Concello de Lugo foi pioneiro nalgúns aspectos e hai alomenos un par de anos que na súa web se pode atopar moita desta información -non toda-, aínda que nalgún caso non é fácil dar con ela.

En 2012, o equipo de José López Orozco xa anunciaba a publicación de información relativa a todos os contratos, incluídos os negociados e os menores, a actividade privada (compatible coa política) dos edís, o cadro de persoal e os salarios dos traballadores de confianza. Non toda chegou a coñecerse, pero o Concello de Lugo leva anos en postos altos do ránking de transparencia que elabora cos 110 concellos españois de maior tamaño a organización Transparencia Internacional. En España a entidade está xestionada pola Fundación Ortega y Gasset e conta con financiamento de fundacións e empresas involucradas na loita contra a corrupción.

Quedan, non obstante, pasos por dar. E algúns dos dados nesta nova etapa fan desconfiar á oposición. O goberno decidiu retirar os políticos das mesas de contratación -por elas pasan os contratos de obras e de servizos superiores a 50.000 e 18.000 euros, respectivamente- e deixar de celebrar xuntas de compras (contratos menores), nas que tamén había concelleiros, porque di que este non é un órgano obrigatorio.

O goberno cre que son os técnicos os que teñen que resolver en base a criterios obxectivos e avaliables e di que a oposición terá igualmente acceso a toda a información. Os cinco grupos poderán ver os contratos menores os xoves de 10.00 a 14.00 no servizo de Actas, onde tamén poderán supervisar os asuntos aprobados pola xunta de goberno. A información sobre os contratos maiores terán que vela como o resto dos cidadáns na web, no perfil do contratante, ou pedila por escrito. Porén, non chegará con rexistrar a solicitude para, unha vez selada, acudir a ver o que interesa de inmediato, como sucedía antes, senón que o goberno disporá de cinco días para responder á petición.

Algúns grupos da oposición, como o PP, ven un retroceso en transparencia. Antes podían consultar os contratos menores e maiores con anterioridade á celebración dos órganos de contratación, onde a oposición tiña voz e voto. Ao ser minoritaria, o seu papel non era relevante, pero o acceso á información era maior, din.

Outra interpretación da decisión de, teoricamente, deixar os contratos só en mans dos funcionarios é que teña que ver co desexo de protexerse, ante o medo a acabar no xulgado, como xa sucedeu no pasado. Se é unha maneira de resgardarse contrasta co arriscado compromiso que a alcaldesa e a súa xente están amosando noutros asuntos. A súa presenza en protestas e reivindicacións veciñais pode estar xustificada, alomenos nalgúns casos, pero senta precedente. Vai estar sempre a rexedora a pé de rúa? Detrás de calquera reivindicación cidadá? Tamén cando o sinalado sexa o Concello?

Artigo publicado na versión impresa de El Progreso do domingo 6 de setembro de 2015.

Comentarios