Blog | A Semana do Revés

Un outsider que planta lumes

Álvaro Santos, edil de medio ambiente, volve poñer o PSdeG na diana coas críticas ao líder
photo_camera Caballero, Méndez e Santos, nun mitin das municipais con Adriana Lastra. SEBAS SENANDE

PREGÚNTANSE ESTES días moitos a que vén a nova saída de ton de Álvaro Santos, outrora deputado e secretario provincial do PSOE e neste intre concelleiro de medio ambiente na cidade de Lugo. Que busca. Se fala no seu nome ou tamén no doutros. Se forma parte dunha estratexia persoal ou colectiva. Só el o sabe, pero é posible que non teña moita máis explicación ca unha boa dose de resentimento misturada co que semella ser un espírito libre. Un outsider político.

Precisamente por esa condición e pola maneira na que, debido a ela, xogou as súas cartas dende que en decembro de 2017 se fixo co mando provincial do partido sen o favor do xa entón líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, a sorte de Santos parecía botada. Non sería imposible que un barón provincial lograra manter o pulso ao autonómico —casos coñecemos dentro e fóra do PSOE—, pero as maneiras do friolés contribuíron a que fora perdendo apoios incluso entre aqueles que consideraban que en determinadas situacións levaba razón. Foi clarificadora a súa dimisión en xuño, nun acto no que só estivo acompañado pola deputada Sonsoles López Izquierdo e por un puñado de asesores, entre eles algún que hai quen cre que segue influíndo na sombra.

Santos tiña planificadas varias semanas de vacacións fóra de España e antes de marchar volveu cuestionar a xestión de Caballero, da executiva que preside e da provincial. Vinculou a perda de votos do PSOE nas segundas eleccións nacionais deste ano aos cambios que promoveu o PSdeG nas listas e no partido e aludiu á caída que houbo nas municipais en concellos que teñen representantes na dirección galega, ou deputados provincias implicados nos cambios que tamén se produciron na Deputación co beneplácito de Caballero.

A limpeza e a muda de candidatos que houbo no último ano non gustou nalgúns sectores do PSOE, certo, pero relacionalas cos resultados electorais é querer arrimar para si mesmo, porque nunha chamada ás urnas son moitos os factores que inflúen, sempre, e cada vez máis. Caballero lembraba onte nun acto en Lugo que o PSOE conta en Galicia con máis apoio ca no conxunto de España e hai uns días valoraba que en abril o partido conseguiu un deputado nacional máis en Lugo, que referendou en novembro. Claro que o que vale para Santos vale para o líder do PSdeG, que ademais non lembrou que o partido perdeu un deputado provincial, a pesar de vitorias como a do feudo popular de Vilalba.

Non parece que Santos teña moito máis ca perder, como non sexa a acta de concelleiro, pero pon en apuros a súa alcaldesa e axúdalle a facer a campaña á oposición con críticas públicas que parecen arroutadas pero están lonxe de selo. A rexedora sabía a quen levaba cando o fixo concelleiro e xa ten demostrado que non deixa tirados os seus. Ao máis, pon distancia. Como cando Santos perdeu opcións de ser deputado provincial, ou esta semana, cando dixo que as opinións se deben dar nos foros internos e defendeu o proxecto de Caballero.

Un concelleiro eficiente

NO papel, Santos é o número dous de Méndez, pero o político chegou ao Concello xa moi defenestrado, perdeu a oportunidade de ser voceiro e na práctica ten un papel discreto, probablemente por desexo propio e por decisión imposta. Porén, dá a cara cando é preciso —cando destituíu a súa xefa de medio ambiente, por exemplo— e de momento é un concelleiro resolutivo, aínda que ten moito por diante que facer.

Máis ruído ca impacto

AS palabras de Santos non axudan ás portas dunhas eleccións nas que o PSdeG se xoga a Xunta, pero seguramente é máis o ruído que xeran que o impacto que poden ter nos votantes. Se a aparencia non engana, o partido está máis cohesionado ca hai uns meses e onte algún veterano socialista dicía, para convencer ou convencerse, que o PSOE gaña eleccións aínda con divisións internas. Lembraba a época González-Guerra.

Milagres que fai o Nadal

O brinde de Nadal do PSOE no restaurante Nadela serviu para pechar filas. Participaron caras novas e vellas do PSOE, ‘caballeristas’, alcaldes que teñen sido críticos e candidatos que o secretario xeral apeou de listas electorais. Tan boa onda hai que transmitir que Caballero citou a Méndez como alcaldesa referente do PSOE en España. Outra cousa é que os receos —por ambas partes— estean limados.
 

Comentarios