Blog | A Semana do Revés

Outra campaña é posible

A das xerais resultou anódina e queda saber se a das municipais trae propostas que ilusionen

Había un tempo no que as campañas electorais tiñan a emoción —por chamarlle dalgún xeito— de que chovían promesas. Caían coma chuzos. Quen non lembra aquel mitin de 2009 no que o presidenciable popular Alberto Núñez Feijóo se veu arriba e prometeu que, se o Goberno central non traía o Ave a Lugo, faríao a Xunta? Ou os miles de empregos que, segundo o socialista José Blanco, ían xerar aquel centro de reciclaxe de avións que se ía montar no aeródromo de Rozas e o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal), que informa unha vez ao ano da súa actividade e algunhas aparecen en fase de proxecto exercicio tras exercicio. 

Mesa electoral en Lugo. XESÚS PONTEPorén, a política, como a sociedade, cambiou tanto que a campaña das eleccións xerais pasou sen que os partidos, nomeadamente os que teñen posibilidade de tocar goberno, sorprendesen aos electores con algunha proposta nova. Pode que fose por falta de ideas; pode que significase realismo, recoñecemento implícito do difícil que é arrastrar cartos para un territorio con pouco peso electoral e onde, por outro lado, non hai que traballar moito o voto; ou pode que simplemente respondese a que hai tanto pendente de facer que para que prometer máis! Máis vale cumprir co vello, sexa rematar autovías ou modernizar o tren, máis aló de estacións intermodais. 

Na provincia de Lugo hai agravios e demandas históricas, como a apertura comercial do dique norte de Alcoa ou a Autoridade Portuaria propia, aos que os candidatos só se referiron cando se lles preguntou por eles. Aínda que aquí conviría algo de Mesa electoral no colexio Rosalía de Castro, reflexión, porque estes temas, e outros, úsanse como bandeira do que se lle debe a Lugo coa certeza de que acadalos suporá un antes e un despois, cando non sempre o que sobre o papel parece un avance na práctica o é. Hai anos desdobrouse a Confederación Hidrográfica do Norte para crear a do Miño-Sil co obxectivo suposto de mellorar a xestión dos ríos desta parte do territorio e de facilitarlles aos cidadáns os trámites que teñen que facer co organismo fluvial. Porén, nada cambiou e, para máis inri, na cidade de Lugo hai proxectos atascados desde hai anos por conflitos con esta administración. 

Se nesta campaña houbo un tema de moda foi o da España baleira, un asunto que case resulta insultante para os veciños de Lugo e da maior parte do resto de Galicia. Algúns candidatos deron a sensación cos seus discursos sobre este asunto de que acababan de descubrir onte que hai un problema demográfico. Un problema que non só pon en risco o que queda, que aínda é moito, do estado de benestar senón que ten moitas outras consecuencias para o territorio. Perda de servizos, ‘eucaliptización’ e xabaríns destrozando cultivos e provocando accidentes de tráfico son algúns dos que saltan á vista sen que sexa necesario deter a ollada. 

A campaña das xerais freou e atrasou a das municipais. Veremos se, a nivel local, os partidos son capaces de facer propostas novas e de xerar algo de máis de ilusión.

Transvase de candidatos

O escandaloso transvase de candidatos entre partidos que se produciu a nivel nacional non fai máis que contribuír á perda de credibilidade dos políticos. É lexítimo, e ata san, cambiar de siglas se se cre que as elixidas non serven para arranxar os problemas dos cidadáns, pero con demasiada frecuencia os cambios deixan ver máis intereses persoais que colectivos. As listas municipais tampouco foron alleas a eses transvases.

Aspirantes ‘rompedores’ 

A política cada vez está máis chea de lugares comúns, de frases feitas que se baleiran de significado. Agora é moda dicir que os partidos levan nas súas candidaturas xente normal, do común, á que lle preocupa o mesmo cá maioría dos cidadáns, aínda que despois hai veces nas que os feitos o poñen en dúbida. Xente que, ademais, quere sumar, aportar, mellorar os lugares polos que se presentan. Quen o ía dicir!

Denuncias cruzadas 

En cada cita electoral o voto está máis rifado e os partidos agárranse a todo para tratar de desprestixiar os adversarios. Na campaña das xerais, varias formacións cruzáronse denuncias ante a xunta electoral e esta apercibiunas para que deixasen de facer propaganda e uso partidista das institucións. Todo parece indicar que esa será a dinámica —quizais aínda máis acentuada— na campaña das municipais.

Comentarios