Blog | A Semana do Revés

Os mitins son para os vellos

É unha ferramenta poítica vida a menos que só chega aos xa convencidos, e cada vez menos
Fraga, quitándose a chaqueta, no accidentado mitin de 1977 en Lugo. AEP
photo_camera Fraga, quitándose a chaqueta, no accidentado mitin de 1977 en Lugo. AEP

QUEDAN LONXE aqueles tempos nos que os grandes partidos políticos —hoxe menos grandes pola fragmentación de siglas— enchían auditorios e pavillóns; nos que se tiraban papeletas electorais a presadas desde os coches —calquera lles afería esa conduta hoxe en día—, ou nos que un candidato á presidencia do Goberno se levantaba e se quitaba a chaqueta ao berro de "A por ellos" para ir contra varias ducias de cidadáns que intentaban rebentarlle o mitin, como fixo Fraga naquel mítico mitin de 1977 no pavillón dos deportes. De portas para fóra, son tan correctas as campañas electorais hoxe en día que resulta inimaxinable que os correlixionarios dun partido se presenten a estropear o mitin dun adversario.

É difícil imaxinar esa situación porque hoxe case non van aos mitins nin os propios. A dicir verdade, case non hai mitins. E os que hai son tan descafeinados que nin semella que os partidos se esforcen moito en escoller os mellores escenarios, días e horas nin estes eventos xeran nos medios de comunicación a atención doutras épocas non tan afastadas. Os mitins encáixanse nas axendas dos candidatos e dos seus líderes nacionais e autonómicos como mellor se pode e alí aparecen os fieis de sempre. Se non chove, se non xurde viaxe ou se non hai nada mellor que facer. Para que ir a un mitin? Os convencidos, que en realidade son os que acoden, non o precisan; os rivais teñen outras maneiras de coñecer o que despois deben contraargumentar e o común dos cidadáns recibe tanta información por tantas vías que tampouco ten necesidade nin ganas de ir escoitar discursos reiterativos que non van moito máis aló de loar as siglas propias e de criticar os adversarios, o que fai que sexan pouco esclarecedores e resulten pouco convincentes.

A saturación política que senten moitos Os mitins son para os vellos cidadáns e da que os políticos son conscientes pode ser unha das razóns de que os mitins vaian a menos. Aínda que máis información non sempre implica estar mellor informado e ás veces ata sucede o contrario. A austeridade, sobre todo dende que hai máis ollos sobre as contas dos partidos, pode ser outra razón. Aínda que seguramente o máis determinante é que os tempos cambiaron, sen máis. Tras corenta anos de franquismo había ansia de poder expresarse libremente. Agora ese dereito está tan asentado, afortunadamente, que sae máis cómodo rebater a través das redes sociais dende o sofá. "Os mitins son para os vellos. O twitter é o futuro", dirían algúns parafraseando a célebre cita de Fariña.

Se non hai tanto tempo os partidos pelexaban polo nivel dos políticos que traían a Lugo en campaña, agora a presenza destes é o excepcional. O líder dos populares, Pablo Casado, estivo en Lugo en febreiro pasado. O socialista Pedro Sánchez non volveu dende abril de 2017, cando percorría España para volver a ser secretario xeral. Non lles fai falta —hai quen pensa—, nunha provincia na que a pesar da falta de atención, maior ou menor, que sufriu sempre parece abonada a esas siglas. E eles sábeno.

Ir de feira rende máis

O contacto coa rúa é o abc da política, aínda que hai quen non se acorda diso ata que chegan as campañas electorais. Non hai maior sorte ca que coincidan feiras e festas nestes períodos, sexa un San Froilán, unha feira de Santos ou unha festa da castaña, como sucedeu nesta ocasión. O venres en Monterroso e onte no Courel, por momentos case houbo atascos de políticos. Con polbo e paseos predicar lévase mellor.

Presión en tempo real

Os medios dixitais condicionan en gran medida as campañas electorais de hoxe en día porque, e isto é novo, fano en tempo real. Vímolo o venres, cando Pablo Iglesias escribiu un tuit alertando da gran coalición PP-PSOE que Pedro Sánchez respondeu con outro horas despois, que Iglesias volveu a replicar máis tarde nun mitin. As redes sociais tamén serven para a guerra sucia e para desmotivar os votantes dos adversarios, que parece que é o que se leva agora.

Comentarios