Blog | A Semana do Revés

Ora para diante, ora para atrás

O AFÁN do ser humano por evolucionar, por tratar sempre de vivir un pouco mellor, lévao en ocasións á máis absoluta contradición. O que supostamente é un adianto pode acabar por ser un problema e, máis dunha vez, dámos un paso para diante e outro para atrás. Escoitaba esta semana na radio –mentres, nunha desas contradicións, buscaba unha praza para deixar o coche que collera para un desprazamento que a pé non me tería levado máis de vinte minutos– que a venda de teléfonos móbiles que só serven para facer e recibir chamadas é bastante maior do que se pensa, non só por eses usuarios sen destreza para sacarlle partido a terminais máis avanzados, senón porque hai xente que a fin de semana aparca o teléfono de última xeración para desconectar do whatsapp, do twitter, do facebook e de todas esas aplicacións que teñen a marabillosa e a terrible capacidade de, ao mesmo tempo, conectarte e desconectarte do mundo. De coñecer sen límites e de perder o tempo sen fin.

O home volve á economía colaborativa, pero esta de seguida se torna mercantilista outra vez

Sexa por saturación ou por outras razón, as máis das veces económicas, a cuestión é que, mirando o que pasa ao noso redor, dá a sensación de que en moitos eidos vivimos unha regresión. Nun lugar onde sobran condicións e terra para producir, se moita dela non estivera a toxos ou a eucaliptos, florecen os hortos urbáns, en parcelas que esperan grúas ou en leiras ás aforas das cidades. É unha maneira de ocupar o tempo, de levar alimento máis barato e máis ecolóxico para a casa e de manter o espazo. A pesar de que coa crise hai menos desprazamentos, o parque automobilístico segue aumentando –grazas en gran medida aos incentivos á chatarra–, pero cada vez se comparte máis o coche, para ir e vir diariamente ao traballo e ata para aproveitar viaxes lúdicos. Afórranse cartos e gases, dosifícanse enerxías e compártese tempo e vivencias con outras persoas. Nese ir para diante e para atrás, volven as tendas de venda a granel fronte aos tamaños estándar para familias estándar, que cada vez o son menos. É outra maneira de aforrar (tamén en envases) pero, sobre todo, de levar para a casa só o que se vai consumir. Menos alimento ao lixo e menos recursos de produción empregados en balde. E para tratar de axudar ás familias e de fixar poboación en zonas rurais, a Xunta prevé estrear o vindeiro curso un modelo de coidado de nenos que de novo ten pouco. Son as casas nido, que acollerán de xeito gratuíto a un máximo de cinco nenos de entre tres meses e tres anos. Son exemplos que en maior ou menor medida poderían encadrarse no que deu en chamarse economía colaborativa, sustentable ou responsable. O que toda a vida foi compartir e non gastar máis do que se precisa. 

A parte menos boa de todo isto é que nalgúns casos esa regresión non é elixida, senón que vén forzada polo empeoramento xeneralizado das condicións económicas. Nada ten de bo que haxa rapaces que estudan grazas á axuda de ONGs –a expresidenta da Conferencia de Rectores das Universidades Españolas chegou a propoñer como "acción de emerxencia" o apadriñamento de estudantes– ou que directamente non poden estudar. 

Por outro lado, é obvio que volver ao de antes, ao natural, ou buscar o alternativo para fuxir dos efectos nocivos que teñen algúns adiantos, nin ten por que ser bo en todos os casos nin para todo o mundo, por moitas modas que haxa. O progreso, progreso é, chámese vacunación, parto sen dor, automóbil ou internet. 

Resulta curioso tamén como algunhas desas economías colaborativas enseguida collen un cariz lucrativo, en boa medida grazas ás novas tecnoloxías, e acaban producindo un choque de intereses comerciais. A tendencia a volver a compartir coche deu lugar a negocios como o de Blablacar, unha das moitas plataformas dixitais que pon en contacto a viaxeiros e cuxa actividade en Lugo xa está sendo investigada pola patronal de empresas de autobuses tras detectar que hai alomenos catro particulares que levan con frecuencia desde Lugo á Coruña a usuarios desta plataforma. Antes foron os taxistas das grandes cidades os que se levantaron contra Uber, un servizo similar que pon en contacto a conductores profesionais con usuarios. Nos grandes centros urbán tamén hai comunidades de conductores que se avisan entre si cando deixan un oco de aparcamento libre, sexa na rúa ou no garaxe, para axudar a outros e, de paso, sacar uns euros. O negocio dos perruqueiros resentiuse coa popularización das pranchas e os tutoriais de internet e os prezos abusivos dalgúns hoteis fan que cada vez máis viaxeiros opten por buscar aloxamentos privados por internet. Nun mundo globalizado e hiperconectado, poñer freo a todas estas relacións é imposible. Cada usuario elixirá segundo pense ou segundo poida.

Comentarios