Blog | A Semana do Revés

O río non ten quen o queira

O RÍO MIÑO é un dos grandes valores de Lugo. De feito, se os romanos fundaron a cidade neste lugar seguramente foi porque era un outeiro dende o que divisaba toda a rodeada e porque tiña auga preto. Dous mil anos despois, o río segue abastecendo a urbe e recibindo as súas augas sucias, agora previa depuración. E pouco máis, porque o Miño en Lugo non ten moito máis aproveitamente humano nin recibe a atención e os coidados que precisa.

Proba de ata que punto se lle dán as costas é que, no último plan de urbanismo, nin sequera se recolleu a totalidade do seu principal afluente urbano, o río Rato. Denunciárono as asociacións Adega, Asociación Galega de Custodia do Territorio e Ríos con Vida. Tempo despois puxeron de manifesto a ausencia no documento de tramos doutros ríos e esa eiva é a razón principal de que se manteña sen aprobar o 5% do PXOM. O goberno local está en vías de solucionar o problema tras encargarlle o traballo á empresa que fixo o plan. Foi despois de tres anos de diferenzas coa Confederación Hidrográfica por ver quen tiña que completar o documento. Ao final decidiu facelo o Concello, malia que a Xunta recoñeceu que en realidade era cousa da Confederación.

A pelexa entre Concello e Confederación repítese agora a conta do dique que construíu no Miño a empresa que vai rehabilitar e explotar a antiga fábrica da luz, previa ampliación da súa capacidade de produción. A ataguía, en linguaxe de enxeñeiros, é provisional, para dragar o río e arranxar unha das presas que hai no lugar, pero a provisionalidade estase prolongando moito máis do previsto. Segundo a Confederación, a empresa fixo o dique uns 150 metros máis arriba do lugar onde lle fora autorizado, extremo que Inca nega. Alega que a Confederación interpretou mal os planos. Con todo, a obra foille paralizada e, dende novembro, a firma está tentando legalizala. A dúbida é se esa modificación se pode acoller á declaración de impacto ambiental que tramitou no seu día ou ten que sometela a unha nova avaliación. A Confederación mandou a documentación ao Ministerio de Medio Ambiente e este respondeu que agora é a Xunta quen ten que pronunciarse, porque ao fin e ao cabo, o obxecto da obra é producir enerxía. Claro que, no último parágrafo, a subdirección do ministerio tamén di que, "no obstante lo anterior", remite á secretaría técnica [do ministerio] a petición relativa á revisión da declaración de impacto ambiental. Un lío monumental difícil de entender e que non acaba aí, porque agora a CHMS e o Concello discuten sobre quen ten que tramitar a solicitude ante a Xunta.

En resumo, unha vez máis, cando toca facer fronte a un problema, as administracións escorren o bulto. Dán ganas de pedir administración única. Se fora para cortar a cinta, seguro que era outro conto. Non moi lonxe, a inauguración da pasarela sobre o río, case foi unha proba de carga, coa cantidade de xente que pousou para a foto.

O goberno di que tratará de aclarar o enredo do dique coa CHMS porque asegura que lle preocupa moito a situación do río. Non é para menos. O profesor da USC e director do Ibader, Pablo Ramil, advertía en novembro, cando empezou a obra, que os danos xa eran "enormes", que volver a poñer en marcha a fábrica da luz era en si unha "aberración", que a declaración de impacto ambiental estaba "chea de erros" e que, en todo caso, ese tipo de traballo tería que facerse no verán, aínda que, segundo Inca, o río cumpría as condicións de estiaxe. E a todo iso hai que engadir a sospeitosa adxudicación do proxecto a Inca, baixo investigación xudicial.

Tal como vai a cousa, pode que chegue e que marche o verán e o dique siga aí. No Club Fluvial terán máis auga que nunca, debido á represa, pero, en toda lóxica, a outra parte do río sufrirá. Como sofren os ameneiros na ribeira, os poucos que quedan, porque ninguén está a facer nada para deter a letal praga que os ataca, e iso que en Galicia foi detectada hai preto dunha década. Nun dos últimos veráns, a CHMS retirou 900 árbores no Rato e no Miño ao longo do termo municipal. Algúns veráns, o río tamén sufriu coa azolla, unha alga invasora, aínda que o ano pasado o cauce estivo tapado por outra planta, a ouca, que é xusto o contrario, unha proba da boa saúde do río. Porque, a pesar de todo, o tramo urbano do Miño ten un interesantísimo ecosistema. É igual de rico ca delicado, por algo forma parte dunha Reserva da Biosfera. É obriga de todos preservalo, por iso iniciativas como a que leva a cabo actualmente a plataforma Lugo de cara ao Miño para ampliar o coñecemento sobre o río sempre son boas. O vindeiro xoves, o profesor da Politécnica Juan Ortiz falará precisamente do valor patrimonial da fábrica da luz. Será ás oito no Museo Provincial.

Comentarios