lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

O que intentan contarnos

O Concello recibe con letras vermellas e o BNG cambiou a cor corporativa polo azul bandeira
Letras de Lugo, no acceso á cidade pola Avenida das Américas. XESÚS PONTE
Letras de Lugo, no acceso á cidade pola Avenida das Américas. XESÚS PONTE

Hai alomenos tres tipos de información que emana dos gobernos e das formacións políticas. A que propagan co afán de publicitar o traballo que fan ou que queren facer; a que non teñen máis remedio que dar cando os cidadáns, a oposición ou os xornalistas preguntan ou descobren, e a información que emiten de xeito subliminar, en grao maior ou menor.

Nos escenarios musicais do San Froilán colgaban lonas con impresións gráficas que entran dentro do esperado, como o logotipo do Concello e frases como As festas do outono galego, e outras máis cuestionables por partidistas. En Santa María podíase ler o que foi lema de campaña do BNG e agora é de goberno, #ActivandoLugo. Nunha pantalla da Horta do Seminario o que se proxectaban eran mensaxes sobre o Obxectivo 100.000, unha campaña de empadroamento que busca que a cidade chegue oficialmente a esa cifra de habitantes. É unha iniciativa que figuraba no programa electoral do PSOE, pero cando hai unhas semanas a evolución demográfica da cidade cobrou actualidade, o BNG quixo coller a dianteira e lanzou a campaña co pretexto de que o servizo de empadroamento depende dunha das súa concellerías.

Agora, nas notas informativas que dirixen aos medios de comunicación, os nacionalistas acaban de modificar o logotipo do Concello de Lugo, co engadido da área nacionalista correspondente. Cambiaron a cor vermella corporativa polo azul celeste. O que intentan contarnos que neste contexto refire inevitablemente á bandeira galega.

Son xestos que están cargados de significado e a moitos cidadáns pasaranlles inadvertidos e noutros calarán, de forma consciente nuns casos e subliminar noutros. E son xestos que moit probablemente escocen na outra ala do goberno, sobre todo aqueles que máis chegan á cidadanía, a pesar de que tampouco os socialistas poden pasar por inmaculados.

Hai exemplos. Pouco antes das eleccións municipais, o Concello sumouse á moda de colocar o nome de Lugo en letras de gran tamaño pousadas no chan en varios accesos á cidade. As letras son do vermello corporativo e, mira ti que fortuna, socialista! O mesmo que as que poñen Concello de Lugo no aparcamento acondicionado polo an terior goberno municipal fronte ao Hula, coas que, por certo, os novos responsables nacionalistas evitaron fotografarse cando presentaron o arranxo.

Ao PSOE tamén lle veu ao pelo a campaña veciñal a favor de —entre outros— o servizo de Hemodinámica do Hula, que inundou as rúas de camisetas de vermello sangue durante meses. Xusto é dudar de se o hospital de Lugo tería completados os servizos que lle foran comprometidos se non se producira esa presión veciñal e mediática. E inxenuo é pensar que a marea vermella non tivo connotacións políticas, cunha manifestación a tres días das eleccións municipais de 2015. Os partidos intentan contarnos a realidade de cento e unha maneiras e responsabilidade do cidadán é expurgar.

O que intentan contarnos
Comentarios