Blog | A Semana do Revés

O Nadal é o novo alcatrán

Por sorte ou desgraza, Lugo non compite con Vigo, pero ten dous Nadais por obra do bipartito

NON se sabe se foi o socialista Abel Caballero, alcalde de Vigo, ou foi a popular Teresa Porras, rexedora de Málaga, a pioneira en converter as luces de Nadal nun espectáculo —rivalizaron nos medios de comunicación— pero o que parece cada día máis evidente é que acertaron, a xulgar pola opinión popular e pola cantidade de xente que atraen ás súas cidades. Son espectáculo, son negocio e son ferramenta electoral. En Vigo, veciños e visitantes non só queren fotografarse na noria ou diante dos adornos, senón que hai ringleiras para retratarse co hiperbólico alcalde, que non ten inconveniente en deturpar o seu inglés para —misterios da especie humana— recibir o aplauso dos cidadáns.

Lugo está moi lonxe de poder competir co seu Nadal, o que para algúns é negativo e para outros está ben, pero os munícipes tamén viron as potencialidades destas festas e, este ano, grazas ao desbloqueo presupostario e a que hai un goberno de coalición, o Nadal lucirá máis. Cando remate será o momento de dicir se tamén mellor.

A falta dun, Lugo ten esta vez dous: o da concellería de cultura e o do socio socialista. O primeiro é comedido e contén, basicamente, as actividades do ano pasado, con algúns xestos máis ao folclore e maior protagonismo do Apalpador. Ese personaxe que o nacionalismo —e non só— trata de popularizar e do que non resulta sinxelo atopar testemuñas, ao igual que sucede con outras figuras da tradición oral, da literatura fantástica ou da mercadotecnia, pero que, a diferencia destas, provoca nalgunhas persoas un rexeitamento visceral. E difícil de entender. Porque nalgúns casos son as mesmas que non teñen nada que dicir, ou teñen menos que dicir, ao Papá Noel ou os Reis Magos.

Ben porque acaban de aterrar na xestión pública e de saír doutro reto importante como foi organizar o San Froilán, ben por dispoñibilidade orzamentaria ou ben por concepción do gasto público, os nacionalistas decidiron fiar o Nadal a actividade na rúa e programación para as familias. A sorpresa dérona os socialistas, que se descolgaron con dúas iniciativas relativamente novas na cidade e que darán máis que falar. Un tobogán xigante que o goberno —quizais tamén nun exercicio de hipérbole— cre que vai dar sensación de estación de esquí, e un tren turístico que unirá as principais zonas comerciais. Nos dous casos gratis.

Non só iso, senón que a concellería de benestar, inclusión e persoas maiores, que dirixe Olga López Racamonde, recuperou este ano o Día dos Maiores, con programación cultural e de ocio e un xantar. Agradecer e coidar a quen antes contribuíu, ou segue contribuíndo, é unha iniciativa necesaria e política como poucas. Os últimos anos foron difíciles para o PSOE no Concello, con períodos sen poder gastar o diñeiro que había e con pouca capacidade para investilo cando o tiña, polo que se xa non lle faltaban ganas de poder desquitarse, un socio en fronte é a mellor forma de espelir. O Nadal estase revelando como o novo alcatrán electoral.

A sostibilidade non coa

DI a concellería de cultura que se reduciu o gasto en alumeado de Nadal por sostibilidade. Era boa. Aforrarase enerxía, pero máis que por conciencia, da que non dubidamos, é porque o tempo se lle botou enriba e houbo que reducir o contrato para tramitalo máis rápido. Na área nacionalista hai quen cre que sobraban todas as luces, que o diñeiro ía mellor a outras cousas, pero cando se goberna a ideoloxía tropeza coa realidade.

O comercio local espile

SON tempos difíciles para o comercio local pola competencia das grandes superficies, as franquicias e a venda online, polo que, nalgunhas zonas, comerciantes e hostaleiros uníronse para facer campañas de promoción, con engalanamento, agasallos e actividades. Acontece na Milagrosa, que conta con axuda do Concello, o mesmo que a Federación de Comercio, co tren turístico. Nas Fontiñas preparan algo para Reis.

Ensaio de abrazo do oso

Co Nadal non se nota, pero a alcaldesa, Lara Méndez, mudou a estratexia no conflito coa Xunta polo cuartel de San Fernando e presentouse por sorpresa co 'vicealcalde', Rubén Arroxo, ante o conselleiro de cultura. É o lóxico cando defenden o mesmo, o museo da romanización. Cada un terá os seu interese partidista, pero polo ben da cidade, e tamén polo seu, fai falta máis unidade. Ou cando menos aparentala

Comentarios