Blog | A Semana do Revés

O bipartito que nos vén

Lara Méndez empeza con mando en praza e Rubén Arroxo mantén un hábil segundo plano

Arroxo y Méndez, durante la toma de posesión XESÚS PONTE
photo_camera Arroxo y Méndez, durante la toma de posesión XESÚS PONTE

É PRECIPITADO augurar que goberno nos vén enriba, pero nestes días houbo xestos e decisións cargadas de significado. Nas comparecencias conxuntas que os socios mantiveron na última semana, antes e despois do anuncio de pacto, foi a alcaldesa, a socialista Lara Méndez, quen levou a dianteira nas respostas ás preguntas dos xornalistas, que poderían dar tanto ela como quen será o primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo. A rexedora tamén asume desde este sábado toda a xestión municipal ata que, nas vindeiras semanas, o PSOE e o BNG distribúan entre os seus respectivos edís as competencias que cada partido acadou na negociación do pacto e se celebre o pleno de organización.

De momento, o BNG mantense nun discreto segundo plano, nunha actitude moi diferente á daquel primeiro bipartito do que se cumpren agora vinte anos, cando a primeira tenente de alcalde, a nacionalista Branca Rodríguez Pazos, pelexaba, sen demasiado éxito, a carón dun carismático José López Orozco que pronto demostrou a capacidade de fagocitación de propios e adversarios. Aos catro anos, o PSOE obtivo maioría absoluta e os nacionalistas reduciron a representación á metade. A estratexia non lle deu rédito ao BNG e por iso agora dá a sensación de que vai ao importante, a tomar o control canto antes das súas áreas. Sirva un exemplo: na mañá do venres, cando aínda non pasaran 24 horas do anuncio de acordo, o BNG xa trataba de saber como quedaban asuntos como o San Froilán.

No bipartito de 1999, como no de 2011, que foi moito máis breve porque o BNG rompeuno aos dezasete meses debido ás investigacións por corrupción dos anteriores gobernos socialistas, a xestión dos nacionalistas non foi mala. Do primeiro bipartito lémbrase o bo facer de Fernando Blanco na área económica tras recibir un Concello bastante endebedado e o BNG sostén que a estrutura actual dos servizos sociais municipais é a que deixou Pazos. Como lle pasa case a calquera goberno, a aquel tampouco lle faltaron polémicas. Unha foi o convenio que Blanco firmara con Eroski para que a firma comercial construíra As Termas a cambio de derrubar o que quedaba do vello matadoiro de Frigsa e de facer novas dotacións no lugar. Fora sonada tamén a privatización do coidado dos xardíns que fixera
Marcos Cela.

A vantaxe do BNG no 99 é que os seus concelleiros levaban anos séndoo, fronte a un grupo socialista máis inexperto. No bipartito que vén hai experiencia nos dous bandos, aínda que o coñecemento é moito maior por parte do PSOE porque vén de gobernar. Viuse nas negociacións e con toda seguridade Méndez sacará partido diso. Porén, o BNG ten ben aprendida a lección de que tan importante como xestionar é comunicar. Xa o demostrou no último bipartito, cando, se non había ningún tema das súas áreas en xunta de goberno do que informar na rolda de prensa posterior co PSOE, preparaba e informaba doutro. Socios si, pero a vaquiña polo que vale, dicía Orozco.

O que vale a palabra
NON levaban nin tres meses de coalición en 2011 cando Orozco pasou por riba dun dos compromisos co BNG: impedir o acceso en coche a colexios do centro. O bipartito estivo roto durante uns minutos, ata que o socialista Luis Álvarez apaciguou os ánimos. Co tempo, o PSOE cumpriu e o BNG amosou as súas contradicións cando lles prometeu aos veciños que poderían seguir circulando pola rehabilitada ponte romana.

 

Quen negociou mellor?
O PSOE mantivo economía, área clave por moito que haxa acordo de reparto do orzamento, pero tamén queda co que seguramente é o asunto máis complicado, a xestión do persoal. O BNG asume parcelas que semellan máis modestas, pero pode levar a engano. Aos cidadáns impórtalles máis que os pasos de peóns estean pintados ou que os comedores escolares funcionen ben que a economía verde ou o urbanismo sostible.

 

Diálogo, haberá que velo
O acordo de goberno firmado por Méndez e Arroxo contén o compromiso de "diálogo e interlocución constante". Non debería ser doutra maneira, pero custa crelo despois de catro anos nos que Méndez, absolutamente necesitada de apoios, demostrou ter pouca man esquerda incluso con quen se lle supoñía máis próximo. Sobran os dedos dunha man para contar as veces que a rexedora entrou no local do BNG en catro anos.

Comentarios