Blog | A Semana do Revés

Moito camiño para Vancouver

É bo perseguir un Lugo máis sostible, pero sen descoidar accións sinxelas que melloran a vida

Vancouver. Non, Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Vancouver? Non, Lugo. XESÚS PONTE

A MIÚDO critícase aos gobernantes por mirar só ao curto prazo e por priorizar accións que igual dán máis rédito político ca cidadán, por iso que o goberno de Lara Méndez estea a deseñar unha estratexia para converter a Lugo nunha nova Vancouver, cidade que pasa por ser a máis verde e sostible do mundo, debería ser positivo. Non se pode criticar a falta de ambición e, á vez, o contrario.

O problema neste caso é que seguramente son moitos os lucenses escépticos con tal propósito. Hai razóns á vista para selo. Antes, ou cando menos á vez, de perseguir obxectivos tan racionais como baixar as emisións de CO2 e de residuos sólidos, facer un bo uso dos recursos naturais e aproveitar o seu potencial de xeito sostible para xerar emprego e mover a economía, hai deberes moito máis fáciles de facer e que, como os grandes, teñen unha gran influencia no benestar e na imaxe que se dá da cidade.

Que un cliente habitual do balneario saia a pasear a carón do río e caia por un pequeno desnivel que non detectou debido á altura da maleza non di moito dunha cidade. Que os nenos dun campamento escolar non poidan facer actividades nas costas do Parque porque estas amencen cheas de restos de botellón tampouco. Que un tobogán do Rosalía de Castro, un parque histórico e o pulmón do centro, leve varias semanas inutilizado por estar cuberto de excrementos de aves é triste. Que moitos propietarios de solo situado na cidade -pequenos propietarios e grandes promotores- só corten a maleza a requerimento do Concello, e non só tralo primeiro aviso senón cando se lles anuncia o inicio do procedemento sancionador, califícase por si mesmo. Que os toxos e as xestas que hai en terreos púbicos e privados cheguen ás calzadas que bordean o Hula non encaixa cun hospital á vangarda. Que o dono dun can ao que lle recriminan que non recolla os excrementos da beirarrúa alegue que paga impostos para que o Concello a limpe amosa a concepto de civismo e de servizos públicos que teñen algúns cidadáns. A listaxe podería seguir, pero son suficientes os anteriores exemplos para amosar que quedan moitos pequenos pasos por dar e que as administracións públicas e os cidadáns comparten responsabilidade.

Se outra lección deberían ter aprendida uns e outros é que, alomenos neste país, a vía da concienciación non chega para modificar comportamentos. Os galegos empezaron a deixar de queimar restrollos en épocas de risco de incendio cando o Seprona empezou a vixiar, e a multar, incluso con medios aéreos, e a maioría dos propietarios empezan a tomarse en serio a importancia de limpar as franxas arredor das casas e dos terreos hai nada, cando a Xunta modificou a lei e introduxo sancións. O uso do cinturón no coche xeralizouse pola vía coercitiva e hai concellos que xa multan a bañistas que desoen os socorristas e se meten no mar con bandeira vermella. Hai quen só coida da vida cando lle vai ao peto, non vai deixar de tirar papeis ao solo sen custo algún. Humanos! Dámos o mellor e o peor.

Lugo xa é verde

POUCAS cidades pode haber máis verdes ca Lugo, con carballeiras e hortas entre os edificios e natureza e monte por calquera costado a nada que se poña un pé fóra. Para o gusto de moitos e a seguridade de todos pode que sexa ata demasiado verde. Véxanse os xabaríns ás portas das casas ou os peregrinos perdidos polo Carme abaixo pola maleza que cubre a ruta xacobea durante boa parte do ano.

Corrixir sen flaxelarse

HAI sociedades máis cívicas ca outras, pero a condición humana tampouco semella ser tan diferente dun lugar a outro. Un exemplo: na Vancouver coa que soñan os nosos munícipes, un dos obxectivos foi reducir os residuos orgánicos que ían aos vertedoiros e para iso, entre outras medidas, estableceuse un recargo do 50% para aqueles casos nos que esa fracción superara o 25% do lixo. Flaxelos, os necesarios e ningún máis.

Ecoloxía, acerto político

O interese dos gobernantes polo medio ambiente non só é unha responsabilidade senón que todo apunta a que está chamado a ser un importante factor de xogo político nas vindeiras décadas. O ecoloxismo é un movemento cada vez máis potente a nivel mundial e conecta moi ben coas xeracións máis novas. E conquistalas non parece trivial, por interese electoral e polo seu potencial transformador.

Comentarios