viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

'Maquear' o casco histórico

Avances na peonalización, no urbanismo e no coidado do patrimonio son algúns retos

É necesario dicir que para que un ben obteña a distinción de Patrimonio Mundial debe estar en perfectas condicións, ademais de, como din as bases, ter un "valor universal excepcional". Porén, en ocasións, dá a sensación de que hai quen pasa por alto esta obviedade.

O da singularidade hai que xustificalo "con criterios científicos", di a catedrática Ana Goy, membro do órgano asesor da Unesco en España (Icomos) e directora científica dunha candidatura que xa logrou o recoñecemento (torre de Hércules) e doutra que aspira a el (Ribeira Sacra). Albergar outros tres bens que xa son Patrimonio da Humanidade, ser un dos poucos lugares do mundo co privilexio da exposición perpetua do Santísimo Sacramento dende tempos inmemoriais, e ser a cidade máis antiga de Galicia e no seu día capital do Reino, son elementos obxectivos singulares que sen dúbida suman para unha hipotética declaración. Agora ben, de nada serven estes fitos se o casco histórico non está en perfecto estado de revista. E non parece que neste momento esa sexa a situación.

Nalgúns aspectos, o casco vello está estancado e noutros incluso vai para atrás. O número de veciños que viven nel a duras penas se mantén e incluso hai anos nos que baixa. En 2002 eran máis de 3.100 habitantes no distrito 1 (comprende o casco histórico e zonas próximas) e a 31 de marzo deste ano estaban en 2.988. Na Tinería, a parte máis vella, investíronse uns 30 millón de euros públicos nas últimas décadas e o saldo neste período é só de 15 veciños máis.

A peonalización do casco histórico non só segue inconclusa vinte anos despois de que se iniciara senón que o control de accesos é deficitario e o número de vehículos que hai a algunhas horas é inxustificable. O Concello prepara un novo sistema.

Hai edificios en ruínas, aínda que é obxectiva a recuperación de zonas degradadas, como era Campo Castelo hai máis de vinte anos, e a Tinería, que vai máis despacio e segue tendo prostitución. E hai grandes bolsas de solo sen desenvolver, que non significa só levantar edificios, senón acondicionar espazos para os veciños. Para a situada entre Nóreas e Teatro parece que empeza a haber plans. Para a ubicada entre a Tinería e o sanatorio Ollos Grandes hainos dende hai tempo, pero nin xeran consenso nin van para adiante. E o peor é que hai xa máis dunha década que se levantou o xardín que había no lugar para facer excavacións arqueolóxicas e non se remataron nin se restaurou a zona.

E que dicir do patrimonio monumental. O cuartel de San Fernando, exemplo de arquitectura militar neoclásica, segue deteriorándose e sen confirmación de que vaia acoller o prometido centro galego da romanización. Do chamado pazo de Dona Urraca cada vez queda menos —o compromiso da Xunta é recuperalo para 2021— e do proxecto para o solar traseiro, tamén aberto por excavacións, hai tempo que non se sabe nada. Recalca Goy que á Unesco hai que ir cos bens «maqueados». E algo sabe do asunto.

Dinamismo que non chega

O plan Urban impulsado polo exalcalde Orozco supuxo unha inxección para o casco histórico, coa recuperación do vello cárcere como un dos maiores acertos dos últimos lustros. Porén, non supuxo todo o dinamismo que cabía esperar. Mellorouse a imaxe do centro (terrazas, fachadas...), déronse axudas á actividade comercial e ao emprego e recuperáronse espazos... Pero a pesar de todo iso o comercio vive horas baixas.

"Fixémolo entre todos"

Orozco fixo célebre o "fixémolo entre todos" cando a muralla acadou o título de Ben Mundial. A frase é de aplicación obrigatoria cando se fala de facer cidade, ou país, porque, aínda que as administracións deberían liderar, nin sempre o fan nin os cidadáns se poden quedar atrás. A primeira responsabilidade de que haxa lixo na rúa, pintadas, coches en zonas peonís ou casas caendo e solares cheos de silvas é dos veciños.

O Pepri non espera máis

O recinto amurallado ten normativa urbanística propia dende 1997 e non parece que poida agardarse moito máis para revisala. É necesario para cuestións menores, como o catálogo de materiais de construción, e debería ser, sobre todo, a oportunidade para buscar a maneira de que o custo que teñen os obrigados traballos arqueolóxicos non recaia só nos propietarios, feito que lastra as intervencións no casco histórico.

'Maquear' o casco histórico
Comentarios