domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

Manter despois de facer

A obra aínda non está rematada e a cornixa do cárcere xa está deteriorada e precisa verniz


A REHABILITACIÓN do vello cárcere de Lugo para centro cultural aínda non rematou, nin se sabe cando rematará —aínda que en teoría tería que ser antes de fin de ano, para non perder financiamento—, pero o edificio xa ten elementos deteriorados. Algúns estropicios foron produto dos problemas que houbo cunha das empresas adxudicatarias da primeira fase, e do tempo que se tardou en xestionar o reinicio da obra, e aínda hoxe non está claro que sobrecusto supuxo para os lucenses, de tantas voltas que lle deron ao asunto este goberno e o anterior. Pero pode que aínda sexan peores outros danos que presenta a construción, porque teñen pinta de que van ser perennes. A cornixa de madeira que rodea a que será a cafetería—mirador, no alto do edificio dianteiro, xa está descolorida, produto da auga e do sol.

Esta parte da obra foi polémica dende o principio, porque se desmontou a cuberta que había para chantar enriba unha estrutura de vidro e madeira. O PP duda da súa legalidade e un exalcalde chegou a levar o asunto ao xulgado, aínda que foi arquivado. É discutible tamén se esa instalación —a cafetería—mirador— é necesaria ou se os cartos irían mellor investidos noutra cousa. A cuestión é que, ou o Concello inviste cada ano no mantemento desa estrutura de madeira, ou a imaxe que dará no que está chamado a ser un coqueto e céntrico centro cultural, con historia e ao pé mesmo da muralla, vai ser penosa. É o que sucede coa cafetería do parque Rosalía Castro, tamén recuberta de láminas de madeira. É outra construción que se levantou grazas á chegada de diñeiro de fóra, neste caso, do plan E. Non cabe dúbida de que o edificio, deseño do recoñecido César Portela, encaixa como anel no xardín e resulta moi agradable. Un ten a sensación de estar comendo ou tomando o café en plena natureza, e non nunha cidade. Porén, o descolorido revestimento de madeira desloce moito un conxunto no que se gastaron uns 700.000 euros e que, por riba, non cumpre todas as condicións que se prometeron. Primeiro, a empresa que o explota ía encargarse de abrir e pechar os servizos públicos que hai no quiosco do Parque. Despois, acordouse que os cidadáns fixeran uso público dos urinarios da cafetería, pero moita xente descoñece esa posibilidade. E agora, o Concello está en trámites para instalar no xardín unha desas cabinas autolavables. Ao parecer, a Dirección Xeral de Patrimonio xa deu o visto bo.

Os anteriores son exemplos de como, ás veces, cando as administracións teñen cartos, se deixan levar, sen meditar moito as consecuencias a longo prazo. En ocasións, queda a dúbida de se, á hora de elixir proxectos e deseños, se mira máis aló da estética, que, por outro lado, nunca convence a todo o mundo. Ou, o que é peor, algunhas eleccións poden levar a pensar se hai intereses por detrás. O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) é outro deses exemplos mil veces contados. A súa arquitectura é recoñecida e, en xeral, o complexo gusta, pero igual non compensa o gasto enerxético que ten. Un edificio enterrado nun lugar co clima de Lugo e nunha zona de mananciais non parece, a priori, o máis sensato.

Os investimentos pouco pensados, ou mal pensados, non se producen só en tempos de vacas gordas nin en proxectos grandes. Non hai nin tres anos que se fixeron obras no mercado municipal de Quiroga Ballesteros e un servizo crucial nunhas instalacións deste tipo como son os canais para desaugar quedaron peor ca estaban. Púxoselles unha protección metálica por riba, amarrada ao chan, de maneira que resulta case imposible retirar o lixo que prende nela. O mercado loce máis, pero hai días nos que tamén cheira máis. Enfronte, na praza de abastos, tiráronse varios postos —o certo é que no conxunto da praza, había espazos que levaban moito tempo sen uso— para abrir un oco central onde ía ir unha escaleira mecánica. Quedou nunha escaleira sen máis, tan ancha que na metade colocáronse xardineiras.

Tamén é certo que nas obras pasa coma no fútbol, non hai decisión que non encontre crítica. Se os bancos son de pedra é un problema porque enfría o cu. Se son de madeira, tamén porque enseguida se estropea e queda fea. O certo é que é así, aos bancos que se colocaron hai tan só uns meses xunto ao convento das Agustinas xa non lles queda verniz.

Pero resulta moi difícil non opinar cando se trata de cartos de todos. Na súa visita ao novo auditorio, ata o presidente da Xunta reparou no que vai supor manter adecentada a cristaleira que cubre toda a fachada principal. E resulta imposible non levarse as mans á cabeza cando un comproba en que acabaron os 60.000 euros que se investiron antes das eleccións nunha pista de area en Sanfiz. Ten tanto uso que está pragada de malas herbas.

Manter despois de facer
Comentarios