sábado. 29.01.2022 |
El tiempo
sábado. 29.01.2022
El tiempo

Redactora de El Progreso na sección de Local. Especialista en información da área municipal. Tamén podes seguirme na miña conta de Twitter.

O macuto que herdou Lara Méndez

A alcaldesa de Lugo asumiu dos seus antecesores patacas quentes que precisan solución para que non acaben pagando por elas todos os lucenses
Vista de la finca O Garañón, con la torre a medio construir. J. VÁZQUEZ (AEP)
Vista da finca do Garañón, coas torres que serán derrubadas. J. VÁZQUEZ (AEP)

Como nunha familia ou nunha empresa, cando os políticos asumen a xestión dunha administración non teñen maneira de poder herdar só o bo. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu en 2015 un macuto ben cargado de problemas, e sete anos despois, aínda lle pesa. E o que é peor, pode que sexan as costas dos lucenses as que acaben cargando con algunhas desas herdanzas envelenadas, como xa está sucedendo nalgún caso. 

No presuposto municipal deste ano resérvase diñeiro para indemnizar a empresa Inca pola fábrica da luz, un proxecto dos tempos do alcalde José López Orozco que xa naceu mal, foi investigado e arquivado polo xulgado e acabou de torcerse no anterior mandato. Neste asunto, a mala xestión leva a firma de varios concelleiros e de dous alcaldes, que á fin son sempre os responsables últimos. Preto de alí, o Concello viuse interpelado por outra sentenza xudicial, a que anulou a licenza outorgada no seu día á gasolineira de Carrefour.

"O Concello ten unha reclamación de 26 millóns de euros polo Garañón, pero o goberno de Lara Méndez confía en que o xuíz avale os intereses da administración"

Pero Méndez ten sobre a mesa dúas patacas aínda máis quentes. A máis grande é O Garañón, pola que, primeiro o promotor e agora o seu principal acredor, o Banco Santander, lle reclaman uns 26 millóns de euros ao Concello. Este xa respondeu á demanda e confía en que os seus argumentos vallan ante o xuíz. Non semella fácil a batalla, pero xa se sabe que ás veces os pleitos non se gañan con razóns senón por cuestións relacionadas cos procedementos. E pode que por aí vaian os tiros neste polémico asunto, do que podería haber noticias en 2022.

Outro reto da administración local é o compromiso que adquiriu co promotor José Antonio Díaz, que non puido construír todo o que quería no solar do antigo sanatorio García Portela. Tamén vén da época de Orozco e de José Ramón Gómez Besteiro como concelleiro de urbanismo. O goberno local acaba de anular unha permuta de edificabilidade que primeiro promovera, e no Concello hai quen cre que ata se podería invalidar o convenio pola súa pouca concreción. É unha tese que comparte o Consello Consultivo de Galicia e está por ver que camiño toma Méndez. O promotor xa avisou de que, dunha maneira ou doutra, intentará facer valer o acordo.

Por ‘méritos’ propios, o actual goberno está inmerso noutro contencioso, o de Adega contra a urbanización da esquina de San Roque e a Ronda da Muralla. É un pleito que dende as filas de Méndez se ve fóra de lugar, polo momento no que se interpuxo, co planeamento para esta zona xa aprobado, e porque excede as fins sociais de quen o firma, a asociación ecoloxista Adega.

A administración optou por tirar cara a adiante, aprobou o proxecto de urbanización e este xa comezou a executarse. A deplorable imaxe deste enclave é un deses debes que herdou Méndez e ao que se propuxo darlle solución. Non é fácil, polas características do lugar, que conxuga riqueza patrimonial e grandes edificios e medianeiras xa construídas que resultan difíciles de encaixar. Que é peor? Falta de xestión ou xestión deficitaria? Hai opinións.

Lastres encarrilados

MÉNDEZ solucionou asuntos complicados, como a aprobación dunha nova relación de postos de traballo do Concello, coas derivadas positivas que tivo, e obras necesarias para a cidade, como o desdobramento de Duquesa de Lugo. Outros proxectos están encarrilados, dende a mencionada esquina de San Roque e a zona pública de baño no río á renovación dos principais contratos de servizos, como o do lixo e o de xardíns.

 

Haberes que foron cruciais

SE MÉNDEZ desatascou proxectos e xerou outros, como os de Muramiñae e Lugo+Biodinámico, foi porque tamén tivo moita herdanza boa. A principal, unha economía municipal saneada, ao que axudou unha eficaz estrutura de captación de fondos externos. Unha rede de servizos sociais e de edificios dotacionais, dende o vello cárcere rehabilitado ata o novo auditorio, tamén están no haber, coas eivas coñecidas.

 

Emendas que doen

No obxectivo de buscar remedio a esas herdanzas complicadas, Méndez tomou decisións que lles doeron aos seus antecesores, como foi a de non seguer recorrendo as sentenzas do Garañón e asumir o seu derrubamento. Navegar entre a necesidade de buscar o que se considera mellor para a cidade e a de manter a paz nas filas socialistas é un dos papeis difíciles que ten unha alcaldesa que nun primeiro momento non optaba a selo.

O macuto que herdou Lara Méndez
Comentarios