Blog | A Semana do Revés

Lugo mírase no milagre de Lores

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ Lores, o alcalde máis popular do BNG -non o máis antigo, a pesar de que leva 16 anos no goberno pontevedrés-, anda de ruta por Galicia apadriñando a candidatos nacionalistas e sacando peito do seu modelo de cidade. Non é para menos. Pontevedra non para de recibir premios pola súa xestión da mobilidade e a calidade de vida na que derivou. Dous dos máis relevantes son o Premio Internacional de Dubai que concede Nacións Unidas ás mellores prácticas para mellorar as condicións de vida, e o do centro que dirixe o exalcalde de Nova York, Michael Bloomberg, para loitar contra o sedentarismo da sociedade americana, que acaba de recoñecer o modelo urbano de Pontevedra polo fomento dos hábitos de vida saudables. O barrio lucense da Tinería tamén tivo o mesmo recoñecemento da Onu en 2008 e Bloomberg é un dos ídolos do alcalde Orozco. Paradoxos.

Lores contou esta semana en Lugo que, antes de que as APPs inundaran as nosas vidas, Pontevedra xa tiña un sistema moito máis sinxelo, e que se demostrou eficaz, para queimar calorías e para aforrar fumes de coches: o metrominuto e o pasominuto. O primeiro é un mapa sinóptico da cidade que expresa as distancias entre 26 puntos e o tempo aproximado que se tarda en percorrelas. Do metrominuto naceu o pasominuto. O Concello mediu en pasos vinte rutas urbanas e fluviais da cidade e o seu contorno (suman uns 40 quilómetros), que combinadas entre elas fan un total de 29 suxestións de percorridos. Van desde os 390 pasos da ruta máis curta aos 17.100 da máis longa. Xunto ao número de pasos de cada ruta, indícase o número de calorías que se queiman percorréndoa. Agás unha delas, todas son accesibles para persoas en cadeiras de rodas.

O BNG trouxo o alcalde pontevedrés para que contara como transformou a cidade, peonalizándoaa e suprimindo a Ora

En Lugo queixa por camiños e natureza non podemos ter, o malo é que inda hoxe as persoas con dificultades de mobilidade teñen ben difícil, por non dicir imposible en moitos casos, dar unha volta polo adarve da muralla, no centriño da cidade. A Xunta anda para colocar un ascensor dende os xardíns de San Marcos, pero a cousa vai despacio.

Por non chorar sempre, hai que dicir que Lugo tivo o primeiro paseo cardiosaudable de España. Aí é nada! Por obra e graza da Deputación, da Fundación Española do Corazón e da Sociedade Galega de Cardioloxía, en 2009 o paseo do Rato adquiriu tal condición. Hai uns carteis de madeira desgastados que ensinan como medir o risco cardiovascular, que non é o único risco que suman os usuarios do Rato, ou que asumían. Durante moito tempo houbo que camiñar cun ollo no camiño e outro na carretera, por se saía un coche voando e caía enriba dun. O aumento da sinalización, as bandas redutoras de velocidade e o radar calmaron o tráfico.

Lores predicou en Lugo sobre as cidades sen coches. Ou mellor dito, cos coches necesarios e ‘domesticados’ -non se circula a máis de 30 por hora en ningún punto da cidade- e co maior espazo posible para os peóns. Para que vaian dun lado a outro sen gastar, coidando a saúde e mirando polo mundo que van deixar a quen veña detrás. Sen ningunha modestia, o alcalde presume de que os pontevedreses aforran bastantes máis emisións de carbono á atmósfera que moitas empresas que se gaban do mesmo. O rexedor aportou datos que amosan a transformación que experimentou a cidade. En 1999, segundo un informe que deixou o goberno saínte, do PP, circulaban pola cidade 150.000 coches ao día. Pola Praza de España pasaban uns 27.000, máis que pola circunvalación da autopista, e 500 coches aparcaban diariamente no casco histórico.

Dous terzos da cidade ocupábana os coches e o BNG propúxose darlle a volta. Non foi unha arroutada, levaba moito tempo remoendo a fórmula. Lores e a súa xente levaban tres mandatos na oposición, tiñan moito traballo feito, e iso permitiulles algo insólito: o BNG tomou posesión o 3 de xullo e peonalizou todo o casco histórico de golpe o 7 de agosto. Para un lucense resulta pouco menos que ciencia-ficción, o mesmo que a supresión da Ora. Lores di que era recadatoria e non cumpría a función. Substituíuna por un sistema de aparcadoiro gratuíto de curta estancia, para facer xestións rápidas, e por aparcadoiros a 10 ou 15 minutos do centro, tamén gratis, para deixar o coche o tempo que se queira. Co reparto semella que tampouco hai problema. O servizo de entrega de correos urxentes de Pontevedra foi o mellor de toda España o ano pasado, volve a gabar o alcalde.

Pontevedra tivo oito atropelos en 2013, ningún grave. En Lugo van dez este ano, cun morto en zona peonil

A seguridade viaria é outro tanto. A cidade tivo no 2013 oito atropelos, ningún grave. En Lugo van dez este ano, un deles con resultado de morto en zona peatonal. Lores di que, dos 2.000 nenos que viven hoxe no centro, o 80% van camiñando ao colexio e que entre 50 e o 60% fano sós. «Os mestres din que son os que primeiro chegan», di Lores. Quizais sen saber que, ata hai nada, en Lugo os pais chegaban ás portas dos colexios do casco histórico cos rapaces no coche, e que un tramo da Ronda remodelado para peóns soportou automóbiles durante cinco anos. Ata que o BNG entrou de novo no goberno e puxo fin ao disparate. Foi un dos acertos dos nacionalistas e seguramente hoxe ninguén o discute. Lástima que uns meses despois, a formación non tivera as cousas tan claras coa rehabilitada ponte romana. Se hoxe está libre de coches é grazas a Orozco. Paradoxos da vida.

As diferenzas entre Pontevedra e Lugo son evidentes. A primeira ten 63.000 habitantes e a segunda 90.000 e bastantes máis pendentes, pero escoitando a Lores é inevitable reparar en que, o que moitas veces parece inamovible, non ten por que selo. O pontevedrés pon bastante lírica ao seu discurso. Non todo foi coser e cantar, durante meses tivo manifestacións nas rúas en contra da peonalización. Pero mal de todo non o debeu facer cando leva 16 anos na alcaldía. Quizais ten que ver con que as súas palabras -e os feitos- deixan ver proxecto e valentía. Algo do que en Lugo non andamos moi sobrados. Esta semana saltou outra vez o debate sobre a Ora, a propósito da última decisión xudicial. O PP di que a eliminará en seis meses, mentres que o PSOE e o BNG apostan por reformulala, pero non din como. Non deben telo moi claro.

Comentarios