Blog | A Semana do Revés

Lugo empeza a colleitar

Proxectos que acumulan lustros de retraso, como o PXOM, o auditorio, a 'praia fluvial' e a esquina de San Roque, collen camiño ao fin
Playafluvial
photo_camera A alcaldesa e o edil Miguel Fernández, esta semana co material da zona de baño que se está a preparar no río Miño. EP

"O que pido é que me deixen traballar", dicía hai uns días nunha entrevista a concelleira de gobernanza, Paula Alvarellos, nese momento aínda tamén responsablede urbanismo por ausencia do seu titular, Álvaro Santos. En realidade foi unha frase que veu repetindo durante o último ano, cada vez que a oposición, diversos colectivos profesionais e particulares se queixaban da lentitude e da complicación para obter permisos de obras e para que saíran adiante proxectos de cidade que levan lustros, cando non máis, atascados.

Pero chegou a primavera e, a pesar de ser época de semente, semella que o Concello empeza a colleitar. Santos volveu para presentar o froito do traballo realizado nos últimos meses. O goberno de Lara Méndez anunciou que o procedemento para aprobar a parte do PXOM que leva en suspenso dende hai once anos entrou na recta final. Como o proceso para descatalogar e poder derrubar o edificio que Correos ten a carón da estación de tren, paso necesario para construír a terminal intermodal. Aínda que o principal freo a este proxecto é a falta de entendemento entre a Xunta e Adif para cofinancialo, algo que debería resolverse na reunión en Madrid do día 20.

Este verán, a cidade verá, ao fin, a mal chamada praia fluvial, sobre a que correron ríos de tinta. E esta semana, o goberno local anunciou a próxima contratación dos arranxos do novo auditorio. Arrincou tamén a construción da glorieta de acceso ao campus na N-6, está a piques de abrirse a pasarela do centro de saúde de San Roque, as peonalizacións avanzan por vía dobre, a da concellería de infraestruturas (BNG) e a dos fondos europeos (PSOE),  e, aínda que con controversia, despois de trinta anos chegaron as obras á fea

A maioría destes proxectos levan tanto retraso e algúns foron tan difíciles de sacar adiante que é fácil caer na compracencia cando por fin se pode dar conta deles, cando non hai moito lugar para ela. Resulta tentador tamén descargar a responsabilidade das demoras dalgúns destes proxectos noutras administracións. Tivérona, pero non en exclusiva.

Competencia que imprime ritmo
Por moito que a oposición sinale as trifulcas dos socios de coalición, que as hai e moitas delas non saen á luz, é obvio que a competencia imprime ritmo á acción de goberno. Outra cousa é se os investimentos que se fan son os que máis precisa a cidade. Algúns están fóra de discusión. Mellorar a accesibilidade, sexa con pasarelas ou rebaixando as beirarrúas está fóra. Sobre outros hai opinións e serán os cidadáns os que diten sentenza o vindeiro ano. Á oposición tampouco lle convén moito vilipendiar o bipartito, agora que o PP tamén aprendeu a gobernar en coalición. Da necesidade faise virtude.

Polémicas que se acaban superando
A maioría das veces, o que piden os cidadáns é xestión, que se lles dean servizos e que as cousas funcionen. Pode que non sexan moitos os que miren máis aló diso, por iso algunhas polémicas acaban caendo polo seu propio peso, aínda que poida haber razóns para elas. O cambio de xestión do Lugo Máxico xerou controversia e a oposición atizouna, pero o certame de maxia celebrouse sen contratempos e os asistentes gozaron del. O mesmo pasa coas visitas guiadas á cidade que ofrece de xeito gratuíto o Concello. As queixas non adoitan ser dos usuarios, senón dos profesionais e das empresas que se sinten prexudicados.

Comentarios