Blog | A Semana do Revés

Irrefrenable expresión política

O país botouse ás urnas e as pintadas satíricas multiplícanse nas rúas, tamén nas de Lugo

Pintada nun muro da Rúa San Roque. EP
photo_camera Pintada nun muro da Rúa San Roque. EP

Dende Sócrates, como mínimo, vimos dicindo que nunca a mocidade estivo tan perdida, que nunca tan maleducada, tirana e lacazá foi. Pero a realidade é testana e demostra que cada vez hai mozos máis brillantes e comprometidos. Coa política sucede algo parecido. Fálase de desapego e cansámonos de criticar a quen a exerce. Os políticos xa non son o que eran, escasean as propostas e o espíritu de acordo brila pola súa ausencia, dicimos. Porén, por fortuna, acabamos facendo boa a máxima de que a democracia é o menos malo dos sistemas e cando nos poñen unha urna diante non nos tiramos a ela, pero respondemos, máis aínda cando sentimos que se rin de nós ou cando o solo que pisamos se cambalea, ou ameaza con facelo.

Pintada nun muro da Rúa San Roque. EPA ansia de expresión política viuse nas eleccións do domingo pasado, nas que se acadou o índice de participación máis alto dos últimos quince anos, e ultimamente vese tamén nas rúas, nas de Lugo e en moitas outras. As pintadas políticas son máis vellas cós camiños e en Lugo hóuboas que perduraron anos, como aquela que dicía 'Manolita, alcaldesa de Bagdag' ou os incontables graffitis contra Núñez Beloy, aquel presidente do Colexio de Enfermería a quen non lle perdoaban a afiliación ao PP. Porén, dun tempo a esta parte multiplicáronse as referencias a partidos e/ou a políticos, en activo e retirados, nas paredes da cidade. Hainas de todo tipo, enxeñosas e groseiras, artísticas e vulgares.

Non sempre gustan, porque algunhas non son máis que borranchos en paredes limpas, porque custa aceptar a sátira ou por como se interpretan. O PP pediu recentemente que se retirara a "pintada independentista" que a asociación Mádia Leva!, que así se define, realizou na parede do xardín de San Roque. Membros do colectivo escribiron, e firmaron coa bandeira independentista, un fragmento do poema Abril de lume e ferro que Manuel María dedicou aos Mártires de Carral, os militares galegos que en 1846, e con orixe en Lugo, se sublevaron contra o presidente Narváez -baixo cuxo mandato se produxera un recorte de liberdades e dereitos e unha recentralización- e acabaron fusilados na vila coruñesa. Foi un levantamento violento, pero pasou á historia como unha expresión de defensa dos intereses de Galicia fronte á Corte. O goberno de Lara Méndez asegurou que a pintada estaba autorizada e deuna por boa.

A rexedora foi menos considerada co mural, bastante máis artístico, da plataforma Lugo sen Mordazas no outro extremo de San Roque. O colectivo denunciaba a ordenanza de civismo na que traballaba o goberno de Méndez, cuxo abano de condutas que castigaba era a todas luces excesivo. Admitiuno ata o propio executivo cando decidiu gardala no caixón despois dunha manifestación que mostrou que non eran catro gatos os que pensaban así. Pero unha cousa é aparcar o documento e outra que un mural lle recordara, ao goberno e aos veciños, o desacerto de forma permanante. Como a de Mádia Leva!, non era ilegal, pero incomodaba máis.

De Castelao a Casado 

Semella que hai máis afección pola sátira na esquerda que na dereita porque moitas pintadas teñen como protagonistas a políticos conservadores . ‘Casado, yo te hubiera abortado’ o ‘Cuando me vaya me echaréis de menos’ [pronunciada por un Rajoy retratado na Tinería] son algunhas das que se poden ver nas rúas de Lugo, nas que tamén se debuxou unha momia de Franco e ao fusilado Alexandre Bóveda, no vello cárcere.


Feminismo, cos tempos 

Se hai un movemento sociopolítico potente nos últimos anos é o feminismo e así se reflicte tamén nos graffitis, do xeito máis dispar. Nunha marquesiña fronte ao monte Segade, alguén pintou a rompedora Maruja Mallo e o chamado Banksy lucense debuxou unha Magdalena na Tinería, un escenario que con toda seguridade non elixiu ao azar. Durante décadas foi o epicentro da prostitución en Lugo.


Aceptación social 

A ninguén lle gustan os borranchos nas paredes, hai propietarios que ata contratan graffiteiros para que lles decoren as súas co fin de evitar que os vándalos llelas estropeen e nalgunhas cidades son as administracións as que promoven grandes murais. A cidadanía aprecia os debuxos artísticos. O borrado a medias que se fixo de dous graffitis do Banksy lucense na Tinería e nunha casa que dá a muralla xerou críticas.

Comentarios